Fotografar os murmurios do bosque

Takeshi Shikama, tirando fotografías en Galicia Dominio Público Xacobe Meléndrez

Cando nos movemos entre o exótico tendemos ao reducionismo, achegándonos á caricatura que deforma a realidade. O xogo da polarización achega os extremos sen a necesaria progresión e continuidade, como a liña no debuxo pode achegar á realidade sen as sombras nin as cores. Así, dende occidente caricaturizamos un Xapón, exótico para nós, entre os extremos da fast life da boca do metro de Tokio e demora na ceremonia do té, onde convive o manga de Masami Kurumada e as platinotipias de Takeshi Shikama.

Takeshi Shikama expón Os murmurios do bosque no Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa da Coruña ata o 12 de outubro. Este fotógrafo enxuto e calado desenvolveu a súa vida entre eses fitos (souvenirs) cos que quedan os turistas, o balbordo da metrópoli e a tranquilidade dos ben conservados bosques xaponeses, o formigón e a madeira.

As súas biografías debuxan unha vida polarizada, ata no tempo, un antes e un despois marcado polo paso da cidade á vida no campo, o cambio dunha contorna profesional a outra. Sen dúbida é o afán reducionista o que nos fai perder moitos matices. Necesariamente tivo que haber un momento de superposición entre o deseño e a fotografía. Como convivían as dúas profesións?

Adoitaba traballar como deseñador gráfico e editorial. Era o meu xeito de gañar a vida. Con todo, non considero que a fotografía sexa a miña profesión. É máis ben un xeito de expresarme.

"Non considero que a fotografía sexa a miña profesión. É máis ben un xeito de expresarme"

Que fixo posible o cambio total dunha a outra?

"Onde hai vontade, hai un camiño". Durante uns anos, dende que comecei a crear fotografía artística, seguín facendo o mínimo traballo de deseño posible que me permitira subsistir. Despois comecei a dedicarme cento por cento á fotografía. Agora a vida non é doada, pero o máis importante para min é o tempo.

Hoxe en día a paisaxe é o tema central da súa obra, pero sendo deseñador, algunha vez experimentou coa fotografía conceptual ou con outro tipo máis estereotipado dentro da fotografía contemporánea?

Cando tiña entre 20 e 30 anos, ademais de traballar como deseñador, creei obras de arte conceptual utilizando a fotografía como material. Hoxe en día entendo a fotografía de xeito diferente. Agora considero a propia fotografía como arte.

"Hoxe en día entendo a fotografía de xeito diferente. Agora considero a propia fotografía como arte"

Hai anos o fotógrafo Hiroshi Sugimoto, tamén xaponés e da súa mesma xeración, manifestaba que odiaba ao ser humano, que quizais o único que deles lle producía admiración era Mozart, xustificando así as súas fotografías de horizontes de auga e ceo, xa que era aí onde podía recoñecer a paisaxe primixenia, anterior á humanidade. Nas súas fotos tampouco aparece a figura humana, aínda que si os seus rastros en forma de construcións, xardíns, estatuas... Que é o que lle impulsa a evitar as persoas dentro dos seus encadres?

O que me interesa na captura das miñas fotografías está detrás do que vexo. Dá o mesmo se fotografo nos bosques virxes ou na sinxela natureza das zonas urbanas. Non trato de evitar os seres humanos nos meus encadres, pero non sinto necesidade de incluílos.

"O que me interesa na captura das miñas fotografías está detrás do que vexo"

Tanto Sugimoto como vostede naceron poucos anos logo dos terribles bombardeos nucleares a Hiroshima e Nagasaki. Que sombra proxectaron estas traxedias sobre o seu xeito de ver e interpretar a vida?

Sempre son consciente da morte do home, da súa finitude. Non me gusta nigunha guerra. É moi triste que aínda haxa tantas traxedias orixinadas polas guerras no mundo. Desexo que aprendamos dos nosos erros do pasado e deixemos de enfrontarnos. Con todo, non creo que os dous bombardeos nucleares de Hiroshima e Nagasaki inflúan directamente no meu xeito de pensar cando fotografo.

Paseando entre as fotografías de Os murmurios do bosque aparecen numerosas referencias a grandes autores clásicos da fotografía paisaxística, entre eles dous fotógrafos dos que Henri Cartier-Bresson dicía “O mundo estase caendo a anacos e todo o que Adams e Weston fotografan son pedras e árbores”, con todo a contribución deles ao movemento ecoloxista internacional está recollida na historia da fotografía. Neste contexto, e nunha contorna de crise global ¿Onde sitúa o seu traballo fotográfico dos últimos anos?

