Hai uns días escribía Fermín Bouza Álvarez no seu blog El voto con botas: “O PP ten un problema cos seus, os conservadores europeos, que os consideran medio fachas e pouco de fiar, sobre todo cando non están diante e deben liquidar graves asuntos, como a mesma crise”. Os mercados xulgaron este martes os novos recortes que Rajoy puxo en marcha sen maiores explicacións, unha tesoirada extra de 10.000 millóns de euros en Sanidade e Educación, como carnada para os inversores. O resultado, polo momento, é un recrudecemento do acoso dos inversores contra o Estado. Non funciona. A Bolsa acadou o seu nivel máis baixo desde marzo do 2009 e, na débeda, a prima de rico subiu a 433 puntos básicos, a peor sesión desde o mes de agosto, o punto máis elevado da lexislatura.
“Europa está nunha calexa sen saída. O Reino español, máis. A única solución que lle vexo é que en Francia gañe Francois Hollande e en Alemaña os socialdemócratas”. É a opinión deste sociólogo, filósofo, escritor e columnista, que estivo en Pontevedra como conferenciante na Semana Galega de Filosofía. “Dá a impresión –continúa- de que en Galiza tamén se está a cambiar electoralmente, aínda que non sabería neste momento por quen apostar. O que pensa a xente lémbrame un pouco a aquela copla de Ni contigo ni sin ti mis males tienen remedio. O que resulta seguro é que, co está a pasar, o partido que goberna perde votos. E, despois, o de Conde Roa non será decisivo, case nunca o son estas cousas, pero xa se sabe que aínda que un gran non fai graneiro….
"O que resulta seguro é que, co está a pasar, o partido que goberna perde votos"
Fermín Bouza Álvarez é fillo do insigne poeta Fermín Bouza-Brey e pai do músico Fermín Bouza Pena. Como telégrafo da súa biografía: naceu en Compostela, viviu na casa familiar da emblemática Rúa do Vilar, fuxíu a Madrid, sufríu represalias políticas. Hoxe está afincado na capital do Estado –do Reino de España, como, con razón, o denomina- onde é catedrático de socioloxía, experto en Comunicación Política, na Universidade Complutense. A Pontevedra trouxo un tema matriz ao fío do que este ano plantexou a Aula Castelao de Filosofía, O (re)pensamento de Europa: Europa na opinión pública. Galiza en Europa, chamoulle Bouza.
Vox populi, vox dei, un dito que se fai popular na época do Príncipe de Maquiavelo, cando a política empeza a comprender aquelo de que sen pobo non ten razón de ser, representa o que pode significar a opinión pública, “materia complicada onde as haxa”. “Os que traballamos con esquisas pensamos que se trata dun aproximado global importante, conglomerados de respostas con moito significado. Porque exista ou non democracia, hai unha opinión dominante, que pode ser máis ou menos artificial. As enquisas non son mecanismos de adivinación, pero resultan descriptoras do que pasa, teñen unha grande potencia explicativa das maiorías –ou eventualmente das minorías-”.
Galiza é a comunidade máis europeísta do Reino de España, cunha diferencia porcentual de máis de dez puntos
O europeísmo galego
E resulta que das enquisas se trasluce que Galiza é a comunidade máis europeísta do Reino de España, cunha diferencia porcentual de máis de dez puntos, “algo moi pouco frecuente”. A que se debe? A hipótese recae no Camiño de Santiago como elemento formador da opinión pública europea, eixo continental nos tempos carolinxios. “Eu son de Santiago, así que, ademais, creo que dentro do sartego atopado están os restos do apóstolo –chancea-”. Segundo Bouza, a primeria impronta do Camiño foi que de entregar o coñecemento de que había vida máis aló da Merca, unha idea cosmopolita, que apouca a visión illacionista da Fisterra.
“Aquí sóubose que Galiza forma parte de Europa e que europeos son os que veñen do camiño"
“Aquí sóubose que Galiza forma parte de Europa e que europeos son os que veñen do camiño. E é interesante escoitar como nas aldeas galegas resisten lendas arredor do tema, como a que sitúa a Carlomagno en Compostela, do que non existe o menor dato histórico”. Pero puntualiza: “Cómpre ter en conta que as enquisas non valen para calquera momento, quen vai dicir hoxe en día que é europeísta coa crise que temos? Ninguén. Pero no novembro do 2009, os galegos si eran europeístas e non pode ser algo casual”.
