Festival S8: Do acoirazado Potemkin ás paisaxes de Monet

O festival dedicará unha sección aos 'novos impresionistas' © S8

O (S8) Mostra de Cinema Periférico celebra do 1 ao 5 de xuño a súa sétima edición. Unha edición especial baixo o nome de Os novos impresionistas que reunirá a recoñecidos cineastas como o canadense Stephen Broomer e o francés Jacques Perconte, artista do glitch, que presentará unha performance con música en directo e unha exposición da súa obra. 

Conflúen cineastas (emerxentes e veteranos) para os que a experimentación coa luz e as calidades pictóricas do cine é esencial. Investigando os límites da percepción sensorial e da subxectividade, este grupo de cineastas asinan algunhas das obras visualmente máis estimulantes dos últimos anos. O festival presentará unha panorámica que inclúe os novos traballos de artistas internacionais ao redor da idea do impresionismo no cinema e un programa histórico dedicado á cineasta, teórica e crítica Germaine Dulac. 

Dende hai anos o (S8) trae á cidade unha mostra de cinema internacional cun concepto único no panorama do noso país, que comparte un espírito explorador con imprescindibles citas mundiais como Rotterdam, Ann Arbor, Media City, Oberhausen, o Images Festival (Toronto), 25 FPS (Zagreb), a Viennale, Courtisane ou Vila do Conde, situando Coruña no mapa da creación cinematográfica contemporánea.

A sétima edición do festival comezará cun cinema-concerto a modo de gala inaugural o 30 de maio no Teatro Rosalía de Castro no que se poderá ver a copia de O acoirazado Potemkin restaurada polo Filmmuseum Berlin-Deutsche Kinematek. Trátase da versión máis apegada á obra orixinal estreada en 1925, máis completa mesmo que aquela exhibida durante a década dos oitenta no MoMa ou o British Film Institute, incluíndo planos esquecidos tras a censura alemá dos anos 20 e recuperando os intertítulos e tamaño de encadre orixinais.

A proxección da obra mestra de Sergei M. Eisenstein e pedra angular da modernidade da montaxe cinematográfica será sonorizada en directo polo estadounidense Chris Jarrett, autor dunha partitura orixinal inspirada na película. Tomando en conta o tema do filme, a rebelión rusa de 1905, Jarrett compón unha banda sonora completamente libre e parcialmente improvisada para resaltar a mensaxe anti-militarista exposta na película.

Na antesala do festival, o fin de semana do 28 e 29 de maio, o cineasta galego Miguel Mariño impartirá na Fundación Luis Seoane, dentro da sección Mini(S8), o obradoiro Fabricación de proxectores caseiros. Destinado ao público infantil (10-15 anos), neste taller os asistentes aprenderán a construír artesanalmente un dispositivo de proxección a partir da reciclaxe de materiais cotiáns. En só tres sesións de traballo repartidas ao longo do fin de semana, cada participante construirá o seu propio proxector, que poderá levar á casa ao finalizar o taller. Aprenderá tamén a utilizar o dispositivo permitíndolle xerar gran variedade de efectos luminosos e calidades de imaxe.

O festival abrirase o 30 de maio coa proxección de 'O acoirazado Potemkin' © S8
O filme de Eisenstein será sonorizado en directo por Chris Jarrett © S8
Stephen Broomer visita España por primeira vez © S8
Na Coruña tamén se poderá ver a obra de Jacques Perconte © S8

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.