Espello Cóncavo repara a “inxustiza histórica” da exclusión de ‘Azos de esguello’ do CDG

Euloxio Ruibal Dominio Público Praza Pública

O teatro galego non se librou, na transición nin tras o comezo da democracia, da sombra da censura doutros tempos. As sospeitas sobre intervencións do poder para evitar a proxección pública de certas obras chegaron ata a actualidade, ás veces en forma de intrincadas lendas. O caso máis famoso é o de As actas escuras de Roberto Vidal Bolaño. Aquel texto, que remexía na inventio sobre o achádego dos restos do Apóstolo, gañou no 1992 o certame Camiño de Santiago de Teatro Profesional. Pero a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo nunca o editou, incumprindo así as súas propias bases. A peza foi finalmente publicada por A Nosa Terra e o Concello de Santiago, e chegou ao escenario do Centro Dramático Galego (CDG) 18 anos despois da súa escrita, tras un anuncio de adiamento por parte de Agadic que ergueu moitas suspicacias e unha forte protesta do sector.

A mesma compañía que levou entón a escena Limpeza de sangue, Espello Cóncavo, será a encargada de reparar o que o seu director, Arturo López, cualifica de “inxustiza histórica”

Tamén Limpeza de sangue semellaba ter pasado ao cartafol de obras malditas. O seu autor, Rubén Ruibal, acudiu aos tribunais para reclamar que saíse a concurso a súa montaxe, tal como establecían naquela altura as bases do Premio Álvaro Cunqueiro, que gañara no 2005. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia deulle a razón no 2010. E a mesma compañía que levou entón a escena Limpeza de sangue, Espello Cóncavo, será a encargada de reparar o que o seu director, Arturo López, cualifica de “inxustiza histórica”: a negativa, por parte do CDG, a representar Azos de esguello, a gañadora no 1989 dese mesmo galardón, o Cunqueiro. Será, deste xeito, Espello Cóncavo a primeira compañía profesional que estreará, máis de vinte anos despois, esta obra, o vindeiro mes de febreiro.

Euloxio Ruibal si cre que as presións políticas estiveron detrás da decisión de marxinar Azos de esguello

Tanto Limpeza de sangue como Azos de esguello botan unha ollada á corrupción relacionada con negocios urbanísticos ilegais e compra-venda de favores. Rubén Ruibal non cre, porén, ter sido vítima dunha censura por motivos ideolóxicos, senón dun intento por parte dos responsables da Consellería de Cultura de demostrar o seu poder fronte ás súas protestas. Mais Euloxio Ruibal si cre que as presións políticas estiveron detrás da decisión de marxinar Azos de esguello.

“O que fixen foi unha sátira de certa clase política dos comezos da preautonomía. Aquelas corruptelas que se foron engrosando ata volverse, na actualidade, de proporcións xigantescas. O daquela director do CDG, Manuel Guede, decatouse de que Azos de esguello ía molestar a Consellería e a Xunta. E por iso non quixo que a obra se representase, malia que xa existía un compromiso por parte do anterior director, Blanco Gil. Mesmo había unha compañía formada xa, de palabra”, asegura.

"O daquela director do CDG, Manuel Guede, decatouse de que Azos de esguello ía molestar a Consellería e a Xunta. E por iso non quixo que a obra se representase"

A versión de Guede é ben distinta. “Sempre tiven unha liberdade absoluta para decidir sobre a programación. O motivo polo que Azos de esguello non se representou é que non me interesaba, desde o punto de vista estético. Cando comecei na dirección do CDG, no 1991, escollín montar Un soño de verán de Shakespeare e A lagarada de Otero Pedrayo. E cando o deixei, no 2005, xa estaban programadas A soldadeira de Luis Seoane e O merlo branco de Cándido Pazó. A nova directora do CDG, Ánxeles Cuña, decidiu programar outra cousa, e ninguén dixo nada sobre ningunha censura. Ademais, pasaron máis de 20 anos desde Azos de esguello e ningunha compañía a programou. Nin se fixo cando estaba o bipartito. Entón, que sentido ten dicir que a censurou o PP?”, sinala.

Guede: "Pasaron máis de 20 anos desde Azos de esguello e ningunha compañía a programou. Nin se fixo cando estaba o bipartito. Entón, que sentido ten dicir que a censurou o PP?”

