Desafíos políticos en Europa en 2014, "unha fotografía no medio da tormenta"

Cartaz do ciclo © Consello da Cultura Galega

"As transformacións políticas de finais do século XX están a redefinir o papel dos suxeitos políticos na Unión Europea. Isto unido á crise económica, aos novos liderados e ás convulsas relacións norte-sur fan albiscar cambios no vixente modelo europeo. Móvense os marcos e cómpre atender os seus efectos". Así se presenta o ciclo de conferencias Desafíos políticos en Europa en 2014, organizado polo Consello da Cultura Galega e coordinado por Antón Baamonde. As xornadas comezarán este xoves 13, e terán continuidade o xoves 20, o martes 25 e o xoves 27, sempre ás cinco da tarde, convidando a reflexionar sobre os procesos soberanistas abertos en Escocia e Catalunya, ou sobre o debate federal aberto no Estado Español, todo no marco da crise económica.

"Galicia non é Murcia, como se adoita dicir, pero aquí non se fala de nada, non hai plan A nin B, todo o debate político é en clave interna"

"Estamos no medio do lío, polo que pensamos que é bo parar a reflexionar", di Baamonde, que define estas xornadas como "unha fotografía da situación no medio da tormenta". Sinala que "está habendo cambios en Europa, e pode que os haxa no Estado Español, ben porque Catalunya marche, ben polo que parece máis probable que suceda: unha renegociación do pacto fiscal". E lamenta que "en Galicia non se fala destes temas e do impacto que poden ter aquí". "Galicia non é Murcia, como se adoita dicir, pero aquí non se fala de nada, non hai plan A nin B, todo o debate político é en clave interna", conclúe.

As catro sesións previstas debullarán ameazas e oportunidades económicas do novo contexto, o debate sobre os distintos modelos de Estado, os marcos lexislativos e as consecuencias que para Galicia terán todos estes retos. Comezarán este xoves cunha conferencia sobre O estado e a crise económica actual, ofrecida por Luís Caramés, catedrático da USC, e outra de Albino Prada, profesor de Economía da Universidade de Vigo, sobre Balance e perspectivas competitivas de Galicia na UE.

O xoves 20 falarase de Escocia, cunha conferencia sobre o proceso independentista que se vive naquel país e que se dirimirá o vindeiro 18 de setembro nun referendo. Falará Michael Keating, ESRC Senior Fellow on the Future of the Uk and Scotland Programme.

O martes 25 será a quenda de Catalunya, que ten fixada a súa consulta para o 9 de novembro. Carles Viver Pi-Sunyer, presidente do Consell Assessor per a la Transició Nacional desde 2013, falará sobre A consulta sobre o futuro político de Catalunya e o chamado “dereito a decidir”.

Finalmente, o xoves 27 as xornadas centraranse nas distintas propostas para converter España nun Estado federal, a través de dúas conferencias. Cooperación e competición no federalismo contemporáneo, a cargo de Ramón Máiz, catedrático de Ciencia Política da USC, e Reformar a constitución, e agora que? de Javier Pérez Royo, catedrático de Dereito Constitucional da Universidade de Sevilla.

Cartaz do ciclo © Consello da Cultura Galega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.