"En determinadas manifestacións artísticas chamadas comprometidas non había compromiso real"

Dominio Público Praza Pública

Alejandro Alonso, Arturo Casas, Manuel Forcadela, Teresa López, Laurence Malingret e Elias Torres realizaron unha escolma de traballos de Antón Figueroa que apareceron como artigos ou capítulos de libros entre 1983 e 2012. Dez textos que "supoñen unha escolma fidedigna e entendemos que cabal do pensamento do autor e do conxunto das súas investigacións", que ao relelos evidenciaron para o equipo de edición "a gran coherencia teórica que arrinca con Diglosia e texto e alcanza Ideoloxía e autonomía no campo literario galego". O resultado é Marxes e centros. Para unha socioloxía do campo cultural, (Laiovento), mostra do moito que Figueroa contribuíu a pensar a literatura galega, sendo un axente, en principio, externo a ela, -como catedrático de Filoloxía Francesa que foi ata xubilarse no 2013-. Mais se cadra en parte, por iso, o seu traballo, xunto co de González-Millán, abriu novas perspectivas, e debates aínda non pechados hoxe. 

No primeiro texto, (do 1983), recollido en Marxes e centros, -que entronca co contido do teu libro Diglosia e texto-, comentas que nunha situación diglósica o interese do texto desprázase cara ao código. Con consecuencias como a produción de textos "de escaso valor estético". Pasou tempo desde 1983 mais, como segue a condicionar en Galicia esa situación de linguas en conflito a escrita e a crítica?

En realidade sinto unha certa “malaise”, que dirían os franceses, ao ver hoxe en circulación textos meus feitos para outros tempos. Resúltanme, cando menos, un pouco simples. Por exemplo, que nunha situación diglósica o interese se desprace cara o código, non quere dicir que sen máis se poida deducir unha relación causa-efecto, como eu mesmo parecía deixar entender daquela. A cousas son máis complexas. Non é simple a resposta a ese “como”. Entre os galegofalantes, despois de anos de autonomía política oficial, persiste a percepción de que a cultura galega está en perigo ou mesmo aumenta o perigo de desaparición se observamos a saúde da lingua. Esta percepción incide con seguridade na comunicación textual e en toda a comunicación artística en xeral.

Comentas nese mesmo texto que, nunha situación de conflito lingüístico, a lingua literaria vese reducida "ao rol de pallaso da outra lingua". A cultura actúa como unha reliquia a exhibir en certas ocasións, como o Día das Letras. Co carácter carnavalesco do mundo ao revés. De que xeito pode seguir sendo así? E en que medida é o texto literario, en condicións de "normalidade", renovador de estruturas no seu contexto, nun momento, quizais, de máxima influencia na produción literaria das "leis do mercado"?

Diría dúas cousas. Vemos con certo asombro, e vergoña talvez, que nalgúns ámbitos ese “rol de pallaso” non só segue existindo, senón que resulta moi rendible. Obsérvese por exemplo o tratamento do “rural” nos medios (TV). A leis do mercado creo que propugnan produtos “artísticos” de rendibilidade asegurada. Obviamente iso non favorece a innovación. Agora ben non se pode facer unha separación total entre produtos artísticos puros e produtos de mercado. O artista puro pode resultar e resulta as veces tan autónomo que se queda sen destinatarios e o mercado pode ofrecer en casos produtos moi innovadores.

"Vemos con certo asombro, e vergoña talvez, que nalgúns ámbitos ese “rol de pallaso” non só segue existindo, senón que resulta moi rendible”

Cando se procura a afirmación da identidade propia directamente a través do texto, comentas noutro artigo de finais dos 90, este pasa a responder a unha acción pragmática, "política", que tende a "destruír o texto como tal". E isto faise desde un ideal autárquico a autoreferencial, -en relación coa construción dun pasado mítico-, xerador de discursos que enxalzan o rural, o mítico, o folclórico…, que acabaría restando dinamismo ao sistema. Mais, pensado, por exemplo, na revisión do "ruralismo" que se vén facendo na narrativa galega desde os 90, se cadra xa non é tanto así. Ou si?

Volvo en certo modo dicir o mesmo que na primeira resposta. Estas afirmacións que ti resumes ben reflicten un certo entusiasmo meu pola teoría que ten quizá a súa explicación histórica, pero lidas agora perécenme un tanto simples e mesmo en certo modo pretenciosas. Creo que en todo caso a cultura galega nestes anos pasou dun certo monolitismo ou uniformismo inicial a unha grande diversidade. Sobre todo penso que o escritor galego gañou en autonomía e creo que hoxe perderon o seu sentido aquelas normas máis o menos explícitas que circulaban de escribir ou non “rural”, “urbano”, etcétera. O ideal autárquico do que falas pode con lóxica reaparecer aquí ou alá sobre todo porque, como di un amigo meu, os repertorios sociais duran máis que as razóns que os produciron.