En realidade, Azos de esguello si foi antes levada a escena, pero por compañías non profesionais. Unha delas foi Teatro do Vilar, no marco da Mostra de Ribadavia. O propio Arturo López dirixiu o grupo Valacar noutra daquelas montaxes amadoras. “Sempre admirei moito o teatro de Euloxio Ruibal, e penso que non hai correspondencia entre a súa calidade e o pouco que se representa. Por iso decidimos celebrar o 20 aniversario da nosa compañía con Azos de esguello. Eu penso que o CDG non a representou porque naquel tempo o personaxe de Galisindo se identificou con políticos das altas esferas”, explica.

Esta mesma tese tamén a comparte Laura Tato na edición de Azos de esguello que Toxosoutos tirou do prelo no 2011. Para ela, foi un caso de “censura sen paliativos á sátira máis virulenta que até o momento fora escrita contra a novísima democracia galega e, máis e concreto, contra a súa clase política”. O personaxe en cuestión, que Laura Tato relacionou co O porco de pé de Risco ou Viaxe ao país dos ananos de Celso Emilio Ferreiro, é unha caricatura do indiano que volve a Galicia e se mestura en negocios turbios. Galisindo compra xornalistas para que agochen as súas infraccións urbanísticas, presiona o alcalde para que lle deixe facer, e consegue que o nomeen gobernador a cambio da xenerosa doazón económica que, no seu día, lle concedera ao partido que acaba de conquistar o poder. “Galisindo é un estereotipo, que non creei pensando nun político concreto. O problema é que eran os inicios da preautonomía, e seguían no poder, en gran parte, os mesmos. O franquismo sociolóxico estaba moi presente, e aínda hoxe pervive”, reflexiona Euloxio Ruibal.

 

“O franquismo sociolóxico estaba moi presente, e aínda hoxe pervive”

"O problema é que eran os inicios da preautonomía, e seguían no poder, en gran parte, os mesmos"

O autor de Azos de esguello chegara á etapa preautonómica sendo un dramaturgo xa coñecido pola censura franquista. Pois a crítica ao poder é un dos alicerces das súas obras. É máis: a violencia da guerra civil e da ditadura asoman de fondo en Zardigot e en O Cabodano, as pezas coas que gañou o premio Abrente no 1973 e no 1975, respectivamente. “O Cabodano foi, no tardofranquismo, directamente prohibida. Zardigot salvou porque, como fala de liberais e conservadores, a compañía presentouna como unha metáfora das guerras carlistas. Cando escribín o texto, comecei falando de nacionais e republicanos, pero decateime de que tiña que abstraer máis, universalizala para darlle máis forza”, subliña Ruibal. Do 1975 é tamén a farsa A sonada e proveitosa enchenta do Marqués Ruchestinto, na que leva ao esperpento non só a extrema crueldade do último franquismo, senón “a submisión ao poder. Porque sen súbditos non hai reis absolutistas”, lembra.

A loita contra a ditadura fora, de feito, posicionamento común nos membros da Xeración ou, -segundo a terminoloxía preferida por Manuel F. Vieites-, grupo Abrente, da que Ruibal é un dos principais representantes, xunto con Manuel Lourenzo, Roberto Vidal Bolaño ou, segundo a clasificación de Pedro Pablo Riobó, o propio Manuel Guede. “Eramos unha xeración sen mestres, debido á fractura que supuxera a guerra civil. Pero interesábanos moito o teatro de preguerra: Castelao, Otero Pedrayo, Blanco Amor... Eu comezara en Ditea, e a maioría das compañías tiñamos claro que a loita contra o franquismo era fundamental. Pero non queriamos facer consignas, senón un traballo de calidade estética, conectado co teatro europeo. Falabamos moito de Brecht, de Stanislavski..., iamos fóra, e desde Teatro Obradoiro mesmo trouxemos moi bos grupos de teatro independente á Caixa de Aforros, ata que nos botaron por roxos, porque preferían un teatro para un público burgués, como agora”, asegura.

