Fatoches Baj. As pombas de Carboeiro

As Pombas de Carboeiro © Fantoches Baj

O domingo 16 de setembro Fantoches Baj mostraban a súa nova obra, As Pombas de Carboeiro, no Centro Cultural de Allariz. Cómpre aclarar, para quen inda non teña o gusto de coñecelos, que este dúo derivado de Fantoches Baj non é solo teatro: é música, é a integración total dos elementos e das artes. Composto polo actor Inacio e o músico Benxa Otero, é un dúo de dous talentos dos de pensar “pero como estes dous non son famosos?”. Si, ese tipo de talentos.

Este dúo derivado de Fantoches Baj non é solo teatro: é música, é a integración total dos elementos e das artes

A peculiaridade do que vin na poboación alaricana foi que, con valentía e éxito, Benxa Otero se atrevía coa interpretación e Inacio co canto, pois o desexo de bailar xuntos, submisos ao bo descorrer da historia contada, prima máis que calquera etiqueta profesional. Por outra banda, Inacio mostraba o seu xa dende hai moito consumado talento coas letras, e non só coa literatura (destaco a reelaboración xenial das Cantigas de Amigo e os seus xogos de palabras), tamén coa filosofía, a arte, a mitoloxía, a etnoloxía, a historia, etc., mostrándose así como unha especie de Leonardo da Vinci moderno das letras. Benxa atrevíase con instrumentos e demais cacharros moi diferentes entre si (vento, corda, percusión, canto), saíndo, por suposto, airoso de tódalas intervencións.

É unha obra para nenos (que se fixan na estética tan simpática e as bromas inocentes) e para adultos (que verán máis profundidade, como por exemplo a elegante forma de mofarse do incesto nas familias reais). Unha obra que non aburre, dramática e grave á par que relaxada e divertida. E, sobre todo, é unha obra que hai que ver, escoitar e vivir.

Unha obra que non aburre, dramática e grave á par que relaxada e divertida. E, sobre todo, é unha obra que hai que ver, escoitar e vivir

“Voan ala con ala para no ar se abrazar, voan bico con bico para poderse beixar; por iso é que non podedes estas pombas devorar, porque son fillas do amor que non se pode evitar”.

As Pombas de Carboeiro © Fantoches Baj

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.