Divorcio total entre Urco e a Federación de Librarías

Caseta da editorial na Feira do Libro de Santiago © Urco

Dúas actividades paralelas á Feira do Libro de Rianxo ligadas a Urco Editora (un obradoiro de escritura creativa e un obradoiro-torneo do xogo de cartas Ophiusa) e previstas inicialmente finalmente non se levarán a cabo. A editorial denunciou esta mañá esta situación, motivada polas críticas realizadas nas redes sociais contra a Federación de Librarías de Galicia (FLG), que organiza a feira.

Pilar Rodríguez sinala que "a Federación non ten nada contra ninguén e non censura a ninguén nunca". Pero engade que "á hora de contratar actividades, somos unha entidade privada e contratamos a quen nos parece"

Urco denunciaba que tamén se suspendera a presentación dun libro (Negruña, de Xosé Duncan), algo que Pilar Rodríguez, presidenta da FLG, nega rotundamente: "A Federación non ten nada contra ninguén e non censura a ninguén nunca. Non se anulou ningunha presentación en Rianxo e iso comprobarase cando se faga público o programa". En cambio, confirma que non se realizarán as dúas actividades antes sinaladas: "Á hora de contratar actividades, somos unha entidade privada e contratamos a quen nos parece".

"A nós chamáronnos dicindo que os eventos que tiñamos previsto realizar quedaban cancelados e que a nosa presenza era incómoda. Entendemos que é incómoda tanto nunha actividade pola que eles nos pagan a nós coma nunha actividade que facemos de balde", responden dende Urco. Porén, engade, "estanse trabucando, porque non nos contrataban a nós. Nós non iamos gañar nada, eramos só intermediarios. Estaban contratando a unha rapaza, profesional da docencia de escritura creativa e escritora, e a un rapaz que ía organizar un xogo de cartas. Ela, ademais, non ten máis relación con Urco que o feito de ter publicado con nós unha novela en 2015. O xogo de cartas, iso é certo, está distribuído por Urco". "Entendemos que é unha pataleta da Federación, nada máis", conclúen

 

A orixe do conflito

Para entender este conflito hai que retroceder ao pasado mes de maio, á celebración da Feira do Libro de Compostela. Ao seu remate un dos integrantes de Urco editora criticou no seu perfil persoal de Facebook o xeito en que fora organizado o evento: "A feira do libro de 2016 é unha farsa. Hai xente q paga, hai xente como nós, q non. Se non fose porque nos subornaron coa gratuidade, non habería feira. De ser posuidor de armas de destrución masiva, o primeiro acabaría coa Federación de Librarías de Galicia". Denunciaba que a algunhas editoriais se lles cobrara pola presenza da súa caseta, mentres que a outras non, e que a algunhas -coma a Urco- se lles cobrara "en especie", é dicir, coa organización de balde de activiades paralelas á feira.

Urco e Positivas denunciaron que a algunhas editoriais se lles cobrara pola presenza da súa caseta, mentres que a outras non, e que a algunhas se lles cobrara "en especie", é dicir, coa organización de balde de activiades paralelas á feira

Unha denuncia semellante á que neses días realizou Edicións Positivas, que afirmaba que "a xestión da Feira deste ano é inaceptable, con prezos distintos para sectores iguais, mesmo con gratuidade para algúns, segundo os intereses dos organizadores. Ilegalidades dificilmente defendibles". Positivas chamaba a "mudar o rumbo da feira" e alertaba de que fora a feira "máis cativa da historia". Ademais, o Concello de Santiago retiráralle ao evento a subvención que habitualmente recibía, sinalando a edil Branca Novoneyra que "asumimos as peticións da maioría do sector do libro", engadindo que na feira compostelá só participaran tres editoriais da cidade. "Eu tamén considero que cómpre repensar o modelo de feira", concluía.

Dende Urco, critícase nun comunicado que "malia que o desangre das feiras da Federación leva acontecendo desde hai anos, algún membro da directiva non dubidou en botar as culpas de todos os males ante a prensa ao Concello de Santiago de Compostela, que este ano non decidiu apoiar ese modelo caduco e decimonónico, opaco e caciquil".

Pilar Rodríguez nega que existira "agravio comparativo" de ningún tipo, subliñando que na feira compostelá "pagou todo o mundo", en cartos ou coa realización de actividades

Preguntada polas críticas de Urco e Positivas, Pilar Rodríguez nega que existira "agravio comparativo" de ningún tipo, subliñando que na feira compostelá "pagou todo o mundo", en cartos ou coa realización de actividades. "Se este señor considera que a Federación lle fixo unha chantaxe, eu entendo que non debería traballar para quen o está chantaxeando, como el di", salienta, en resposta ás críticas lanzadas por Urco. "Os libreiros vivimos de vender libros, non de censurar a ninguén", conclúe, facendo un chamamento a "dignificar a profesión de editor" e a "construír entre todos e non destruír", traballando "polo libro galego, unidos, dende a mesma Feira do Libro de Vigo", que comeza este venres "e na que, por certo, se presenta un libro de Urco", di.

Presentación de 'O soño das cores' na feira compostelá © Urco
Caseta da editorial na Feira do Libro de Santiago © Urco

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.