O Dust Bowl foi unha tormenta de area que percorreu Estados Unidos nos anos 30. Durou dez anos e produciu graves consecuencias ecolóxicas e sociais. Fame e miseria contra a que a xente se ergueu. O Dust Bowl e a súa resposta social serven de metáfora e fío condutor de Pólvora e tormenta. (Letras para Woody Mellor), o segundo disco da banda Ezetaerre (EZR), formada por Garchu (A Coruña), o Pirola (Ourense) e o Petrowski (O Porriño). Podería dicirse que é rap, aínda que vai máis alá. Do que non cabe dúbida é de que é, como eles mesmos din, rap “combativo”. Se dicir iso non é redundancia. Letras reivindicativas sobre a necesidade de loitar. De non aceptar sermos escravos. O 1 de decembro estarán na sala Karma, en Pontevedra, con High Paw, e o 7 de decembro na sala Capitol con Ira e Alto Asalto. Conversamos con Pirola (Juan).
Coñecéstesvos na Facultade. Xa antes fixerades algo de música?
Realmente non. Eu tocaba algo o piano e Pedro a percusión tradicional. E Pedro empezou a producir instrumentais de hip-hop antes de que tiveramos a banda en mente. Mais non, nunca fixeramos antes nada máis en música.
No 2017 sacarades Aspiracións mínimas e urxentes. Agora chega este novo disco. Non é un mal ritmo. E máis cando a tendencia é sacar só ou máis ben singles…
Aspiracións mínimas e urxentes é o noso primeiro disco gravado en estudio. Antes só sacaramos o single A Herdanza do Vento. Desde Aspiracións mínimas foi un non parar, entre singles, o maxi 100 e agora o novo disco, Pólvora e tormenta. Se queriamos tomar o que facemos en serio, tiñamos que facer un disco xa a outro nivel. E iso tentamos en Pólvora e tormenta.
© Pedro e Anxo Galbán
“Se queriamos tomar o que facemos en serio, tiñamos que facer un disco xa a outro nivel. E iso tentamos en Pólvora e tormenta”
Por onde vos movestes este tempo para tocar? Non sei se hai moito circuíto propio do rap e do hip-hop. Aínda que está claro que á xente nova lle interesa.
Movémonos polo circuíto compartido con músicas doutros xéneros, coma o punk ou o punk rock. Nos festivais e tamén en espazos organizados por movementos sociais, etc. Aquí e fóra. Non sei se se pode dicir que hai un circuíto, pero si hai un movemento de música comprometida…
Algúns dos temas non soan rap. Ou polo menos se o entendemos sen fusionar con outros estilos…
Si, o que pasa é que moitas veces temos máis nexos con bandas doutros xéneros, como che dicía, como grupos de punk-rock. Polo que podemos afastarnos do rap máis “tradicional”. Hai moitos outros grupos cos que compartimos espazos…
Tedes varias colaboracións, tamén. No disco escóitase catalán, éuscaro, árabe… Como tecestes esas redes? Son High Paw, Arnau de Zoo e Martin Plan B. Tamén Rubén Sierra de La Pegatina; os grupos cataláns Ginestá e Akelarre; Salma dende Beirut e Samu Acaracán.
Pois son cousas boas que che vai dando a vida. Son persoas coas que fomos coincidindo na loita. Temos colaboracións, si, de Cataluña, de músicos que son irmáns para nós. Temos moita conexión con eles, como a temos coa xente de Zoo ou de La Pegatina, grupos que teñen xa un camiño andado e que colaborando con nós tamén nos dan un empurrón. O que escoitas en éuscaro son eu, que nacín en Euskadi. É tamén unha chiscadela a unha terra á que vamos bastante e que sempre nos recibe moi ben. A voz en árabe é dunha compañeira de Beirut que, polas súas circunstancias, ten vetado cantar… Entón tamén foi unha oportunidade para ela.
Pólvora e Tormenta lévanos á crise do Dust Bowl, nos Estados Unidos dos anos 30. No contexto da crise do 29, supoño. Unha tormenta de po que provocou seca e miseria, mais tamén loita nas rúas. Por que escolledes isto como metáfora?
Foi algo que aconteceu, que foi importante pero que está moi agochado na Historia. Foi un tempo de grande tensión no centro do imperio. E nunha situación tan complicada, de miseria, no contexto desa potencia imperialista, a xente foi quen de loitar. O que queriamos dicir é que en todos os lados pode producirse a revolta. Son feitos do pasado, pero o que aconteceu é extrapolable ao Ferrol de cando Amador e Daniel foron asasinados ou á actualidade. Diferentes contextos, diferentes lugares, pero un patrón común.
“Nunha situación tan complicada, de miseria, no contexto desa potencia imperialista, a xente foi quen de loitar”
Reivindicades un rap “combativo”. Supoño que o rap foi sempre combativo. Así naceu, polo menos.
É algo que non pasa só co rap. Moitas músicas populares tiveron un compoñente inicial moi contestatario. E o rap, si, ten iso como acento propio. Ademais, a diferenza doutras músicas, non precisa nin de moitos recursos, nin de grandes coñecementos técnicos, polo que é unha ferramenta moi boa para a expresión do malestar social. Coma o punk, co que pasa o mesmo: non precisas saber moito, nin moitos recursos…
Os temas son bastante variados, distintos entre si musicalmente. Xa comentamos algo antes…
Nós dicimos que facemos rap porque é unha maneira de dar unha primeira definición, pero desde aí sempre hai barreiras e fronteiras que se traspasan, o cal non está mal. E ademais é unha maneira de chegar a máis xente que non é só a do público tradicional do rap. De feito, xente do rap e do hip hop dinos que o que facemos non soa rap, e xente á que non lle interesaba moito o rap dinos que lle gusta o que facemos…
Facedes as letras entre todos?
