Festivais de música: Moito máis que concertos

Unha das últimas edicións do Festival do Norte en Vilagarcía © Festival do Norte

Nos festivais de música hai moito máis ca música. Por unha banda as grandes e masivas citas do verán veñen sempre acompañadas dun gran despregue comercial: dende a alimentación, á promoción discográfica ou a venda de discos, camisolas, libros ou artesanía. Pero tamén os pequenos festivais buscan cada vez máis facer máis ampla e atractiva a súa proposta, diversificando o que ofrecen nos días que dura o evento. O propio Festival do Norte, que este ano estrea localización (A Illa de Arousa) e amplía as súas actividades, viña preparando debates, proxección de documentais e outros elementos durante as mañás e tardes dos días do festival.

Tamén os pequenos festivais buscan cada vez máis facer máis ampla e atractiva a súa proposta, diversificando o que ofrecen nos días que dura o evento

Tamén se foron abrindo paso nos últimos anos as actividade para os máis pequenos e pequenas: obradoiros de todo tipo e concertos pensados especialmente para eles e elas, buscando espertar a afección pola música nuns nenos e nenas (fillos de festivaleiros que pasan dos trinta e pico) que de seguro que nas súas casas viven nun ambiente moi musical. O vindeiro xoves 3 de xullo comeza na Illa de Arousa o novo Festival do Norte. Un cartel encabezado por The Horrors, Veronica Falls, Is Tropical, Lori Meyers ou Austra aséntase sobre un moi variado menú de actividades para todas as idades. O mesmo pasa en Portamérica, Romaria Pop ou Surfing the Lerez

O campo base do Festival do Norte 2014 será a praia do Aguiuncho. Alí se desenvolverán as tres xornadas de concertos, que comezarán o xoves con Digitalism (Dj Set), Is Tropical, Veronica Falls, Austra, El Último Vecino, Linda Guilala. O venres será a quenda de The Horrors, We Have Band, Russian Red, L.A. ou Músculo!. O festival pecharase o sábado con KAKKMADDAFAKKA, Lori Meyers, The Pains of Being Pure at Heart, The Wave Pictures, Oso Leone e Wild Balbina. Pero haberá moito máis.

Polas mañás a actividade do festival concentrarase no Auditorio da Illa de Arousa, con concertos de Satellites Stories, Igloo ou de The Wave Pictures, que interpretarán íntegramente o Artistic Vice de Daniel Johnston. A Praza do Regueiro acollerá as actividades infantís, con concertos (entre eles o de La Bien Querida, Templeton e varios grupos locais) e tamén cun espazo denominado "Illa do Tesouro", onde se levará a cabo a elaboración de disfraces, coroas de flores e de instrumentos musicais reciclando obxectos cotiáns. A gastronomía terá tamén un oco no festival: unha asociación local, o Clube de Baloncesto Dorna, encargado da organización das festas gastronómicas da Illa, será a encargada da restauración, preparando productos típicos. Tamén haberá concertos polas tardes, xusto na zona de acampada do festival (Area da Secada). Neste caso, varios dj's porán a música: Rafa Morcego (A Reixa), Schulz (Milk A Coruña), Desconcierto Dj's e Curtis Inthekitchen Dj.

A recente Romaría Pop, en Compostela, é un perfecto exemplo de como os festivais crecen máis aló da música

A recente Romaría Pop, en Compostela, é un perfecto exemplo de como os festivais crecen máis aló da música. A feira de artesanía, roupa e todo tipo de produtos asociados á música non ten nada que envexar ás que acollen os macrofestivais das grandes capitais. Como tampouco a variedade da súa oferta gastronómica: do churrasco e o polbo até os cupcakes, todo en harmonía. E de igual xeito, cómpre salientar a atención que emprestan aos nenos e nenas a través do seu espazo de pequemúsica, e das moitas actividades pensadas para eles e elas.

O mesmo podemos dicir do tamén recente (e coincidente coa cita compostelá) Surfing the Lerez, que ademais da troula e dos concertos foi quen, por exemplo, de recadar dúas toneladas de alimentos, que serán entregadas a entidades de axuda social. E tamén do Portamérica, que chegará o 17 de xullo a Nigrán. Ademais dun cartaz de primeiro nivel (Calle 13, The Jayhawks, Vetusta Morla, Triángulo de Amor Bizarro, Love of Lesbian, Calexico...), o festival ofrece actividades de todo tipo, buscando unha proposta global, que vaia alén da música. Como dicía Toño Caneda, director do Festival do Norte, en entrevista con Praza hai unhas semanas, "ao final os festivais acaban parecéndose moito entre si. Son os mesmos grupos todos os anos e en todos os sitios, e o único que cambia é a ubicación". Trátase de ofrecer algo diferente, de ofrecer algo máis. "Queremos un festival máis familiar, que se estenda ao longo do día, con concertos e actividades pola mañá, que escape do concepto tradicional de apertura de portas ás oito e concertos até as cinco da mañá", engadía Toño Caneda. Unha receita á que todos os eventos musicais do verán, moito ou pouco, se van apuntando.

Unha das últimas edicións do Festival do Norte en Vilagarcía © Festival do Norte
A edición 2012 da Romaría Pop Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.