Discos da Máquina: Non é unha empresa, non é unha ONG, é outra cousa

Cartaz do concerto de presentación CC-BY-NC-SA Discos da Máquina

"Discos da máquina non é un selo musical. Non é unha empresa nin un chiringuito. Tampouco é unha ONG. É outra cousa. Unha asociación non profesional de grupos musicais independentes aos que lles consta que catro ollos ven mellor que dous e que para poderen seguir facendo o traballo creativo con independencia é preciso asociarse para que o outro traballo, o de xestión, o chungo, se faga máis soportábel". Queda así respondida a pregunta de "Que demo é Discos da máquina?", unha plataforma que servirá para producir e distribuír os traballos dos artistas e bandas musicais galegas e que comeza con Ataque Escampe, DasKapital e A Magnifique Bande dos Homes sen Medo. Discos da máquina preséntase, de feito, cun concerto conxunto das tres bandas o vindeiro sábado 22 de decembro na Sala Capitol de Santiago de Compostela.

Nace como un proxecto de autoxestión das bandas para mancomunar todos os traballos que van máis aló do estritamente musical

Discos da máquina, "un proxecto cooperativo que trata de sumar os esforzos dos grupos para que os resultados poidan lerse en clave de multiplicación", aparece no medio da catástrofe e en resposta a ela. Nun mal momento para a música, para a sociedade e para a lingua, entre outras vítimas. E como xa se expresaba no texto de autodefinición, nace como un proxecto de autoxestión das bandas para mancomunar todos os traballos que van máis aló do estritamente musical: "a autoxestión vén sendo unha das poucas saídas dignas. Pero, saben? Non é fácil. Pérdese o tempo, quéimanse as enerxías".

Con todo, tamén lembran que a música galega sempre estivo en crise, polo que a actual situación tampouco é unha novidade: "os selos discográficos coñecémolos das películas dos Beatles, as distribuidoras son un gasto innecesario no mellor dos casos (no peor, non diremos o que son) e na maior parte dos festivais que nos contratan non deixa de resultar exótico que os grupos pretendan vender o seu material".

Discos da máquina ponse como obxectivo "dar saída material" aos traballos musicais e manifesta "unha actitude ambigua" cara ás novas tecnoloxías

Discos da máquina ponse como obxectivo "dar saída material" aos traballos musicais e manifesta "unha actitude ambigua" cara ás novas tecnoloxías: "sabemos, por unha banda, que somos debedores delas, que unha das condicións de posibilidade da nosa autoxestión é a democratización dos softwares. Porén, somos conscientes de que a acumulación de materiais na rede é unha arma de doble gume e de que aí fóra está, acaso máis que nunca, o mundo real". Engaden que "a internet está demasiado chea de cousas e estar aí é, por desgraza, bastante parecido a non estar en ningures". De igual xeito fará distribución en tendas pero sobre todo queren estar presentes "nos lugares onde pasan as cousas. Nos concertos. Na rúa. Aí".

E por último defínense como un "proxecto semiaberto" pois procuran "unha certa coherencia musical" e engaden que "os grupos que desexen formar parte teñen que participar dos gastos colectivos e do traballo, pero tamén teñen que gustarnos a nós".

Cartaz do concerto de presentación CC-BY-NC-SA Discos da Máquina

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.