Escenas do cambio e o devalo dos mitos

Europa na casa © Manuel G. Vicente

Occidente, civilización ou estranxeira? Que é Europa? De que xeito pode abalarse o mito dos valores europeos cando se contrasta co espazo íntimo? Ou xa ninguén cría nel? Fiámonos da democracia como sistema? E do outro europeo que senta ao noso carón? Iriamos vivir con el? Compartiriamos con el, polo menos, unha viaxe? Cederiamos parte da nosa torta para que el puidese comer? Ou prefeririamos engordar só as elites? Son algunhas das preguntas sobre as que se ergue Europa na casa, o espectáculo de Rimini Protokoll que, tras pasar por máis de 400 fogares europeos, se desenvolve estes días en Compostela no marco do festival Escenas do Cambio. Concibido como unha performance con ar de xogo de rol, celébrase, cada vez, nun lugar distinto. Na casa de alguén. Con participantes diferentes que se deixan guiar por unha persoa que fai de mestra de cerimonias -en Compostela, Antía Otero-, e por unha máquina que imprime tickets con preguntas e instrucións. Durante unhas dúas horas nas que se van xerando distintas dinámicas de interacción.

Primeiro, as preguntas para a persoa anfitrioa que prestou a súa casa. Despois, para todos os participantes. Fuches ou es militante dun partido político? Quen está nalgunha asociación, club ou ONG? Quen ten un traballo que lle dá para vivir? Quen mentiu algunha vez sobre a súa nacionalidade? Quen se sente máis europeo/a que cidadán do seu propio país? Quen ten medo do futuro? A máquina marca as quendas. Os tempos. As cuestións vanse volvendo máis persoais e inocentes para ir cuestionado, aos poucos, a “europeidade” de cadaquén. En escala de 0 a 5, quen ten máis disposición a ser solidario? Quen se beneficiou do libre mercado? Canto de ambicioso é?

As cuestións vanse volvendo máis persoais e inocentes para ir cuestionado, aos poucos, a “europeidade” de cadaquén

Retallos da historia da construción de Europa van sendo lidos. Os relatos intercálanse con historias persoais, contadas polas persoas escollidas polo grupo. Que pasou en tal punto do mapa? En que lugar non está a funcionar Europa? En función das respostas, fórmanse grupos. E pásase á fase cun potencial maior de poñer a proba as convicións. A solidariedade, sobre todo. Nunha Europa que deixa morrer aos refuxiados ás portas. Aínda que os problemas máis actuais non se citan. Ou non directamente. Mais si. Porque, que queda dos discursos declarados cando se comeza a competir? Estamos dispostos a cooperar perdendo a posibilidade de gañar máis puntos? Ou a deixar que os que quedaron máis atrás remonten? Ou a compartir o noso cun socio? A que imos renunciar? Cara ao final, máis verdades. Queremos tirar unha fronteira para construír outra cousa?

Porque, que queda dos discursos declarados cando se comeza a competir? Estamos dispostos a cooperar perdendo a posibilidade de gañar máis puntos?

Europa na casa repetiuse, en distintas casas de Santiago, durante os primeiros días de Escenas do cambio. E continuará esta semana. Xa non volverán, porén, espectáculos como Tijuana, de Lagartijas Tiradas al Sol. Outra obra que se achega ao performático. E que cuestiona, coma Europa na casa, pactos sociais que se deron por xustos. Sen selo. Sen mirar aos ollos de quen os sofre. Como as fronteiras. No caso de Tijuana é o salario mínimo interprofesional mexicano. Tres euros e medio ao día. O mito de “son pobres porque non queren traballar”.

O actor Gabino Rodríguez decidiu converterse, durante seis meses, en Santiago Ramírez. Obreiro emigrante en Tijuana. Nunha desas fábricas de confección das que o consumidor que procura os prezos máis baixos se beneficia. 10 horas ao día polo salario de sobrevivencia. Cando non son 16. Vive nun barrio formado por asentamentos irregulares. Creados por inmigrantes que atopaban traballo pero non vivenda. Nunha cidade fronteiriza, cunha economía moi ligada á economía estadounidense. Traballa. Obedece. “Si, señor”. Xestiona os seus prexuízos de clase media. Evita romantizar a pobreza. Convive coa violencia. Coas violencias. Da explotación laboral ao abandono, por parte do goberno, das clases sociais que non parecen existir. Que non contan. Que ditan as súas propias normas. A súa lei. Que pode ser a de Talión.

Traballa. Obedece. “Si, señor”. Xestiona os seus prexuízos de clase media. Evita romantizar a pobreza. Convive coa violencia. Coas violencias

Mais, que é a lei? E a xustiza? Que significa democracia onde uns 50 millóns de persoas viven co salario mínimo, condenadas á exclusión? Que agardamos da democracia? Que agardamos da política? Pois, -di a compañía-, a economía condiciona a maneira en que experimentamos coa política. E, cando a desigualdade non se reduce porque non se quere, porque non interesa, que acontece? Como en Europa. Nas súas miserias.

O mito e a necesidade de derrubalo é tamén alicerce de Don Juan, de Voadora. O mito da vellez. Porque, -pregunta Voadora-, se no ano 2050, España será o sétimo país máis vello do mundo, cun 38% da poboación maior de 60 anos, como se considerará a terceira idade? Unhas vacacións á espera da morte. Un tempo sen futuro? Unha renuncia aos soños? 22 voluntarios da zona de Compostela, maiores de 65 anos, son os intérpretes. Os actuantes. Porque hai moito de acción. E pouco do texto de Don Juan. Ninguén é Don Juan. Ou sono todos. Todos queren seducir. Gustar. Ser sexis. “Os vellos follamos”, di unha, a carón dunhas enormes letras que forman a palabra sexo.

