Expertos pídenlle a Feijoo que non rompa o "consenso" sobre o Castelo de Monterrei

Interior do Castelo CC-BY-SA Alfonso González

O Goberno galego mantén, fronte ao rexeitamento de entidades culturais, grupos políticos da oposición e expertos, o seu plan para converter o Castelo de Monterrei nun Parador de Turismo. Esta semana un novo escrito, remitido directamente ao presidente da Xunta e asinado por cinco especialistas de distintas áreas, lémbralle ao responsable do Executivo o "consenso" que nos últimos 30 anos existiu ao redor do futuro do monumento, e reclamoulle unha aposta por darlle ao castelo un uso cultural e público.

A carta, asinada por Xerardo Seoane Fidalgo (arquitecto), Alberte Blanco Casal (enxeñeiro), Fernando Serrulla Rech (antropólogo), Eduardo Castro Santamarina (investigador) e Alberto Vega García (licenciado en Dereito) fai un repaso polos distintos proxectos que nas últimas décadas analizaron a situación do inmoble e fixeron propostas para o seu aproveitamento. En todos eles, dende un primeiro Proxecto Piloto, elaborado por prestixiosos profesionais en 1986, aconsellouse un uso multifuncional onde se integrasen as facetas culturais xunto ás de promoción económica da comarca, mais sempre reservando o núcleo do monumento (a torre, os edificios centrais e o patio) para usos públicos.

Sempre se aconsellou un uso multifuncional onde se integrasen as facetas culturais xunto ás de promoción económica da comarca, mais sempre reservando o núcleo do monumento (a torre, os edificios centrais e o patio) para usos públicos

Naquel plan de 1986 apuntábase a posibilidade de que o castelo servise como centro de artes gráficas e gravados, centro de formación agraria, centro de investigación sobre os tecidos (liño), centro de investigación etnográfica, centro de promoción turística e Museo da Historia de Monterrei. "Todos os posteriores Plans Directores foron continuadores desta idea orixinal, adaptándoa en función dos recursos dispoñíbeis e das demandas sociais e institucionais da comarca", sinalan os autores deste texto, destacando que se trata dun "raro exemplo de consenso político no noso país ao longo de máis de dúas décadas".

De igual xeito, lembran que no decreto de cesión do edificio do Estado á Xunta de Galicia en 2010, prevese a súa utilización como "Centro de divulgación, innovación e promoción da moda, o viño e as augas medicinais da comarca, restauración e musealización dos edificios e arquivo das tradicións da fronteira e pobos próximos”. E subliñan que mesmo no último Plan Director, elaborado en 2012 polo propio goberno de Núñez Feijoo, se mantén esta liña. Por exemplo, neste documento contémplase a utilización de zonas adxacentes ao núcleo monumental para hospedaría deixando o castelo para usos culturais, "o que nos parece unha excelente idea", engaden. "Por iso sorprende e causa malestar na comarca o cambio de uso anunciado en febreiro deste ano co obxecto de dedicar o Castelo a hotel e integralo na rede de Paradores, S.A.", din. 

Piden que "non se rompa o consenso citado máis arriba e se manteña o uso público, cultural e de promoción económica do castelo, incompatíbel co uso hoteleiro"

A carta péchase pedindo que "os proxectos de futuro da Acrópole sexan sometidos a un amplo debate, facendo partícipes ás institucións e entidades cívicas e culturais da comarca" e que "non se rompa o consenso citado máis arriba e se manteña o uso público, cultural e de promoción económica do castelo, incompatíbel co uso hoteleiro", pero engadindo que "sería posíbel o uso de hospedaría no entorno tal como se considera no Plan Director de 2012".

 

Oposición social e política

A asociación cultural Alto Támega vén de anunciar a convocatoria dunha manifestación polas rúas de Verín a favor do uso público do castelo de Monterrei

Noutros ámbitos continúa igualmente a oposición ao proxecto. Por exemplo, a asociación cultural Alto Támega vén de anunciar a convocatoria dunha manifestación polas rúas de Verín a favor do uso público do castelo de Monterrei. E tamén no Parlamento, tanto PSdeG-PSOE coma BNG presentaron senllas preguntas dirixidas ao Goberno galego para coñecer máis información sobre o proxecto de creación do Parador neste Ben de Interese Cultural.

O PSdeG-PSOE preguntou pola futura titularidade do establecemento hoteleiro proxectado, que segundo o Goberno será xestionado por Paradores, cunha categoría de catro estrelas e aberto todos os días do ano. O BNG, pola súa banda, interesouse polos danos que podería ter sufrido o castelo polas obras ás que foi sometida nos últimos meses. A resposta da Xunta é que as obras respectaron en todo momento o proxecto presentado e que estas actuación buscan "poñer en valor" este elemento de patrimonio.

Os grupos opostos ao proxecto lembran que a 200 metros da fortaleza se atopa o antigo Parador de Turismo de Monterrei, pechado durante varios meses ao ano por falta de clientes

Os grupos opostos ao proxecto lembran que a 200 metros da fortaleza se atopa o antigo Parador de Turismo de Monterrei, pechado durante varios meses ao ano por falta de clientes e construído sobre o vello predio do convento dos xesuítas. E en varias ocasións manifestaron as súas sospeitas de que as obras constitúan "unha manobra para acometer unha rehabilitación con fondos públicos de cara a incrementar o valor patrimonial de Paradores e despois proceder a unha sospeitosa cesión a mans privadas", como denunciou o BNG a nivel local.

Castelo de Monterrei CC-BY-SA Amador Loureiro
Interior do Castelo CC-BY-SA Alfonso González

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.