"Xente de Galicia, xente taciturna. Xente pacifica, pero podemos molestar. E moito!". Este venres poderemos escoitar o novo disco de Os Resentidos, que inclúe as primeiras cancións novas da banda dende 1993. Celebrando o 30 aniversario da publicación de Galicia Caníbal, Fai un sol de carallo - Suite fai un percorrido polos temas máis coñecidos do grupo e incorpora seis temas novos, marcados pola situación económica e a crítica política. O álbum foi gravado en directo en Ourense o pasado 2 de marzo, co acompañamento da Banda “A Lira” de Ribadavia, a máis antiga de Galicia (con case 175 anos de historia), que lle confire ás cancións unha sonoridade de big band.
No CD e DVD que recolleron ese momento están Galicia Caníbal, Sector Naval, Economía Sumerxida ou Sitio distinto, pero tamén Grelicia, Anti-sistema, Warren Buffet ou Mambo Galego, un tema orixinal de Xabier Cugat ao que Os Resentidos lle incorporaron unha letra combativa e un retrouso pegadizo: "Coidado coas mans que logo van ao pan". No concerto colaboraron, ademais, Sés (en Dálle beibe dálle e Sex O’ Clock), Sito Sedes (en Tumbao) ou Roberto Sobrado (en Atlántico).
Como nace a idea de facer este disco e de facelo deste xeito?
A idea nace nos concertos que demos en 2012, con motivo do disco tributo, metéusenos o veleno dentro. Este 2016 fan 30 anos dende que publicamos Galicia Caníbal e pensamos que había que facer algo. Os Resentidos eramos un grupo relativamente transgresor, na nosa forma de compoñer e en todo o que faciamos, pero pola contra fomos sempre moi conservadores nos nosos directos, no sentido de que nos concertos sempre tocabamos as canción tal cal estaban gravadas nos discos. A verdade é que sempre tiven esa pequena frustración e por iso quixemos facelo agora deste xeito. A primeira idea era gravar cunha banda popular, e resultou que A Lira era a banda popular máis antiga de Galicia, nada menos de 175 anos de historia. Punkies si que eran aqueles labregos que hai máis de 175 anos fundaron unha banda nunha Galicia que parecía o cu do mundo!. Ademais, tiñan este formato de big band, que lle dá un son moi interesante.
"Eramos moi conservadores nos directos, no sentido de que nos concertos sempre tocabamos as canción tal cal estaban gravadas nos discos. Sempre tiven esa pequena frustración"
Como decidistes o repertorio? Supoño que co paso dos anos hai cancións que resisten moi ben o paso do tempo e, pola contra, outras que envelleceron máis rápido...
É curioso que, revisando o repertorio, vimos que as cancións que mellor soportaban o paso do tempo eran aquelas que tiñan un carácter máis rebelde, máis contestatario. Curioso e case diría que estarrecedor, que 30 anos despois sigan de actualidade cancións como Sector Naval ou Economía Sumerxida. Ou mesmo cancións que daquela pasaron algo máis desapercibidas para nós, como Zoo Lóxico, que falaban do Fondo Monetario Internacional e do Banco Mundial, hoxe teñen unha cruel vixencia.
Un pouco na liña das cancións novas que compuxestes para o disco, non si?
Si, de igual xeito as cancións novas que fixemos para este disco teñen un ton moi reivindicativo. É un disco moi rabudo, moi resentido, estamos como moi enfadados outra vez co mundo.
"Revisando o repertorio, vimos que as cancións que mellor soportaban o paso do tempo eran aquelas que tiñan un carácter máis rebelde, máis contestatario. Curioso e case diría que estarrecedor"
Xa dicides que "Os galegos somos xente pacífica, pero podemos molestar"...
Si, en Mambo Galego, que era un mambo de Xabier Cugat, que non tiña letra. Incluímoslle un retrouso (“Coidado coas mans, que logo van ao pan”), que era unha cousa que nos dicían cando eramos pequenos. Non sabiamos que podía haber de perigoso no pan e de sagrado no pan, pero convivimos con esa advertencia reiterada das nosas nais.
Noutro dos temas novos é protagonista un caixeiro automático, como símbolo dun sistema e dunha época. Tamén é un tema recorrente nos Resentidos, despois daquel Teño soños...
Si, daquela dicíamos aquilo de “Teño soños, non teño subconsciente, son un caixeiro automático” e agora fixemos unha canción (Grelicia) que compara unha situación que se pode dar tanto en Galicia como en Grecia e que quere fabular o encontro dun galego e un grego ante un caixeiro automático que non sabían ben que idioma seleccionar no caixeiro, porque a máquina só falaba en alemán. E iso daba problemas.
Falando de cancións con moitos anos, pero que seguen de máxima actualidade, unha delas podería ser tamén Abdul?
Abdul non está incluída no disco, pero ben podía estar. Porque a inmigración e a convivencia coa diversidade son temas moi presentes e de actualidade radical.
"Temos dúas camadas de público: por unha banda as persoas que nos anos oitenta tiñan máis ou menos a mesma idade ca nós. E a eles súmase a xeración do Xabarín"
Ides presentar o disco en directo. Tedes xa datas para a xira?
Aínda non temos fixadas datas, pero si que queremos amosar o disco en concerto o máximo de veces posible. Creo que por primeira vez temos unha posta en escena para directo interesante e moi ambiciosa, somos máis de vinte persoas en escena. Estamos a disposición de todos os que nos requiran.
Notas, sobre todo nos últimos anos, que Os Resentidos comeza a ter públicos moi distintos en idade, algún que mesmo é máis novo que algunhas das vosas cancións?
É certo que nós temos dúas camadas de público: por unha banda as persoas que nos anos oitenta tiñan máis ou menos a mesma idade ca nós. E a eles súmase a xeración do Xabarín, un programa que fixo moito pola música pop en Galicia, son xente que nos escoita e que non ten a referencia do que no seu momento puido ser o grupo. Fíxome graza hai pouco que, falando cunha xornalista nova sobre Fai un sol de carallo (que para nós era unha ironía sobre o clima de Galicia), ela preguntábame se era unha canción sobre o cambio climático. Cando fixemos a canción o concepto de cambio climático case nin se manexaba. Por iso para min é moi interesante a confrontación con públicos novos.
"Algo fixemos mal para que en Galicia nas últimas décadas non se conseguise crear esa estrutura musical, e nos últimos anos a propia crise fixo aínda máis difícil a situación"
Como valoras a situación actual da música galega, sobre todo a nivel artístico?
A nivel artístico, xa o dixen algunha vez, nunca se fixo mellor música en Galicia. Primeiro, porque é unha proposta musical moito máis diversa. Nos oitenta eramos practicamente o único grupo e galego, e hoxe atopamos máis dun cento de bandas que utilizan o galego como lingua vehicular. Agora, ademais, tocan moi ben, son moi bos tecnicamente. Nós viñamos da cultura punk, na que o descaro e o feito de non ter preparación técnica era case unha marca, e hoxe todo isto cambiou.
Falta unha estrutura máis forte, sobre todo a nivel de difusión?
Lamentablemente esa calidade non se corresponde coa difusión que debería haber, ou coa existencia dunha industria musical en Galicia que lle dea soporte. Algo fixemos mal para que en Galicia nas últimas décadas non se conseguise crear esa estrutura, e nos últimos anos a propia crise fixo aínda máis difícil a situación.