O traxe que viste Elizabeth exemplifica o código da vestimenta isabelina; o código establece que cada motivo, tea, xoia e cor empregados transmita unha mensaxe clave. Parte diso comentárase na anterior achega. Aquí entran novas cuestións. No Retrato do Arco da Vella Elizabeth loce un traxe de seda de cor branca embelecido con bordados de alelís, madreselva, prímulas e pensamentos. Están cosidos con fío policromado (en rosa, verde, amarelo) o que lle dá un toque suntuoso. Como dama sen casar, o seu vestido é de escote baixo, adornado cun encaixe que continúa na gorgueira. Os ombreiros están cosidos con seda transparente. Concretamente, os motivos florais -ao igual que todo no cadro-, teñen unha razón de ser.
A abundancia de delicadas flores primaverais son unha metáfora da rexeneración do Estado. Esta idea está tomada dos Himnos a Astrea. Sir John Davies escribe: “Garda (doce Primaveira) esta Ninfa nosa/eternas grinaldas das túas flores/verdes grinaldas que nunca murchan/e nela prolongará a Primavera o resplandor do noso Estado/agora e para sempre florecendo/tanto tempo como o Ceo perdure” (Himno I, a Primavera). Sir John Davies sinala o papel de Elizabeth neste proceso. Por iso o seu vestido pode compararse co de Flora, a divindade das flores pintada por Sandro Botticelli no seu lenzo de A Primavera (1480-1481, Galería Uffizi, Florencia). Ambos vestidos seguen os escritos de Ovidio nos Fastos (12 d.C). O poeta latino diríxese a Flora e pregúntalle:
Como é que, se nas festas de Ceres se engalanan con vestidos brancos, Flora se enfeita con atavíos de varias cores? Seica é porque a més se pon branca cando madura a espiga, e en cambio as flores acaparan todas as cores e intensidades? [Flora] Dixo que si, e axitando o cabelo, caeron flores, como adoitan caer as rosas espalladas polas mesas (Libro V, Maio).
No manto de Elizabeth aparecen dispostas formas de ollos e orellas. Fan referencia ao carácter de Elizabeth, atento, observador, perspicaz. Reincide na idea expresada mediante o símbolo da serpe
No manto de Elizabeth aparecen dispostas formas de ollos e orellas. Fan referencia ao carácter de Elizabeth, atento, observador, perspicaz. Reincide na idea expresada mediante o símbolo da serpe. Estes motivos están tomados da homenaxe que fai Sir John Davies nos Himnos a Astrea. “Ollo desa mente mais rápida e clara/como o ollo do Ceo, que dende a súa esfera/todas as cousas observa/ e ve a través de todas as cousas en todas as partes/e proba todas as súas as naturezas” (Himno XV, ao seu enxeño). O poeta considera que Elizabeth é o Sol omnipresente e omnisciente na Terra.
Elizabeth pousa cun longo manto dourado. Trátase dunha elegante imaxe que proxecta esa identificación dela co astro rei. Ao analizar as cores, vese unha paleta cromática de matices cálidos e luminosos (cobrizos e vermellos intensos polo cabelo e os rubíes. Branco pola pel, o vestido e as perlas. Dourado polo propio manto e o ouro). Tamén puntos de luz (diamantes) e de contraste (topacios azuis). Esta personificación da Raíña Sol funciona como contrapartida da Raíña Lúa. Esta idea xurdira xa en 1588 no Retrato da Armada (1588. George Gower, Woburn Abbey, Bedfordshire). Nese lenzo, as figuras do Sol aparecen aplicadas no vestido xunto coas perlas, símbolo da Lúa. Isto é similar no Retrato do Arco da Vella. Só que aquí os símbolos son empregados de maneira máis aguda, mais lúcida. En definitiva, máis en consonancia co calibre intelectual de Elizabeth, cuxos discursos están marcados sobre todo nesta época por obras coma Euphues. A anatomía do inxenio (1578) de John Lyly.
Na parte esquerda, xunto a man, lese Non sine sole Iris (Non existe o Arco da Vella sen o Sol). Nunha metáfora visual, o retrato mostra o Sol que tras a tempestade, fai saír o Arco da Vella. Así representa a Elizabeth como unha formidable personalidade cuxa presenza despois das inestabilidades anteriores orixina calma, seguridade e a prosperidade do Estado. As referencias e a clase de mensaxe que desexa transmitir concordan coa persoa que encarga esta obra. Esta persoa é Sir Robert Cecil, líder do Consello Privado de Elizabeth.
