De que maneira se crean e definen as identidades nacionais da Península Ibérica? Como se constrúen a través da literatura e do cinema e outras producións audiovisuais, e na intersección dunha e doutras? A Universidade de Oxford acolle esta semana, entre o mércores e o venres unha nova edición do Forum for Iberian Studies, que chega xa á súa décimoquinta edición e que coma nos anos anteriores reúne investigadores e autores de Euskadi, Catalunya, España, Portugal e Galicia.
O programa inclúe achegas de todo tipo á investigación sobre a cultura galega
O encontro abrirase cunha interveción de Bernardo Atxaga, o mércores, para continuar nos dous días seguintes con mesas de debate e palestras,como por exemplo a que ofrecerá José Manuel Sande, programador do CGAI, centrada Na procura do novo cine galego. Historia, narración(s), identidade e modelos de representación.
O programa inclúe achegas de todo tipo á investigación sobre a cultura galega, dende A cultura e a gastronomía galega: Floyd vs Paltrow (Isaac Xubín), “Cándida” e a representación da emigrante galega a América (Margarita Ledo e Silvia Roca), Do nacionalismo literario á literatura post-nacional? Sobre o concepto de nación e os usos da identidade nos estudios culturais galegos (Alejandro Alonso), “Castelao e a sua época”: unha tentativa de (re)coñecemento a través do teatro (Antonio Iglesias), Galizan Memorials. Refiguring the Trauma of Fascism (John Thompson), (Re)-constructing national cinema in minoritized language contexts: The case of Wales and Galicia (Antía Pereira), The funny ‘others’. Stereotype and resistance in the humour of the emerging nations of Europe: a comparative analysis between Wales and Galicia (Daryl Perrins e Marta Perez Pereiro) ou Cinema galego: cuestións metodolóxicas para o seu estudo (Ánxeles Torres).
Ademais, o congreso contará con outras actividades, en paralelo, comezando cun obradoiro práctico de elaboración de guións, impartido por Diego Ameixeiras; tamén haberá unha sesión de novo cinema galego, con proxección de obras de Ángel Santos, Peque Varela, Ramiro Ledo ou Óliver Laxe. E tamén unha sesión explicativa sobre os medios de comunicación en Galicia, a cargo de María Yáñez e Belén Regueira.