A colección dos vibrantes retratos de Elizabeth I de Inglaterra (1533-1603) está unida á emerxencia do seu país como potencia. A través deles pódese aprezar unha loanza da personalidade desta gobernante. Sempre peiteada e vestida espléndidamente, de presenza rexia e asequible, aparece constantemente nos lenzos rodeada de mapas, globos terráqueos, libros, espadas, xardíns, orbes, pólas de oliveira, versos, arquitecturas, símbolos e referencias a narracións inspiradas na temática artúrica e clásica. O Retrato do Arco da Vella culmina tódalas imaxes dela, imbuído no espírito da cultura renacentista inglesa e da conciencia independiente de Elizabeth.
O Retrato do Arco da Vella é pintado entre 1600 e 1602. Constitúe o último gran retrato de Elizabeth, cuxo grao de simbolismo e mensaxe destacan xunto a cadros coma Retrato de Armiño (1585. William Segar. Hatfield House, Hertfordshire) ou o Retrato Ditchley (1592. Marcus Gheeraerts o Novo, The National Portrait Gallery, Londres). A súa autoría non é segura: está relacionada con dous pintores da corte isabelina, Marcus Gheeraerts o Novo e Isaac Oliver. A formulación da obra está moi coidado. Posiblemente sexa a obra que mellor capta a atmosfera das aparicións públicas de Elizabeth. Aquí aparece magnífica, cómoda e cordial. Esta naturalidade remárcase polo emprego de brillantes tonalidades alegres que dan unha visión fresca e colorida.
A colección dos vibrantes retratos de Elizabeth I de Inglaterra (1533-1603) está unida á emerxencia do seu país como potencia. A través deles pódese aprezar unha loanza da personalidade desta gobernante
A inspiración deste retrato son os Himnos a Astrea, escritos por Sir John Davies en 1599. O poeta identifica neles a Elizabeth con Astrea. Astrea é identificación romana de Dike. Segundo Hesíodo, “existe unha virxe, Dike, filla de Zeus, maxestosa e respetable para os deuses que habitan no Olimpo” (Traballos e días, Fábula do falcón e o roiseñol). A súa nai é Temis, deusa da Xustiza, motivo polo cal a miúdo son similares na laboura e protección do equilibrio na sociedade. Erastótenes na súa Mitoloxía do Firmamento (segunda metade do século III a.C) a identifica coa constelación Virgo e recolle o relato de Arato sobre Dike. “Narra que nun principio ela era inmortal e que vivía na Terra cos homes, que a chamaban Xustiza”.
O Retrato do Arco da Vella é pintado entre 1600 e 1602. Constitúe o último gran retrato de Elizabeth
Porén, co tempo isto troca, pois “deixaron de respetar a xustiza”, ata que finalmente todo desemboca en discordia e guerras. Dike “aborreceunos definitivamente polo seu desprezo á xustiza e ascendeu o ceo” (Mitoloxía do Firmamento, Virgo). É Ovidio quen a chama “Astrea” (Metamorfose, as catro idades) e Virxilio considera a súa volta a Terra como o inicio da Idade de Ouro (Bucólicas, Égloga IV). Esta simbiose establecida por Davies é moi importante, porque incide no papel de Elizabeth como responsable da equidade social e de abrir unha era de auxe. O poeta tamén contribúe ao concepto dela como “A Raíña Virxe” asociándoa coa Virxe Astrea e establecendo a chegada do seu goberno coa prosperidade da Idade de Ouro. Ela é a “Real Astrea que fai o noso día/eterna no seu resplandor, non poderá/a escuridade total superala/eu agora entendo por que algúns escriben/ningún país ten tan curta unha noite/como Inglaterra ten en vran” (Himno VI, a un rousinol).
O peiteado, o tocado, a xoiería e o traxe forman esta estética fantástica, penetrante e altamente imaxinativa. O cabelo longo, cobrizo e de reflexos louros trátase dunha perruca moi traballada. O peiteado é un semi-recollido descontextualizado, con formas rizadas e na zona frontal dúas torsades -guechos retorcidos sobre si mesmos-. Ten volumes medios e laterais. As ondas caen soltas sobre os ombreiros e o peito, contrastando de maneira suxestiva a cor do cabelo coa pel branca. Como complemento leva un tocado bordado de perlas, portando nel unha coroa de perlas, rubíes e topacios, rematada nunha lúa crecente. No lateral leva unhas plumas brancas arqueadas. Na parte frontal colgan perlas unidas por un topacio engastado e que seguen o modelado das torsades. Ademais das perlas en forma de lágrima, o cabelo está embelecido con broches de ouro engastados con topacios e rubíes. Tanto o peiteado como os complementos combinan de forma sutil a maxestade ca coquetería.
As xoias teñen un marcado protagonismo. Cóntanse pendentes de ouro, rubíes e perlas, na gorgueira unha peza deseñada como unha luva en xemas preciosas, pulseiras e un colar de perlas, este último cun colgante de topacios, rubíes e unha gran perla. En concreto as pulseiras e o colar empréganse para resaltar as mans e a pel. E como é habitual na moda da segunda metade do século XVI, o colar vai recollido nun nó e despois solto. O vestido e as prendas que o acompañan teñen un papel igualmente importante. É un traxe branco, bordado de flores. Na manga leva cosida unha serpe de cor verde escura, cosido con diamantes, perlas, rubíes e topacios. A serpe leva na boca un colgante en forma de corazón cun rubí e sobre a cabeza do réptil, atópase unha esfera armilar prateada. Un manto de pano de ouro e forrado de tafetán de seda branco debuxado cobre o vestido. O manto distínguese polos motivos de ollos e orellas, así como polas perlas de distintas dimensións dispostas no bordo do tecido.
