Cada disco de de Lisabö é unha experiencia única, cada canción unha descarga, unha bomba sonora. Sorprenden e emocionan con temas de moitas capas, densos, pesados, duros, pero sutís ao mesmo tempo. Lisabö formouse en Irún en 1998, e a través de cinco álbumes foi forxando un estilo moi recoñecible dentro do campo do post-rock con claras influencias de Fugazi ou Shellac. Sempre preparando os seus traballos con coidado e dedicación, e dende o seu último disco, no seu propio selo, Bidehuts.
Despois dalgúns cambios na súa formación, chegarán esta fin de semana a Pontevedra con seis integrantes: dous baterías, dous baixos e dous guitarras, con Karlos Osinaga, voz e guitarra, coma o músico máis recoñecible da banda, na que disco a disco van gañando peso tamén as letras de Martxel Mariskal. Adorados pola crítica e envexados por músicos e bandas, o seu último álbum, Animalia Lotsatuen Putzua, foi escollido por Rockdelux como o mellor disco español do 2011. Como escribiu sobre eles Roberto Herreros: "Cada paso de Lisabö é un pequeno acontecemento. Son pouco prolíficos, os seus concertos son experiencias desarmantes e non existen grupos que se lles parezan".
"Cada paso de Lisabö é un pequeno acontecemento. Son pouco prolíficos, os seus concertos son experiencias desarmantes e non existen grupos que se lles parezan"
Lisabö actuarán o sábado na Sala Karma, dentro da festa de aniversario de Desconcierto Cultural. Falamos con Eneko, batería da banda.
Por que esta espera de catro anos? Como foi o proceso de creación deste álbum?
Cando rematamos a xira de Ezlekuak decidimos tomar un descanso indefinido. Levábamos dos años xirando e necesitábamos algo de espazo e de tempo. Non é que canses das túas cancións, pero necesitas distanciarte un pouco para volver crear. Un día Ionyu comentou que quería deixar a banda, o que foi un golpe duro para todos, pero decidimos seguir adiante e atopar un substituto, que queríamos que fose alguén próximo, un amigo, e que lle gustase Lisabö, e entrou Xabi. Foi a época na que estabamos gravando o tema de Mikel Laboa, para o disco de homenaxe.
"Para nós Bidehuts é unha ferramenta para a autoedición"
Como é o traballo de Bidehuts. Definídelo como selo, casa de creación...?
Non o definimos como un selo, aínda que boa parte do proceso é o mesmo que se leva a cabo nun selo. Para nós é unha ferramenta para a autoedición. Non deixar de ser unha marca, un label que se lle pon aos discos. E alí somos un grupo de amigos, en realidade, porque todos os artistas que se foron unindo foi por afinidade persoal.
É unha necesidade ou é un modelo a imitar?
Nos últimos anos están xurdindo cousas parecidas, de bandas que se autoproducen. Non creo que inventáramos nada. Trátase basicamente de que un grupo dea os pasos que cre que debe dar, e no momento no que quere facelo. Ten a súa parte mala, porque tes que estar pendente de todo o proceso, e seguramente cometemos erros, pero é o camiño que escollemos.
"Neste disco o que queríamos era ir ao local, comezar a tocar e recuperar sensacións"
As vosas cancións son moi complexas, con moitas dimensións e capas. Como é o proceso de creación de Lisabö? Traballades a partir dunha melodía, dun ritmo, das letras...?
Neste disco en concreto o que queríamos era ir ao local, comezar a tocar e recuperar sensacións. A música de Lisabö trata diso, de sensacións. E estivemos meses tocando e gravando no local, durante moito tempo sen ter claro o que tiñamos nas mans. E ao final o disco fixémolo en pouco máis dun mes. Rara vez partimos dunha idea preconcibida.
A Sigur Rós non lles preguntan por que cantan en islandés. A vós pregúntanvos menos que antes pola cuestión de cantar en euskera? Asúmese agora con máis normalidade no Estado Español?
Que nós cantemos en euskera non debería ser noticia. Pero aínda hai xente que pregunta, e a min chegáronme a preguntar mesmo xornalistas de Euskadi. Afortunadamente noutros medios, como Rockdelux, nin se plantexan o tema de en que idioma cantamos.
A Pontevedra ides traer o esquema de directo de dúas baterías?
Si, agora somos seis. Joseba, o baixista de Dut, gravou con nós un tema, e finalmente incorporouse aos directos, polo que agora somos un dobre trío: dúas baterías, dúas guitarras e dous baixos. A ver se collemos no escenario (risas)
Outro dos sinais que identifican a Lisabö son as letras, de Martxel Mariskal, aínda que os que non sabemos euskera teñamos que descubrilo lendo as traducións...
Si, sobre todo neste disco, os textos de Martxel constrúen as cancións, son marabillosas. Ademais, neste álbum a relación con el foi máis estreita, porque antes incorporábamos as súas letras a cancións xa rematadas, e agora en cambio o traballo foi en paralelo.
"As cousas están cambiando e a xente está máis relaxada. Non sei se nos inflúe á hora de crear"
En Euskadi as cousas están cambiando, e supoño que o ambiente nas rúas, co fin da violencia e a apertura dun novo tempo político, é outro. A vós inflúevos?
Si, as cousas están cambiando e a xente está máis relaxada. Non sei se nos inflúe á hora de crear. Estamos nunha época nova que a ver en que queda todo. Din que é o tempo da política, pero a política é algo no que moitos non cremos demasiado. Ademais, hai moitas feridas que pechar, e por moito que os políticos dean pasos, as feridas ten que pechalas a xente, e os políticos o único que teñen que facer é axudar. Eu teño esperanza.
Que influencias tedes e que grupos che gustan máis ultimamente?
A base de Lisabö foron Fugazi ou Shellac ou Slint, moitos grupos. Agora gústame moito Florence + The Machine, sobre todo o primeiro disco que sacaron. Hai pouco coñecín a Tinariwen, que creo que son tuaregs, e tamén me gustan moito, ou The old guys, que son franceses e se parecen un pouco a Shellac. E na furgoneta tamén soan moito Mulatu Astatke e cousas así.