FdN: Que mellor escenario que a Illa de Arousa?

O festival celebrarase por vez primeira na Illa de Arousa © Concello da Illa

O Festival do Norte cambia. Cambia Vilagarcía e o recinto do Fexdega polo paradisíaco escenario da Illa de Arousa. Cambia a primavera e o risco (nalgúns anos parecía que case inevitable) das chuvias, polo verán e as longas tardes de sol. O Festival do Norte regresa con mudanzas e cun cartaz ambicioso (á espera da confirmación de novas bandas) e no que destaca o retorno de nomes internacionais de primeiro nivel. Celebrarase os días 3, 4 e 5 de xullo, coa presenza de The Horrors, The Pains of Being Pure at Heart, Veronica Falls, Austra, Is Tropical, Lori Meyers, Kakkmaddafakka, The Wave Pictures, Russian Red, Satellite Stories, El Último Vecino, os galegos Linda Guilala e Músculo!, e as pinchadas de Digitalism, Dj Amable e Desconcierto Dj's.

Nos últimos anos o festival tivo que enfrontarse (como a meirande parte das grandes citas musicais) a dificultades económicas, produto da crise económicas e da perda dalgúns importantes apoios públicos e privados. De feito, a última edición do Festival do Norte en Vilagarcía estivo nalgún momento no aire, á espera do necesario impulso do Concello. En conversa con Praza Pública o director do Festival, Toño Caneda, facía o pasado ano un chamamento ás administracións a seren conscientes da importancia que un festival coma o arousán ten para unha vila ou unha comarca. Por un lado os económicos: milleiros de persoas chegados dende toda Galicia que durante dous dias durmen, consumen e gastan. E tamén os relacionados coa imaxe de marca dunha cidade xa asociada á música a través desta cita.

A explicación para o cambio de escenario hai que buscala en parte niso, pero Toño Caneda salienta que "levabamos tempo dándolle voltas a este proxecto, a facer algo na Illa. De feito, a nosa idea para este ano era facer dous festivais: o Festival do Norte en Vilagracía, e outro na Illa". Pero hai uns meses, e á vista de que se ían volver repetir os problemas de anos anteriores, tomaron a decisión de levar o FdN á Illa: "Dende hai varios anos viámonos obrigados a contratar os grupos no último momento, con pouco tempo para anunciar o festival, e todo porque até o último minuto non sabíamos con que financiamento iamos contar. Así que este ano tomamos a decisión de buscar unha localización distinta, para poder traballar con máis tempo. E que mellor escenario que o da Illa de Arousa?", sinala Caneda.

"Ao final os festivais acaban parecéndose moito entre si" -di- "Son os mesmos grupos todos os anos e en todos os sitios, e o único que cambia é a ubicación"

"A min sempre me gustou crear e afrontar o risco creativo que ten un festival", explica, "quería facer algo novo, algo distinto". "Ao final os festivais acaban parecéndose moito entre si" -di- "Son os mesmos grupos todos os anos e en todos os sitios, e o único que cambia é a ubicación". "O Festival do Norte foi un referente no seu momento, pero nos últimos anos xurdiron moitos festivais en Galicia. E por iso eu quería darlle un cambio grande, tanto no que respecta á ubicación coma ao cartel do festival", engade.

"Queremos un festival máis familiar, que se estenda ao longo do día, con concertos e actividades pola mañá, que escape do concepto tradicional de apertura de portas ás oito e concertos até as cinco da mañá"

As entradas e abonos (que inclúen a posibilidade de acampar) están á venda a través do servizo online de Novagalicia Banco. Até este sábado o seu prezo eran 45 euros, aumentando dende este domingo a 50 euros (até o 2 de xullo) e os 55 (na billeteira). O cartaz é atractivo, aínda que dos grandes nomes do indie español, os que noutros festivais atraen milleiros de persoas, só hai un par de exemplos. "Apostamos por bandas underground, máis que indie, porque aquí o indie enténdese doutra maneira. Eu quería outra cousa, grupos de nicho, grupos diferentes", comenta Toño Caneda, convencido de que "ter público nun festival é fácil. Pero eu non quero que veñan vinte mil persoas, tampouco sería posible facelo na Illa".

Neste senso, subliña que "queremos un festival máis familiar, que se estenda ao longo do día, con concertos e actividades pola mañá, que escape do concepto tradicional de apertura de portas ás oito e concertos até as cinco da mañá. Con moitas actividades para nenos, pensando moito nesa xente que empezou a ir a festivais hai dez ou quince anos e que agora teñen fillos. Queremos involucrar os nenos no festival, que vaian entrando nesta cultura".

Haberá tamén secret shows en distintos lugares da illa, cuxa localización e participantes serán unha sorpresa até o último momento

Así, ademais das sesións de concertos dos seráns e das noites, polas mañás haberá concertos no Auditorio da vila, tamén concertos de portas aberta, e tamén servizo de comidas no centro da Illa, aunando música e gastronomía. Haberá tamén secret shows en distintos lugares da illa, cuxa localización e participantes serán unha sorpresa até o último momento. E tamén haberá actividades e concertos na propia zona de acampada. Nas vindeiras semanas o festival, ao que veñen de incorporarse Is Tropical, autores dun dos hits do ano, confirmará máis nomes para o seu cartaz, entre eles o de varios grupos galegos máis.

Cartaz do festival © Festival do Norte
The Horrors serán unha das estrelas do cartaz do festival Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.