"A nosa historia é a do lento ascenso da doxa, da opinión popular. A verdade relixiosa, alétheia, e a científica, epistemia, decaen. É o camiño máis potente que seguiu a humanidade"
Como se xestou a opinión pública europea?
Cando comeza a historia da cultura grecoeuropea, os nosos inicios gregos –imos dar por boa esta orixe-, a palabra doxa, a opinión, facía referencia a algo malo, propio da xente vulgar, do que en latín se chama vulgo, o pobo. A opinión pública empeza, logo, con moi mal pé. Confróntase á epistemia e á alétheia. A doxa fronte a isto é algo lamentábel, propio de persoas non doctas. A nosa historia é a do lento ascenso da doxa, da opinión popular. A verdade relixiosa, alétheia, e a científica, epistemia, decaen. É o camiño máis potente que seguiu a humanidade. Os gregos pensaban que como o público non tiña moita formación carecía de interese. Pero o que eu opine pode ser cientificamente despreciábel e socioloxicamente imprescindíbel.
"Alemaña, tan grandiosa nalgúns aspectos, tan racional fronte ao cristianismo, tan potente, pero que ten un factor friki, que é, por exemplo, o que dá lugar á contraposición entre Kant e Hitler, entre o comedido e o brutal"
Semella que son malos tempos para o europeísmo...
Hai demasiada oposición á idea de Europa, non somos europeístas porque temos unha concepción conflictiva de Europa. Houbo dúas guerras mundiais entre europeos. E está Alemaña, tan grandiosa nalgúns aspectos, tan racional fronte ao cristianismo, tan potente, pero que ten un factor friki, que é, por exemplo, o que dá lugar á contraposición entre Kant e Hitler, entre o comedido e o brutal. De toda esta crise, o que máis medo me dá é todo isto. Non tenho ningún problema con Alemaña, pero preocúpame que esperte nalgún momento o seu frikismo. Son como as dúas Españas, pero nun sentido diferente.
Alemaña é o último reducto pagano...
O Imperio Romano achégalle o Oriente a Europa, despaganizar europa, cristianizar europa, e tamén a idea de que a cruz acompaña á espada, os cidadáns como metade monxes e metade soldados que tamén tiña o fascismo franquista español. A revolución paulina, elemento máis radical do cristianismo, di que toda a verdade está no cristianismo. Non hai a dicotomía da verdade relixiosa e da verdade científica, aquí están fusionadas. Europa sempre terá un último reducto pagano, que é Alemaña. E Europa vai unida á dominación xermana. Adaptando aquel dito dos asturianos: “Europa é Alemaña e o demais terra conquistada”.
Quen fixo máis intentos por consolidar europa? O teutón, de sempre, foi o mercado máis dinámico, a economía máis potente, por iso quere crear mercados e se non lle deixan enfádase. O rexeitamento de Europa na opinión pública ten que ver con isto. Aínda que, como o enfermo de Moliere non saibamos, a nosa idea de Europa está condicionada por estas cuestións.
Que peso ten Galiza en Europa?
Se Europa é o occidente, Galiza é o occidente do occidente, poderiamos dicir especulativamente que garda a conciencia de ser o reservorio da unidade euroasiática. Galiza ten unha posición privilexiada porque é o lugar onde o sol morre, metáfora usada, por certo, na simboloxía xermánica. O sol tamén está está moi ligado á simboloxía nazi, incluso. Estamos marcados polo sol, como é Xapón na súa bandeira do sol nacente; se cadra nós tiñamos que ter na nosa bandeira un sol morrente.
"Galiza sempre tivo nos seus pensadores xente que temeu pola perda da Galiza primitiva, rural, defensora do seu patrimonio, pero que tamén foi moi europeísta, porque atopa en Europa o que non é España, unha vía para pontear o Estado español"
Galiza sempre tivo nos seus pensadores -no seu inicio esencialmete xente de dereita, porque o galeguismo é daquela moi conservador-, xente que temeu pola perda da Galiza primitiva, rural, defensora do seu patrimonio, pero que tamén foi moi europeísta, porque atopa en Europa o que non é España, unha vía para pontear o Estado español. Ten un esquema cognitivo parecido ao do primeiro nacionalismo euscaldún, non o catalán. Teño a intuición de que o Camiño de Santiago dotou a Galiza dunha conciencia Europea que non existe no resto do Estado. Sei que non pode ser só isto o que está detrás, pero si que é algo moi importante do que nunca se fala. Esta é a miña achega para que afondemos nela.