Denuncian que a Embaixada impide que un grupo tunisiano actúe na Mostra de Teatro de Ourense

Charla cun grupo de Guiné Bissau na Mostra de Teatro de Ourense © ACPP

A Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP), que leva desde o ano 2005 coa Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense, vén de denunciar que a Embaixada española en Tunisia impediu a participación do grupo de teatro tunisiano Fanni Raghman Anni-Mon arte Malgré Moi na edición deste ano. Segundo a agrupación, que colabora na achega das realidades sociais de diferentes países a través das actuacións de diferentes compañías, denuncia que o Goberno central prohibiu a chegada do grupo norteafricano a Galicia argumentando que "os artistas convidados non podían acreditar os medios económicos suficientes para a súa estadía", o que "implicaba un risco de que quedaran no país de xeito irregular", malia que "a organización cubría todos os gastos".

A Embaixada negoulle o visado ao grupo tunisiano por "non poder acreditar os medios económicos suficientes para a súa estadía"

A ACPP asegura que logo de que se recompilasen todos os documentos solicitados en varias ocasións pola Embaixada para lles conceder o visado aos artistas, o expediente foi pechado. No entanto, e logo de que se demorase a resposta definitiva, a delegación do Goberno español en Tunisia comunicou que non concedía os visados "porque non se cumpría cos requisitos, en particular cos requisitos económicos suficientes para descartar o risco de que os membros do grupo de teatro puideran quedar en España de maneira irregular".

"O cónsul de España en Tunisia, Enrique Conde León, opúxose a autorizar a viaxe", denuncia a ACPP, que lembra que repara no feito de que o cargo público dun país no que a taxa de paro supera o 26% e o 55% entre os menores de 25 anos, franxa á que pertencen a maioría dos actores, pense "que hai risco de que se queden en España de maneira irregular", logo de censurar que "o representante dun goberno que fai bandeira das bondades da marca España non tivese a ben facilitar un simple intercambio cultural".

A ACPP critica que "o representante dun goberno que fai bandeira das bondades da 'marca España' non facilitase un simple intercambio cultural"

ACPP leva colaborando coa Mostra Internacional de Teatro Universitario desde o ano 2005. En todos estes anos promoveu a visita de compañías de: Palestina, El Salvador, Honduras, Nicaragua, Costa Rica e Guinea Bissau. Na edición deste ano, pretendía presentar a realidade de Tunisia (país no que está presente desde 1994) achegando o traballo do grupo Fanni Raghman Anni-Mon arte Malgré Moi e "falando con eles sobre a primavera árabe, preguntar como unha revolución que xerou tantas expectativas e foi exemplo de rebeldía inflúe na creación artística, e sobre todo, cales son as perspectivas de futuro da súa poboación".

 ACPP sente que todo o traballo que leva feito para traer a Ourense a realidade tunesina, "non poida materializarse", mais o que aconteceu "reafírmaa na necesidade de seguir co seu traballo para rachar prexuízos e loitar por unha sociedade máis xusta e solidaria". ACPP fai, ademais, fincapé na "distancia que hai entre unha diplomacia ancorada noutros tempos e esta ongd, que explícita o seu compromiso por construir unha sociedade máis crítica e construtiva".

A MITEU, na súa XVIII edición, desenvolverase en Ourense do 12 ao 27 de abril. ACPP tamén colabora achegando a realidade de Ecuador, que participará representado polo artista Chokilla coa obra “La plegaria de la selva y otros cuentos” o día 22 de abril ás 20.30 horas no Auditorio Municipal.

Charla cun grupo de Guiné Bissau na Mostra de Teatro de Ourense © ACPP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.