"Estase a conformar un grupo de artistas que demostran que a canción de autor era pouco valorada en Galicia"

Xosé Constenla Dominio Público Praza Pública

O compostelán Xosé Constenla gravará ao vivo o seu terceiro álbum o vindeiro 28 de xuño no Salón Teatro. Ao igual que fixeron moitos outros artistas puxo en marcha unha campaña de crowdfunding para acadar os cartos necesarios para facelo reunindo polo de agora 84 produtores para o álbum. O disco editarase a partir do 31 de agosto e tamén se presentará nese momento un video coa gravacións íntegra da actuación. Entre as recompensas que ofrece a través da páxina de Verkami está a descarga do álbum, o CD en formato físico, un DVD coa gravación do concerto e tamén camisolas. As recompensas maiores inclúen convites á festa que se celebrará despois do concerto, cancións dedicadas e tamén un concertos acústico exclusivo de-porta-a-a-porta, que Constenla se ofrece a dar "no salón da casa" de quen o queira.

Como vai a campaña?

A verdade é que estou moi emocionado, ilusionado e contento a partes iguais. Agora que estamos na recta final, pódese dicir que “progresou adecuadamente”, coma nos boletíns de cualificacións que tiñamos de pequenos e nestes momentos precisamos dun último esforzo. O importante foi que día a día se incrementou o número de co-produtores e con iso a cantidade foise achegando ao obxectivo final. Agora estamos na conta atrás pero tamén na costa abaixo. Outros artistas que xa pasaron pola experiencia do crowdfunding, xa me comentaran que os primeiros días son espectaculares e que despois o asunto reláxase un pouco para remontar ao pasar o ecuador. O “sprint” final debe ser moi potente. En todo caso, estando en plena crise, co que custa chegar a fin de mes, coa cantidade de xente sen emprego que hai…é incríbel o ritmo que tivemos. Teño moito que agradecer. Consigámolo ou non estarei, tempo longo agradecendo a resposta da xente ao meu chamado.

"Vai a ser unha oportunidade para escoitar ás miñas cancións acompañado por unha banda completa. Poucas veces tiven a oportunidade de defender o meu traballo deste xeito e penso que ao público que se achegue vaille sorprender a posta en escena, o acompañamento, os arranxos"

Como vai ser o concerto do Salón Teatro?

Pois vai a ser unha oportunidade para escoitar ás miñas cancións acompañado por unha banda completa. Poucas veces tiven a oportunidade de defender o meu traballo deste xeito e penso que ao público que se achegue vaille sorprender a posta en escena, o acompañamento, os arranxos. Teño o privilexio de contar cunha serie de músicos fantásticos. Artistas de ampla traxectoria como Javier Constenla (piano), Leo Gianetto (guitarras), Kike Calzonetti (baixo) e Rober Vázquez (batería). En todo caso, no concerto haberá cambios de ritmo para buscar espazos diversos de encontro co público: cancións con toque máis “rockeiro” coa banda a pleno rendemento e momentos máis íntimos onde a miña guitarra estará sustentada só polo piano. A intención é ir modulando o tempo musical para lograr que xurda un sinecismo conxunto…algo así como unha faísca compartida de creatividade social, consecuencia dun sumatorio de vontades distintas.

"No repertorio incluímos unha ducia de temas inéditos de temáticas moi plurais; dende unha autocrítica xeracional a determinados comportamentos que observo de irreverencia coa memoria histórica até algún rock and roll de homenaxe ao talentoso Johnny Cash"

Cal vai ser o repertorio? Algunha sorpresa?

Imos gravar o meu terceiro disco ao vivo e en directo. Así que no repertorio incluímos unha ducia de temas inéditos de temáticas moi plurais; dende unha autocrítica xeracional a determinados comportamentos que observo de irreverencia coa memoria histórica até algún rock and roll de homenaxe ao talentoso Johnny Cash xurdido de co-habitar os garitos máis sórdidos de Combarro (risos). Aproveitarei para recuperar algún poema de Avilés de Taramancos que musiquei no seu día e que quedaron aí, en terra de ninguén. Tamén, incluiremos temas dos meus dous discos anteriores e que son para min esenciais para comprender o meu traballo.