Representa a Elizabeth como unha formidable personalidade cuxa presenza despois das inestabilidades anteriores orixina calma, seguridade e a prosperidade do Estado
Sir Robert Cecil é fillo de Sir William Cecil, que tamén liderara o Consello Privado dende que Elizabeth en 1558 o escolle como un dos seus principais conselleiros. O traballo e a sólida colaboración de ambos en cuarenta anos só se rompe coa morte de Cecil en 1598. Xunto a ela están as sensibilidades e cerebros de Walsingham, de Leicester, de Hatton, sendo de todos eles Cecil a persoa na cal deposita a súa total confianza. No momento en que están con ela, todos os esforzos pasan polas mellores estratexias, consellos, actitudes e accións. Primeiro para manter o equilibrio e a independencia (política, económica e relixiosa (Elizabeth é a xefa suprema da igrexa anglicana)- ante os países do continente. E segundo, para favorecer todo o novo abrindo outras vías que contribúan o progreso do país non só no presente senón cara ao futuro.
Co Retrato do Arco da Vella, Sir Robert Cecil continúa a liña establecida por Elizabeth e o propio Consello Privado con respecto aos retratos de Estado. Neles retómase a expresión do poder e autoridade Tudor que Henrique VIII encarnara magnificamente da man de Hans Holbein. Os retratos de Holbein mostran unha imaxe pensada a partir da Acta de Supremacía de 1534. Elizabeth continúa este camiño tendo como premisa defender o legado do seu pai; consérvase o significativo prefacio escrito por ela da súa edición do libro Oracións ou meditacións (1545) de Katherine Parr. Elizabeth realiza a súa tradución trilingüe para agasallar ao seu pai en Decembro de 1545. Nel, ao dirixirse a Henrique VIII, ela coméntalle que “estou en débeda contigo non como unha imitadora das túas virtudes senón como unha herdeira das mesmas” (British Library, MS Royal, 7.C.X, sigs. 2r-5r; da tradución do latín orixinal).
En consecuencia, no retrato reflíctese unha nova consideración, non só espiritual senón incluso física, de Elizabeth. Ten setenta anos cando se pinta este cadro. Non é un retrato fiel ás súas faccións: ten a queixada máis puntiaguda, os pómulos máis marcados -co tempo comezara a parecerse moito á súa nai Anne-. Porén, si que aparecen os atractivos ollos, risco tamén recoñecible no famoso retrato de Anne Boleyn (1533-1536. Pintor descoñecido. The National Portrait Gallery, Londres). Os poucos retratos realistas de Elizabeth conservados nesta época mostran unha expresión desenganada e directa. Máis que fría ou inexpresiva, percíbese a experiencia do vivido. No Retrato do Arco da Vella, en troques, aparecen todos os puntos introducidos nos retratos de Estado.
Se Enrique VIII tivera a Hans Holbein, Elizabeth conta con Metsys o Novo, Marcus Gheeraerts o Vello, Hans Eworth, John Bettes, Robert Peake o Vello, Federico Zuccaro e os citados William Segar, Nicholas Hilliard, Isaac Oliver e Marcus Gheeraerts o Novo. Os cadros móstrana sempre no centro da composición, ocupando todo o espazo, sen perspectivas. Como é característico da pintura do norte de Europa, os lenzos teñen sobrios efectos atmosféricos. Tenden a ser extremadamente realistas na atención ao detalle. Respecto ao desafío ao tempo, coas primeiras engurras, Elizabeth preocúpase cada vez máis pola representación do seu aspecto. De tal xeito que dende 1573, a tendencia a estilizar o rostro sería unha constante, ata o punto de converterse nun dos puntos básicos para pintala. A medida que se fai maior e coa cuestión da sucesión sen resolver, o Consello decide destruír en 1596 todos os retratos que a mostran feble ou macilenta. De esta forma calquera persoa que vise as imaxes de Elizabeth nestes anos, pensaría que a carismática Raíña Virxe era unha figura firme e que, polo tanto, mantería con resolución o esplendor do seu país.
A medida que se fai maior e coa cuestión da sucesión sen resolver, o Consello decide destruír en 1596 todos os retratos que a mostran feble ou macilenta
O Retrato do Arco da Vella busca esta idea. De todas as imaxes de Elizabeth, este cadro destaca pola súa impresión indeleble e xenuína. É froito dun olfacto para a publicidade e un dominio sobre a mesma de moito tempo. No lenzo fíltrase a extraordinaria relación entre ela e a sociedade. Elizabeth, ao asumir como propios os intereses do pobo inglés, espertara un compromiso e un apoio pouco comúns. Con razón no seu discurso ante o Parlamento en 1601 di: “(…) porén, eu sempre mirei (por así dicilo) sobre una mesa plana onde [un texto] está escrito sen parcialidade nin prexuízo. A miña preocupación foi sempre proceder xustamente e rectamente para conservar o amor do meu pobo”, que valora “(...) non considerándoo no mais baixo da miña mente, senón escrito no mais profundo do meu corazón, porque sen iso principalmente, outros favores teñen pouco valor para min, aínda cando son infinitos” (British Library, MS Cotton Titus C.VI, fols. 410r – 411v). Por iso, este retrato hoxe é capaz de mostrar todas as ambicións, todas as forzas e aspiracións desta muller de Estado.