Eventos de todo tipo celebran o Día Mundial da Poesía

Lacrar pendurou poemas nas árbores do Campo da Feira de Carral © Asociación EcoCultural Lacrar

Paco Ibáñez será o protagonista da X edición da Semana da Poesía Salvaxe, a Palabra Encarnada de Ferrol, que neste ano 2017 se celebrará durante catro días, do 19 ao 22 de abril. No programa do evento, aínda provisional, repiten nomes habituais desde as primeiras edicións como O Leo, Lucía Aldao e María Lado, Víctor M. Díez, xunto con grandes figuras, como Antonio Orihuela, Yolanda Castaño, Ana Vega, poetas lusos como e novos nomes da escena local como David Rey. Ibáñez, artista que dedicou a súa carreira profesional a musicar a grandes autores da poesía clásica e contemporánea, estará o xoves 20 de abril no Teatro Jofre. Será a súa segunda actuación en Ferrol, moito anos despois da primeira  

O concelleiro de Cultura e Festas, Suso Basterrechea presentou a programación acompañado por Karlotti e Guillermo Ferrández. Basterrechea salientou o esforzo, a ilusión e o compromiso con este evento que xa se ven consolidando, edición tras edición, como un referente cultural senlleiro da poesía estatal. “Non é unha edición mais; manifestou o concelleiro, “queremos converter a Ferrol nun referente da poesía estatal con esta semana salvaxe que é froito do esforzo e da ilusión ao que queremos dar a maior difusión con maior calidade posible”. “É unha celebración de resistencia e de alegría. Palabras e poemas para iluminar tempos escuros que nos dan folgos e esperanzas”, resumía Karlotti, un dos organizadores.

aRi[t]mar

Os votos recibidos no certame Ari[t]mar da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela determinaron que os gañadores polo mellor tema musical publicado en Galiza e en Portugal en 2016 son Sés (A paz esquiva de Oporse á extinción) e Quinta do Bill (Faz bem falar de amor, de Todas as estações). Estes premios, xunto cos de poesía, entregaranse nunha gala que se celebrará en outubro, onde actuarán os grupos gañadores. Os seguintes máis votados, nos segundos postos, foron Poetarras (Chove en Galiza) e Deolinda (Corzinha de verão) e os terceiros Xoán Curiel (Ecuacións) e Raquel Tavares (Meu amor de longe). 

aRi[t]mar galiza e portugal é un proxecto didáctico-cultural desenvolvido inicialmente pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, e que ten por obxectivo divulgar a música e a poesía galego-portuguesa actuais, e achegar a cultura e a lingua dos dous países, no marco do desenvolvemento da Lei Valentín Paz-Andrade para o aproveitamento do ensino do portugués e vínculos coa lusofonía.

Poesías penduradas 

A Asociación EcoCultural Lacrar de Carral, seguindo a iniciativa realizada o ano pasado (A poesía encéndeche luces) organizou nas últimas semanas o evento titulado Póla Poesía. Dende o 20 de febreiro e até o 17 de marzo, a través dun evento creado no facebook foi recollendo contribucións escritas para imprimilas e colgalas das árbores do campo da feira de Carral. 

Homenaxe a Antón Avilés de Taramancos

Noia acollerá este mércores unha homenaxe a Antón Avilés de Taramancos no 25º aniversario do seu pasamento. Os actos inclúe unha ofrenda floral ante a súa tumba, un roteiro, unha charla de Xosé María Álvarez Cáccamo e unha charla na que amigos e poetas compartirán as vivencias que compartiron co poeta.

Obradoiro de poesía visual

O poeta, dramaturgo, artista plástico e educador, David Fernández Rivera, visitará diferentes centros educativos do municipio de O Porriño para ofrecer o seu obradoiro de poesía visual Proxecto Caligrama 2000. Nel, os alumnos percorrerán xunto ao autor un camiño electrizante ás entrañas das manifestacións menos tradicionais da poesía. Este ano o CEIP Xosé Fernández López, CPI da Ribeira, CEIP Cruz Budiño e CPR Irmáns Quiroga Rodríguez, gozarán desta iniciativa impulsada e organizada por Lourdes Moure desde a Concellería de Educación. O Proxecto Caligrama 2000 busca levar ao extremo a imaxinación dos máis pequenos. Para iso, Rivera apoiase nunha nova pedagoxía que revisa aos máis grandes pensadores educativos para poñelos ao servizo de moitos dos valores que nos ofrece a renovación poética.

Cata de libros na Casa das Crechas

No marco da celebración do 30 aniversario da Casa das Crechas, o pub compostelán acolle este martes unha Cata de Libros e Viños Galegos, con tres caldos do Ribeiro, a primeira denominación de orixe galega, e cunha sesión de lectura de poemas realizada polo público asistente.

Premio de Poesía Afundación

Coincidindo coa conmemoración do Día Mundial da Poesía, Afundación, a Consellería de Cultura e o Centro Pen de Galicia anunciaron a convocatoria da décimo quinta edición do Premio de Poesía Afundación co obxectivo de recoñecer libros de poemas escritos en lingua galega (bases). O texto gañador recibirá un único premio de 6000 euros e será publicado polo Centro Pen de Galicia.

 

Lacrar pendurou poemas nas árbores do Campo da Feira de Carral © Asociación EcoCultural Lacrar
A programación da Semana de Poesía Salvaxe, presentada hoxe, incluirá un concerto de Paco Ibáñez Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.