Ademais, no concerto van participar algúns artistas convidados como Javier Bergia, cantautor madrileño cunha carreira musical con máis dunha ducia de discos; ou Litus, artistazo que vai dar moito que falar e que xa é unha realidade no panorama peninsular. Tamén estarán Roberto Sobrado e César de Centi, que por ser compañeiros máis próximos non deixa de ser un privilexio que me acompañen. Haberá algunha sorpresa máis que aínda non podo desvelar. Agardo que o público sinta interese por todo este tinglado e nos acompañe o 28 de xuño.

Algunha anécdota desta xira?

A xira correu moi ben en termos xerais. Cantámoslle a Rosalía, ao Pobo Saharauí, a Roberto Vidal Bolaño; colaboramos co Proxecto Fiare, homenaxeamos a Silvio…tocamos na torre dun Castelo do século XI, levamos para casa ovos das galiñas de Lalo, tivemos a ocasión de pulsar o país de norte a sur actuando para catro persoas (descontanto aos familiares) nalgunha ocasión, etc…en fin, foron moitos momentos compartindo comentarios e críticas con amigos e, sobre todo, con Javier que foi quen me acompañou co seu teclado nesta aventura. Hai unhas semanas, en Vigo, tocamos nun local chamado Arenal X. Están comezando a programar algunha actuación os xoves e como un curmán meu está entre o grupo de persoas que o xestiona, aceptei o seu convite sen pensalo. O asunto levantou algún que outro comentario nas redes sociais tendo en conta que ese local non adoita acoller actuacións e menos de cantautores, senón que o seu estilo é digamos máis “chunda-chunda” (risos). Por ese motivo, unha amiga chegou a preguntarme se ía facer arranxos “techno” dos temas para que encaixasen mellor co garito. Mesmo un tweet dicía algo así como “Arenal X…o nome promete!”. Tiven que lembrar que eu xa toquei para públicos de todo tipo; dende residencias de xubilados, pasando por escolas infantís até na festa do orgullo gay varios anos en Compostela…e penso que con bastante aceptación en todas as ocasións, dito sexa de paso!! 

"Cada vez que vexo na bandexa de entrada unha mensaxe de Verkami (e xa van case unha centea) que di: “Boas novas! O teu proxecto ten recibido unha nova achega!”, decátome de que o sustento que recibo ten moito de implicación emocional"

Co crowdfunding fase virtude da necesidade? Reconforta ver como a xente vai achegando cada dia o que pode e se converte en produtores do disco?

Penso que o crowdfunding ten dúas vertentes. A económica é a máis evidente e supoño que a finalidade máis perceptíbel para a xente. Porén, despois de trinta días, coido sinceramente que non é a máis importante. Quero dicir, o proxecto de gravar o terceiro disco en directo vai saír de todos os xeitos. Se non conseguimos a cantidade pois…eu que sei, non faremos o vídeo ou a edición será máis “cutre” ou simplemente publicaremos “on line”; xa se verá. Eu estou re-educándome na cuestión das redes sociais, comprendendo a súa potencia promocional e á base de ser moi moi “plasta”, coido que cada vez que vexo na bandexa de entrada unha mensaxe de Verkami (e xa van case unha centea) que di: “Boas novas! O teu proxecto ten recibido unha nova achega!”, decátome de que o sustento que recibo ten moito de implicación emocional. Por iso falo de “sinecismo”, desa especie de forza sobrenatural (que Saramago chamou superpotencia) que posuímos os seres humanos cando nos xuntamos remando na mesma dirección…algo así como “tranquilo Xosé, contas co respaldo de todos nós: hoxe por ti mañá por quen sexa!”. Iso reconforta dun xeito máis intenso e por iso, no que menos te fixas ao final, é na cantidade achegada por cada quen, senón no feito de estar aí apoiando sen condicións. Estou convencido de que entre todos o imos conseguir.

"Hoxe é máis doado tocar en directo; sempre que o fagas de balde ou mesmo pagando para facelo"

É máis difícil ou máis fácil tocar en directo agora que antes da crise?