“A cultura galega nestes anos pasou dun certo monolitismo ou uniformismo inicial a unha grande diversidade”

Neste contexto, algúns textos do pasado son rapidamente convertidos en clásicos, o cal implica o establecemento de lecturas "correctas" para a crítica. Puido ser isto a razón, por exemplo, das lecturas monolíticas sobre Rosalía de Castro que comezaron a ser cuestionadas nos 80? (María do Cebreiro e Helena González falaban disto en Canon y subversión).

Creo que si. “Autor” ou “gran autor” son tamén conceptos construídos socialmente e dende logo é un erro sacralizar o que é historico e ignorar como se realizou a construción socialmente.

“É un erro sacralizar o que é historico e ignorar como se realizou a construción socialmente”

Na fase que González-Millán chamou nacionalismo literario, o campo nacional imporíalle ao literario normas externas a el, ao ser a literatura parte do proceso de construción nacional. Na descrición do campo literario de P. Bourdieu, a heteronomía viría dada pola incidencia no campo literario de valores económicos e comerciais. Mais os intentos autonomizadores virían en Galicia xa desde os anos 20. Pos exemplos como Manuel Antonio e a Nova Narrativa. Que outras correntes ou autores posteriores poderían representar esa mesma procura da autonomía do campo literario ou, polo menos, cal sería o balance actual desa tensión entre autonomía e heteronomía? Que avances percibes?

Na descrición de P. Bourdieu a heteronomía viría dada pola incidencia dos valores externos que ti mencionas, pero tamén por outros como poderían ser o relixiosos ou os políticos, etc. Creo que en Galicia os avances ou cambios maniféstanse na autonomía fronte ás normas políticas externas. Isto é algo que se percibe no textos, na crítica e nas maneiras de pensar polo menos dunha parte dos lectores, que tampouco son uniformes. O que dixen antes dos repertorios segue sendo válido tamén neste caso. Segue a haber lecturas políticas, pero non creo que predominen.

“Creo que en Galicia os avances ou cambios maniféstanse na autonomía fronte ás normas políticas externas”

Refíreste tamén, seguindo a Bourdieu, á contradición que suporía a valorización positiva do xurdimento, na literatura, dun polo heterónomo que respondería aos intereses do mercado. Valorización hexemónica no discurso dominante sobre a "normalización" da cultura galega. Segue a funcionar iso no sentido de celebrar obras de pouca calidade polo feito de que enchen "ocos" (xéneros, estilos, temáticas...) pouco presentes na nosa literatura?

Si, claro que si. Pero vexamos unha cousa. Eu tamén falei moito de “normalización”. Hoxe penso que falar de normalización pode introducir unha consideración política; o científico terá que observar, describir e explicar o que hai, pero se o cualifica de “normal” ou non, sen establecer unha certa distancia, estará na mesma proporción facendo política. Creo que o que afirmei antes da autonomización da escritura literaria tamén se produce na escritura crítica, polo menos como tendencia.

Tamén en relación con iso, hai outro ámbito que incide na literatura galega, impoñendo as súas propias normas. É o institucional, do que boa parte das editoras do país (por exemplo), amosan un grao elevado de dependencia vía subvencións. Como resta iso tamén autonomía ao campo literario galego?

Pois paréceme que como en todas partes. O rol dos gobernos na cultura é sempre moi delicado e presenta problemas tremendos, sobre todo porque carecendo os políticos -como é normal- de competencia técnica no campo cultural, téñense que servir de axentes do campo cultural para actuar: dar subvencións, premios, etcétera… Isto crea e introduce poderes heterónomos no campo cultural e modifica o xogo.

Lembro unha entrevista que vin unha vez na TV con Shostakovitch na que dicía que estaba preparando unha nova sinfonía para sometela ao Partido e logo interpretala en público. Lembro que daquela eu non entendía como o PCUS podía opinar dunha sinfonía, ata que lendo máis tarde unha biografía deste músico, alí contaba cales era os músicos mediocres utilizados polo Partido para xulgar aos seus colegas. Segue pasando.

O campo cultural galego tería nacido (xa desde o Rexurdimento) cunha función política importante que outorga aos creadores un estatuto social característico, como voces dun pobo en constante reafirmación, nunha situación de conflito nacional. En que sentido esta mesma dinámica puido frear, en Galicia, a crítica, e a autocrítica, das principais institucións culturais do país?

De acordo en xeral cos presupostos que indicas, penso que esta función política do campo cultural foi esencial para a súa propia existencia. Pero moi pronto empezou a xurdir o problema da autonomía e da independencia dos artistas. Ao mesmo tempo que se ían creando institucións. Creo que o poder de cambio e de renovación dos campos artísticos reside na propia dinámica do campo en cuestión, non na institución que en boa lóxica sempre tende a conservar o adquirido.