Primeiro escollemos temáticas para cada tema e despois cada un vai facendo a súa parte. Cando comezamos co proxecto o primeiro que fixemos foi pensar que queriamos. Como se ía contextualizar, que liñas discursivas ía ter… Porque queriamos facer un proxecto integral. E xa que os ritmos son tan variados, polo menos que houbese fíos comúns nas letras.
O primeiro tema, Intro, fala un pouco do que dicías antes: as loitas de Estados Unidos a Ferrol…
Si, é unha metáfora que está presente xa desde o título do disco, Pólvora e Tormenta. Hai moitos xeitos de tormenta. En Estados Unidos foi unha tormenta de po e as súas consecuencias o que levou á rebelión, á pólvora, que ten tamén moitas expresións: a revolta en Estados Unidos, a pólvora coa que mataron a Amador e Daniel ou a Moncho Reboiras…, ou a represión de hoxe. Cando hai opresión, fame, veñen a tormenta e a pólvora.
"Cando hai opresión, fame, veñen a tormenta e a pólvora"
O segundo tema, Letras para Woody Mellor, tamén ten que ver con iso. Cita varias persoas que son, supoño, referentes musicais vosos, aínda que fagan unha música moi diferente á que vós facedes.
O disco leva por subtítulos Letras para Woody Mellor. Cando se produciu a crise do Dust Bowl, cantautores antifascistas coma Pete Seeger ou Woody Guthrie reflectían nas súas cancións o que estaba pasando. Despois, o líder dos The Clash, Joe Strummer, decidiu renderlle homenaxe a Woody empregando o nome de Woody Mellor. Neste tema citamos, cantautores e artistas dos que nos sentimos, si, herdeiros da súa tradición.
© Pedro e Anxo Galbán
Pólvora e tormenta é o que lle dá título ao disco. E fala de temas do presente como a represión, a oligarquía que goberna España…
É que pode parecer que o que estamos a facer son referencias ao pasado, pero en realidade non é así, porque se establecen moitas relacións co presente. Este é un tema máis xeralista, que fala de moitas cousas. A represión está máis en Matar a McCarthy.
"Pode parecer que o que estamos a facer son referencias ao pasado, pero en realidade non é así, porque se establecen moitas relacións co presente"
Fulanito e Menganito vai sobre as persoas que gastan enerxías a criticar á xente que fai calquera cousa, que ergue calquera proxecto. Non só a vós.
Vai sobre o ruxe-ruxe, sobre a xente que se dedica a falar mal dos demais. Nós tratamos de tomalo con humor e tampouco temos ánimo con esta canción de responder ás críticas. Pero o que dicimos é que esa rabia estaría mellor empregada se a dirixisen a onde deberían. Eu penso que está claro cal é o inimigo.
Matar a McCarthy fala de represión, de falsos patriotas, de corrupción… E non é sutil. Corredes certo perigo de acabar sendo denunciados e condenados, como lles pasou a outros rapeiros. Pensades niso?
Claro, e é algo que as nosas familias nos din reiteradamente. Pero nós pensamos que, da mesma maneira que podes expoñerte facendo de piquete nunha folga ou indo a unha manifestación que vai ser reprimida, tamén nos expoñemos coas nosas cancións. Tentando actuar con intelixencia, pero non vamos deixar de dicir o que pensamos.
"Tentando actuar con intelixencia, pero non vamos deixar de dicir o que pensamos"
No passaran fala de ter unha vida digna…
Porque ademais de loitar na rúa, de ser combativos, hai outras cousas moi importantes como coidarnos entre nós, no día a día. Ademais é un tema que fixemos con músicos de Cataluña que son para nós como familia.
Pan cotiá é sobre as amizades que fixestes neste tempo…
O título vén dun poema dun poeta comunista arxentino, Armando Tejada, que escribiu letras que despois interpretou e fixo famosas Mercedes Sosa. O poema é como unha carta aos amigos. Neste tema é no que está Salma, de Beirut.
As uvas da ira colle o título da novela de Steinbeck. E fala do que penso que podería dicirse, de xeito resumido, que fala todo o disco: de non aceptar a servidume e loitar.
É un pouco o que nos transmitía o instrumental do tema. É o que di o retrouso: sementamos as uvas da ira. Na penumbra sacamos a fouce, recollemos as uvas da ira…
Vento negro parece falar das guerras de Aznar e outras. Quen sementa guerra, recolle odio.
É un tema xeralista, tamén, que non fala dunha cousa en concreto. Pero si, é o odio e a rabia contra quen sementa a guerra, a miseria…
Tremendo combo é unha festa. O disco ten un discurso reivindicativo, pero parte do que reivindica é tamén isto: o dereito á alegría.
Se facemos un tema con La Pegatina tiñamos que falar de festa… Pero si, é iso. É a festa que compartes con xente de extracción social obreira. Unha festa que desfrutas moito aínda sen gintonics con cardamomo.
"Se facemos un tema con La Pegatina tiñamos que falar de festa…"
Ouvean os lobos é como unha homenaxe aos fuxidos da guerra civil.
Foi o primeiro tema que compuxemos cando xurdiu a banda. Unha das cousas que nos unen aos membros do grupo, ademais da loita en movementos sociais ou de compartir os mesmos estudios, foi un documental que fixemos sobre a guerrilla, e en concreto sobre Camilo de Dios. O tema vai sobre os fuxidos da guerra e sobre os represaliados de despois e tamén dos anos 70-80 e ata hoxe. Todas as persoas que aínda están enterradas por aí en cunetas… Decidimos gravar o tema no disco, para o que contamos tamén con Samu.