Facer de 18 concertos en catro meses nos tempos que corren supuxeron un esforzo importante dende o punto de vista da planificación, sobre todo se temos en conta que non conto coa colaboración de ningunha oficina de xestión ou representación (como a maioría dos grupos do país). En todo caso, sorprende ver a efervescencia que existe de grupos e artistas inmersos, como estamos, nunha crise económica brutal. Entón pensas, que está pasando? Pois que a xente escolle a música como ferramenta para expresar o que sente fronte ao que está a acontecer, ou sexa que “a cantiga é uma arma” como dixera Jose M. Branco hai anos. Agora ben, a que prezo esta a suceder isto? Pois, dende a miña opinión, ao prezo lamentábel de converter o oficio de músico nun simple complemento do negocio hostaleiro.

Entón, respondendo a túa pregunta; hoxe é máis doado tocar en directo; sempre que o fagas de balde ou mesmo pagando para facelo. Hai moi poucos casos nos que a ocupación de músico sexa recoñecida por parte das salas. Poucos profesionais no mundo da “industria cultural” que comprendan o que significa programar actuacións, colaborar na configuración dun público, apostar por un tipo de cultura de base, popular, etc... Púxose de moda ir “á taquilla”, nada de cachés. Moitas salas non contan con equipos de son, nin sequera con canles de publicidade, non están nas redes sociais nin teñen cartelaría. Polo tanto, xa non te tes que preocupar só de ter bos instrumentos, unha banda, un repertorio de calidade, de soar ben…agora convérteste nun empresario e hai que involucrarse na promoción, en levar xente ás salas…e que consuma…unha loucura!! Pero claro, hai vinte grupos esperando que ti decidas que non se dan as condicións mínimas para ocupar o teu lugar. Coido que é outra das consecuencia salvaxes desta sociedade líquida. É desolador. Os músicos deberíamos poñernos de acordo para buscar solucións colectivas a isto e non pasar a derradeira liña de seguridade…se cadra, parar, baixar o ritmo, decrecer, desacelerar!

"Nos últimos anos estase a conformar un grupo de artistas, cada un seu estilo e no seu rexistro, que penso que están a demostrar que a canción de autor era un espazo musical pouco valorado no ámbito galego"

Os cantautores están de moda ou todo o contrario? Son máis necesarios ca nunca?

Nos últimos anos estase a conformar un grupo de artistas, cada un seu estilo e no seu rexistro, que penso que están a demostrar que a canción de autor era un espazo musical pouco valorado no ámbito galego. A revolución musical do ano, sen dúbida ningunha, chámase Sés, con esas músicas crúas e honestas que falan dun xeito moi próximo dos problemas da xente. Pero quero lembrar aquí nomes como Roberto Sobrado, Emilio Rúa, Xoan Curiel, Manoele de Felisa o grupo de cantautores da Coruña con Xurxo, Paris e César, e tamén, proxectos como A Cada Canto ou Ataque Escampe que podemos considerar dentro do xénero se o entendemos de xeito amplo e inclusivo. Se imos a Portugal Antonio Zambujo, Ana Moura ou Miguel Araujo están a protagonizar un movemento sensacional de renovación. Non sei, non me quero esquecer de ninguén. O que quero dicir, sen ter que recorrer aos grandes nomes iberoamericanos, é que a canción de autor como xénero musical sempre vai ocupar un oco necesario precisamente pola súa natureza de crónica social, portadora das historias –boas ou malas- do común da xente. Nos tempos que corren, co retroceso que estamos a padecer a todos os niveis co decretazo de Wert, coa dilapidación dos dereitos sociais, coa supremisión do dereito das mulleres a decidir sobre o seu corpo, coas agresións constantes á nosa fala e cultura, coa instalación do “corralito” pola porta de atrás a través das preferentes, coa xeira cruel e amarga de centos de desafiuzamentos, co ecocidio infame dos proxectos da megaminería que pretender espoliar a biosfera e un patrimonio que é da xente…que queres que responda? Polo que me toca, non sei se é necesario ou non, pero teño a necesidade de expresarme, de denunciar e aportar ao sinecismo colectivo que está a xurdir no país…eu non vou ficar calado!

Xosé Constenla Dominio Público Praza Pública
Xosé Constenla Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.