Feijóo 'traslada' a Padrón o nacemento da compostelá Rosalía de Castro

Acto de homenaxe a Rosalía no lugar do seu nacemento, en febreiro de 2012 © Concello de Santiago

María Rosalía Rita de Castro naceu o 24 de febreiro de 1837 no Camiño Novo, na altura un arrabaldo de Santiago de Compostela, no que hoxe é a Praza de Vigo da capital de Galicia. Alí, ao carón da actual avenida de Rosalía de Castro, un monolito lembra a figura da autora, xusto no lugar onde a finais do XIX se erguía a casa na que tivo lugar o alumeamento. A poeta foi rexistrada no Hospital Real compostelán, actual Hostal dos Reis Católicos, como "filla de pais incógnitos", se ben está documentado que a súa nai era María Teresa da Cruz de Castro e Abadía, de orixe fidalga, que a coidou durante a súa infancia, transcorrida principalmente entre as vilas de Padrón e Ortoño. Estes datos biográficos deberon ser obxecto dunha confusión no círculo máis próximo ao presidente da Xunta, a xulgar polo esvarón histórico incluído na súa mensaxe de fin de ano.

Na alocución transmitida no mediodía deste luns pola TVG Feijóo aparece na padronesa Casa da Matanza, vivenda alugada no seu tempo pola familia da autora, e asegura estar na "casa natal de Rosalía de Castro". Se ben é certo que a principal figura do Rexurdimento galego si habitou esa casa, convertida en museo e en sede da Fundación Rosalía, non o é menos que alí non se produciu o seu nacemento, senón que foi escenario dos seus derradeiros anos de vida e do seu falecemento.

"É evidente que os recortes en cultura lle afectan ao presidente", di o PSdeG

O erro non pasou desapercibido nas filas da oposición. Dende o PSdeG o seu voceiro, Abel Losada, lamentou "o descoñecemento de Feijóo" xa que, malia "á escenografía montada", "asegurou que emitía o seu discurso dende a casa natal de Rosalía de Castro en Padrón". Neste sentido, Losada "lémbralle que a escritora galega naceu en Santiago de Compostela". "É evidente que os recortes en cultura afectan ao mesmo presidente da Xunta", ironiza o parlamentario socialista.

O portavoz do BNG no Parlamento, Francisco Jorquera, cualificou o discurso como “hipócrita, cheo de tópicos e baleiro de contido”

Pola súa banda, o portavoz do BNG no Parlamento, Francisco Jorquera, cualificou o discurso como “hipócrita, cheo de tópicos e baleiro de contido”. Jorquera cre que na apelación de Feijóo á unidade das forzas políticas fronte á crise “hai que concretar para qué, porque o BNG non se sumará a unha unidade para seguir empobrecendo á maioría da sociedade para beneficio dunha minoría”. O portavoz parlamentar do BNG criticou que “o camiño escollido por Feijóo é o de darlle as costas á maioría da sociedade para defender os privilexios dunha minoría” e lembrou que o presidente da Xunta esqueceu na súa intervención os afectados pola estafa das preferentes, polos desafiuzamentos ou o paro: "hai centos de miles de persoas en paro en Galiza e Feijóo tamén lles da as costas e apoia reformas laborais que lles rouban máis dereitos aos traballadores”.

Acto de homenaxe a Rosalía no lugar do seu nacemento, en febreiro de 2012 © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.