"A finais dos 70 e nos 80 a sociedade estaba cambiando, e nós tiñamos certa desorientación sobre que tipo de teatro facer. Ata que nos decatamos de que a mediocridade, a arrogancia, a corrupción e o tráfico de influencias eran os mesmos de sempre”

Azos de esguello foi, ademais, xunto con Unha macana de dote, unha das obras que marcaron a segunda etapa da obra de Ruibal, segundo a análise de Damián Villalaín. Tras máis de dez anos sen publicar, o autor de Zardigot reapareceu no 1988 con Teatro infantil. Só un ano despois gañou o Cunqueiro con Azos de esguello, peza á que lle deu continuidade con Unha macana de dote, na que volve aparecer Galisindo coa súa filla, Polita. Villalaín salientou, precisamente, como un dos valores de Azos, a axeitada construción dos personaxes, xunto coa eficacia do diálogo, a síntese narrativa e un ollar crítico
máis sereno, menos desasosegado e angustiado que o das primeiras obras.

“O que en A enchente era unha crítica máis surrealizante, virulenta, en Azos está tratada con máis madurez, humor e ironía, é certo. É unha farsa-comedia máis madura, si, mais eu seguía sendo un rebelde, como ata hoxe. Estivera varios anos sen publicar porque abrín unha galería de arte que me absorbía moito, e porque o teatro fora evolucionando, de xeito que parecía que xa non tiñamos cabida. O público dos 60-70 estaba moi politizado. Era moi entregado, e estaba famento de cultura. Pero a finais dos 70 e nos 80 a sociedade estaba cambiando, e nós tiñamos certa desorientación sobre que tipo de teatro facer, de que falar, con que estética. Ata que nos decatamos de que a mediocridade, a arrogancia, a corrupción e o tráfico de influencias eran os mesmos de sempre”, subliñou Euloxio.

Tanto Teatro infantil como Brinquemos ó teatro, o seu libro “máis querido”, permitíronlle ao autor explorar o seu lado “tenro, lúdico, alegre”. Pero con Azos de esguello volveu tratar a corrupción das clases dirixentes, ou a aculturación da sociedade galega -tal como sinalou Dolores Vilavedra-, como despois fará en Maremia, coa súa denuncia das políticas ambientais. Mais a súa crítica vai máis alá das circunstancias socio-políticas de cada tempo, para alcanzar unha visión nada optimista do ser humano, como demostra nas pezas de Teatro mínimo ou Minimalia. “Creo que temos que reformularnos as
relacións humanas. O abuso de poder está non só nos partidos políticos, senón nas relacións interpersoais, veciñais, cívicas, de parella, de familia... A incomunicación, a soidade, a hipocrisía que amosa por exemplo a clase burguesa cuxo comportamento público non ten que ver co privado, reflicten ben como é a nosa sociedade”, salienta. 

"Tódalas conquistas sociais, moitas delas conseguidas polo PC, están desaparecendo"

Azos de esguello supón, ademais, o inicio dunha crítica á progresiva deriva do capitalismo que desenvolve, máis tarde, noutras obras como Namberguán, sátira sobre un mundo de falsidade, sen ética, no que todo se torna mercadoría baixo a ideoloxía neoliberal e neoconservadora. Nunha das súas últimas pezas, Labirinto da memoria, apunta tamén ao rexurdir, neste contexto, do fascismo social e do autoritarismo que reprime as protestas populares. “Aínda hai xente que segue a esperar un líder redentor, un salvador, no medio desta seudodemocracia que temos, herdeira do franquismo. Tódalas conquistas sociais, moitas delas conseguidas polo PC, están desaparecendo. Volvemos para atrás, aos tempos do franquismo, en dereitos laborais por exemplo. Por iso eu me alegro do ascenso de forzas que van loitar contra iso, como a AGE de Beiras e EU”, comentou.

"O problema é que a crítica molesta. Non interesa o que non sirva de lucimento aos gobernos, senón só o que só entretén"

E, neste contexto, non son casualidade, na súa opinión, os recortes que está a sufrir o teatro galego. “Partiamos dunha certa abundancia, en comparación coa época que vivimos nós, na que non tiñamos medios nin nos importaba. O problema é que a crítica molesta. Non interesa o que non sirva de lucimento aos gobernos, senón só o que só entretén. Pasa co teatro e coa cultura en xeral. Agora, por exemplo, na Real Academia Galega tamén o imos ter difícil”, lembra.

Euloxio Ruibal Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.