Simbolicamente un dos elementos mais importantes é a xoia da lúa crecente que leva na coroa
Elizabeth leva en conxunto tres gorgueiras, o que da maior complexidade á composición do vestido. A primeira gorgueira é de tea e acompaña o colar de perlas no pescozo. A segunda gorgueira é igualmente de tea e está engadida rodeando parte do corpiño. E por último está a gorgueira de finos aramios e armada ás costas, ornamentada con perlas e topacios de novo. Desta última gorgueira caen veos envolvendo a figura, dándolle unha aura que aboia arredor dela. No fondo escurecido pode ollarse o arco de medio punto clásico que enmarca a Elizabeth. De feito toda a luz está concentrada na súa figura, incidindo no xesto da man que sostén o Arco da Vella; este xorde do manto dourado dando sentido á frase en latín escrita á esquerda en letras tamén douradas: Non sine sole iris (Non existe o Arco da Vella sen o Sol).
Simbolicamente un dos elementos mais importantes é a xoia da lúa crecente que leva na coroa. Un dos primeiro retratos de Elizabeth con este símbolo é unha miniatura de Nicholas Hilliard (1585-1586, Victoria and Albert Museum, Londres). Mediante un lazo o broche de media lúa colga no vestido, nunha vinculación de Elizabeth ca deusa Diana/Ártemis. Cos anos este vínculo faise mais forte, pois Edmund Spenser e Sir Walter Raleigh citan nos seus poemas a Elizabeth como esta deusa. En A Raiña das Fadas (1596) Spenser chámalle Belphoebe (Bel Phoebe, “Bela Diana”) pois Febe (Phoebe) era un dos alcumes de Diana. Como deusa da Lúa aparece en Virxilio: “E xa o día tiña deixado o ceo e a nai Febe recorría o centro do Olimpo co noctámbulo carro” (Eneida X 215 s). Pola súa parte Raleigh alude a esta equiparación con Diana arredor de 1592 no seu poema O amor de Océano a Cintia. (Alcume que vén do feito de que Diana nace no monte Cintio da Illa de Delos).
O atributo de Diana, a lúa ou a lúa crecente ven porque “tamén lle chaman Diana errabunda, non pola caza senón porque se inclúe entre os sete astros errabundos” (Cicerón, Natureza dos deuses 2, 68). No cadro vese non só na lúa crecente no tocado, senón nas propias perlas. Pola súa luminosidade e forma circular evocan a lúa e son un símbolo de virxindade. A equiparación con Diana resulta unha idea certeira polo feito de que Elizabeth rexeitara casar. A deusa da Lúa polo seu propio desexo de non casar é “a virxe venerable” (Himnos homéricos XXVII, a Ártemis 1-10). Diana é unha deidade ligada a Natureza, polo que estas connotacións aportan distintas cualidades á dimensión da Raíña Virxe.
Da peza da lúa crecente segue en importancia a luva prendida na gorgueira. Elizabeth establece o igual que o seu pai Henrique VIII un modelo de corte onde imperaran os principios do amor cortés. A devoción do cabaleiro pola senhor é un principio que ela emprega para cultivar o respecto, a lealtade e a admiración dos distintos membros da nobreza. As prendas teñen un lugar moi importante no que finalmente sería un sistema de equilibrio de faccións, poderes e contrapoderes, porque son signos visibles de favor ou recoñecemento. O xesto íntimo de colocar esta clase de xoias preto do rostro e o peito, fai referencia a consideración na corte de Elizabeth coma a personificación do ideal cabaleiresco.
A fama do protagonismo naval inglés válelle a Elizabeth, como a personalidade mais poderosa de Europa, o título de “A Raíña dos Mares” na República de Venecia
A combinación de xoias e vestimenta simbólica está presente na esfera armilar, representa poder e coñecemento. A fama do protagonismo naval inglés válelle a Elizabeth, como a personalidade mais poderosa de Europa, o título de “A Raíña dos Mares” na República de Venecia. A isto súmase o éxito polo alcance de terras inexploradas e as relacións diplomáticas. Elizabeth empregaría dende moi cedo o motivo da esfera armilar como un símbolo da sabiduría e os seus froitos. A esfera armilar esta xusto sobre a cabeza da serpe cosida na manga, retorcida sobre si mesma. É un símbolo de Minerva/Atenea, deusa da intelixencia e da guerra. Chámanlle “prudente, de cambiantes formas, serpe” (Himnos órficos XXXII, a Atenea).
A serpe leva no beizo un corazón, o que simboliza a clarividencia e o alento, ás enerxías, á xenerosidade. Faise eco dos versos de Sir John Davies. “Por este recto goberno ela axusta/cada pensamento que no seu corazón xorde/este é o seu limpo espello verdadeiro/a súa mirada no cristal, onde ela espía/todas as formas da Verdade e o Erro” (Himnos XXII, da súa sabiduría). Por estes motivos a dimensión de Elizabeth-Minerva é axeitada; Minerva é unha deidade preparada para o combate, se ben prefire favorecer a paz e a vitoria mediante o intelecto. Preside o coñecemento, a instrución, as habilidades, as técnicas. É protectora do traballo e estímulo para producir. Tamén como Diana é doncela. Minerva é a “que rexeita o matrimonio, felicísima nai das artes” (Himnos órficos XXXII, a Atenea). Iso fai que se refiran a ela como a “virxe Palas Atenea” (Himnos homéricos XXVII, a Atenea 5-16), sendo facetas que súmanse na figura icónica de Elizabeth.