Ninguén é Don Juan. Ou sono todos. Todos queren seducir. Gustar. Ser sexis. “Os vellos follamos”, di unha, a carón dunhas enormes letras que forman a palabra sexo

Cantan e bailan. Corren polo escenario. Uns tras doutros. Falan de produtos estéticos. De plans de futuro. “Vivir la vida loca”, proclama unha. Nun dos espectáculos de Voadora máis pop. Cimentado nunha inxenuidade que pode resultar, por momentos, excesiva, ou producir tenrura. Empatía. Porque Carmen, Encarna, Xesús, Manolo, Mary, Marga, Gena, María del Portal, José Antonio, Juan, Esther, Xacobe, Mercedes, Lis, Anxo, Serbia, Chita, Basi, Lourdes, Luisa, Albariza e Isaura poderían ser teus avós. Teus pais. Ou ti mesmo. Decatándote das hipocrisías da túa xeración. E reivindicando, ben alto, o dereito a vivir como desexes. Como unha dona Inés de 70 anos namorada como unha rapaza de 15, se che dá a gana.

Inocencia -controlada- e sinceridade non faltan tampouco noutra das obras que puideron verse nos primeiros días de Escenas do cambio: Cédric Andrieux de Jérôme Bel. Un percorrido pola danza contemporánea a partir da experiencia persoal do bailarín Cédric Andrieux. Do abraio pola serie Fama ás aulas de danza na que dixeron: “ben, será bo para o seu desenvolvemento persoal”. O traballo duro. O erguerse por enriba das expectativas dos demais. A inseguridade. A dúbida. O azar.

O bailarín vai facendo un relato, -falado e bailado-, pola súa traxectoria. Polos movementos e xestos de Merce Cunningham, Trisha Brown ou o propio Jérôme Bel. Non agocha a dor. O aburrimento. O sentirse inútil cando Merce lle pedía movementos imposibles para o corpo. Sabendo que o eran. Mais sen impoñer matices interpretativos. A través da súa historia, -con momentos de humor que conectan especialmente ben co público-, sucédense retallos de diferentes formas de concibir a danza contemporánea. E todo sucede alí diante. Sen adobíos. Sen case música. Coa voz e o movemento. A peza de Cédric Andrieux ten o seu correlato, ademais, noutra que puido verse en Numax: un documental sobre Véronique Doisneau no que a bailarina, maior como os actores de Voadora, conta, soa no escenario, a súa propia carreira. E as dúas obras teñen, -ou poden ter-, un efecto desmitificador do mundo da danza.

A través da súa historia, -con momentos de humor que conectan especialmente ben co público-, sucédense retallos de diferentes formas de concibir a danza contemporánea

Entre o baile e o espectáculo de marionetas, -humanas, sen fíos-, sitúase Jaguar, de Marlene Monteiro, outro dos espectáculos que puideron verse os primeiros días de Escenas do cambio. “Unha escena de caza atormentada”, di Marlene. Acompañada de Mandinga d’ Soncent, Wolfli ou Blaue Reiter. Marlene Monteiro e Andreas Merk bailan como autómatas. Movidos por fíos invisibles. Con ollos que non miran. Como monicreques manipulados para seren esculcados. Sen vontade.

Mais todo se vai tornando máis humano. A suor. A sucidade. O movemento. O xogo cunhas toallas, que por momentos adquire unha plasticidade medio escultórica. Ela vai espertando. Ou iso parece. El agarda, mais pasivo. Ela sente. Explora. Descobre. Parece comprender. E os dous semellan comezar a interactuar. A ter emocións. Que comezan a transmitir. O movemento segue a ser ximnástico. Por veces frenético. Acrobático. Por veces un pouco épico. Axudado pola música. Como replicantes que tentan deixar de selo. Que sofren, e provocan, certa violencia.

Como replicantes que tentan deixar de selo. Que sofren, e provocan, certa violencia

Aínda que, de falar de violencia, non sería esta peza, nin a de Tijuana, nin Europa na casa, a que de xeito máis cru -e real- a reflicte. A partir da xestualidade. Do movemento, tamén. En Archive, Arkadi Zaides recrea, desde a fisicalidade, a violencia do conflito entre Israel e Palestina, a partir de imaxes gravadas por voluntarios do Proxecto B’Tselem, unha iniciativa do Centro de Información Israelí para os Dereitos Humanos nos Territorios Ocupados, que dende 2007 distribúe cámaras de vídeo entre palestinos que viven en zonas de elevado grao de conflito para documentar as violacións de dereitos humanos.

Cal é o potencial de violencia incorporado en cada individuo e que prezo debe pagar o colectivo para o control dos demais?

Zaides reproduce os xestos, as posturas, as actitudes, as voces. Transfórmase nun adolescente tirando pedras, un soldado disparando, unha persoa ferida -hai algúns vídeos en internet que mostran partes do espectáculo-. Estende movementos, repite outros en loop… tracexa unha danza cos xestos da violencia. Un arquivo do corpo. De sensacións e emocións vivas. Pregunta pola participación e pola responsabilidade na desfeita. E formula unha cuestión: cal é o potencial de violencia incorporado en cada individuo e que prezo debe pagar o colectivo para o control dos demais? Tan pertinente. Para Israel, o seu país, que o rexeita. Para México. Para a Europa que fechou as portas da súa casa e botou os dereitos humanos ao vertedoiro. Para todo o mundo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.