Miremos se non cara o que aconteceu noutras culturas. O que contraditoriamente resulta un pouco “chocante” fronte aos presupostos teóricos do concepto de campo social ou cultural é o rol que en culturas denominadas minoritarias teñen determinadas institucións ou perecen ter, habería que estudialo dende logo. Un campo implica a transformación sucesiva, constante e histórica do subversivo en oficial, do heterodoxo en ortodoxo. Non se lle pode pedir as institución nin esperar delas que planifiquen a subversión ou a heterodoxia, digo eu.

“Resulta un pouco chocante fronte aos presupostos teóricos do campo cultural o rol que en culturas minoritarias teñen determinadas institucións”

A toma de posición da Nova Narrativa, comentas noutro dos textos, vai propiciar que o segundo rexurdimento da literatura galega despois do franquismo xa se inicie cun grao importante de autonomía formal apoiada no diálogo estético internacional. Mais un escritor non é heterónomo porque adopte posicións políticas, senón porque obteña diso ganancias literarias. Porque o artista ten que homologarse como artista primeiro, para poderse facer, se quere, un artista comprometido politicamente. Comprendeuse isto na actualidade, nun contexto no que o discurso do artista comprometido xa non ten tanta relevancia? Mesmo pode acontecer o contrario: moitos autores actuais tenden a rexeitar etiquetas como poesía social, narrativa política... como un xeito de reivindicar a súa autonomía fronte ao campo político.

Estou de acordo e agradezo a interpretación que fas da miña posición. Pouco teño que engadir. Podemos en todo caso observar de feito que determinadas manifestacións artísticas chamadas comprometidas estábano sobre todo cun estilo xestionado dende fóra do campo. Non había compromiso real dentro do campo artístico e dos seus presupostos. Por iso mesmo, en consecuencias ou efectos políticos, eran moi relativos. Un artista sempre pode -e debe- poñer o seu creto artístico ao servizo do pobo. E ademais é afortunadamente moi frecuente, pensemos nos exemplos históricos de Beethoven, Chopin, Verdi ou o propio Shostakovich, que estreaba en Leningrado coa cidade sitiada polos nazis.

“Determinadas manifestacións artísticas chamadas comprometidas estábano sobre todo cun estilo xestionado dende fóra do campo. Non había compromiso real dentro do campo artístico e dos seus presupostos”

Di Isaac Lourido en História literária e conflito cultural que a túa análise, en última instancia, desvenda o carácter construído do concepto "literatura galega". En que sentido temos que revisar, entón, desde esa perspectiva (a do conflito inter e intra sistemas) conceptos como "literatura galega" ou "cultura galega"? De que maneira foi incorporada, en relación con iso, a perspectiva de Bourdieu á teoría literaria galega?

Mira, eu son neste sentido moi “fan” (ou fanático) de Bourdieu e polo tanto en parte irracional. Eu preferín ler bastante a fondo a Bourdieu e en consecuencia menos a outros autores, sobre todo nos últimos tempos. Paréceme que o concepto de sistema establece en certo modo condicións previas para poder utilizalo, mentres que a idea de campo véxoa máis flexible. Pero iso é a miña opción. Creo que a perspectiva de Bourdieu foi incorporada á teoría literaria galega, pero creo sobre todo que certamente hoxe se pode falar dunha teoría literaria galega con eses nomes e outros en Galicia e en Universidades importantes do mundo. Iso é unha achega pequena pero que unida a outras dan a imaxe dunha Galicia diferente.

"Creo que a perspectiva de Bourdieu foi incorporada á teoría literaria galega"

Comentas na entrevista que che fan en Marxes e centros que hai aspectos de Nación, literatura, identidade: comunicación literaria e campos sociais en Galicia (2001), que hoxe non te satisfán. Que aspectos? Que aspectos da teoría de P. Bourdieu (ou mesmo de Even-Zohar) poden ser pouco aplicables ao contexto galego?

Cando miro para atrás sempre hai cousas que me parecen contestables. Neste libro, aínda que hai moitas teses parciais válidas, creo que falta unha tese central clara. Nos outros libros sempre había unha tese clara no centro. Tamén no último.

Nesa mesma entrevista, ao falar do teu outro libro Ideoloxía e autonomía no campo literario galego, comentas que Bourdieu fala sempre dunha autonomía relativa. En que sentido? E en que sentido esa procura da autonomía pode conducir tamén, doutra banda, ao discurso da arte pola arte, ou a unha produción cultural só para entendidos ou iniciados?

Autonomía relativa é unha característica do campo por ser social. Simplemente é por ser un campo social. Autonomía relativa quere dicir que sempre hai un xerme de heteronomía. Publicas un libro, pero véndelo e iso son cartos e cantos máis vendas mellor, (ou peor?. Non creo), pero iso é un valor externo. Por iso a autonomía sempre é relativa. Autonomía leva a “só para iniciados”? É un perigo evidente, mira a música chamada clásica contemporánea que non lle gusta a ninguén nin ten apenas publico, ou tal vez a poesía actual nalgúns casos. Todos imos ás presentacións pero, logo, ás veces, a xente diche que non a dá lido.

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.