Fotógrafos que captan encontros únicos na vida... ese estilo de fotografía ten sido unha fonte de inspiración para min. Realmente eu non son o que fotografo, son os bosques os que me inducen a tomar as súas fotografías. E é o meu desexo sincero que estas fotografías miñas nunca terminen sendo un requiem pola natureza.

Tiven ocasión de partillar camiño e fotografía con vostede e a súa muller na Serra do Courel, a Fraga de Cecebre, o Pazo de Mariñán... e de observar o seu xeito de traballar no campo, un achegamento á paisaxe coa cámara de formato medio e súpeto, un silencio, un fito parece reclamarlle a presenza da cámara de placas. Desencadéase entón unha cerimonia, demorada como a cerimonia do té, que reclama toda unha coreografía repetida e calculada, da que sempre escapa a lupa de enfoque e o fotómetro, que se agachan nalgún esquecido recuncho da mochila, o peto ou a bandoleira. Cales son eses impulsos na súa retina que disparan a tensión creativa? Por que utilizan estes cambios de formato?

Efectivamente, adoito levar dous cámaras, Hasselblad e Linhof. Uso a Hasselblad cando quero capturar escenas de momentos fugaces, é unha cámara moi práctica e rápida para captar a luz. Pero cando quero capturar unha acumulación de tempo, non só o momento que vexo diante de min, preciso recoller máis, captar unha chea de tempo desde o pasado ata agora, é dicir, tempo sen tempo, entón utilizo a Linhof.

"A toma é o primeiro paso do meu traballo, pero paso moito máis tempo realizando as copias. Tan importante como elixir a cámara, a película, os produtos químicos, a técnica... elixir o papel da copia é moi importante para min"

Volvendo con Ansel Adams e a súa triloxía técnica: A cámara, O negativo e A Copia. Imos co segundo paso. Vostede mostraba preocupación logo daquelas xornadas - onde non faltou o polbo e a empanada montañesa- por non ter tempo de revelar antes de pasar os controis aeroportuarios. Que película utiliza e cal é a súa estratexia para evitar que se deterioren os negativos nas súas viaxes?

Utilizo película ASA100, película lenta para evitar o risco de velado cando teño que pasar a través de raios X. E non só por esta razón, elixo película ASA100 porque me gusta o seu gran fino.

En canto ás copias, son unha parte importante do seu traballo e unha nova referencia á slow life. Por que elixiu o soporte do papel caligráfico tradicional?

A toma é o primeiro paso do meu traballo, pero paso moito máis tempo realizando as copias. Tan importante como elixir a cámara, a película, os produtos químicos, a técnica... elixir o papel da copia é moi importante para min. Os dous primeiros anos, des que comecei facer ampliacións de platino, usaba un papel francés, Arches para acuarela. Pero seguín buscando un mellor que me permitise expresar como quería. O papel Gampi só se fai da cortiza da árbore Gampi e auga pura, e sempre de xeito tradicional. Esta é unha das razóns polas que me gusta, aínda que cada vez é máis e máis difícil de conseguir bo Gampi. Creo que fai posible expresar a densidade que eu quero na miña imaxe .

O traballo coa emulsión de platino-paladio foi considerado polos fotógrafos pictorialistas como un sistema de impresión nobre, alá polo cambio de século XIX ao XX; pero hoxe se sabe que son procesos moi tóxicos para a saúde e o medio ambiente. Votamos ao mundo de contrastes co que comezabamos, tradición e modernidade, respecto ao medioambiente e contaminación. Como consegue harmonizar este enfrontamento de ideas e sentimentos?

Trato de ser moi coidadoso, tanto co medio ambiente como coa miña saúde, cando uso o platino, o paladio e outros produtos químicos. Non tiro os líquidos residuais do meu cuarto escuro, almacénoos e os deposito nun sistema de recolleita de residuos químicos tóxicos. Uso máscara especial e ventilo ben o laboratorio escuro cando estou a traballar.

A fotografía é case sempre arte seriada, pero hai algo que me intriga, vostede presenta sempre edicións de nove copias, por que?

Facer copias de platino é un proceso longo e non é fácil crear boas ampliacións. Así que decidín realizar só pequenas tiradas das miñas fotografías.

Para terminar quero agradecer o traballo de intérprete de Yushuki, a súa muller. Véndoo traballar, intúese que a súa compañeira desenvolve un papel máis aló que o de tradutora. Cal pensa que é o peso de Yushuki na súa obra?

Takeshi tenta crer en si mesmo e Yukiko tenta crer nel. Ela sempre está con Takeshi cando vai fotografar. Sempre procura estar comigo cando me enfronto a dificultades, coa esperanza de proporcionar a Takeshi a forza precisa para non darse por vencido.

Pechamos a entrevista recomendando a visita á súa exposición no M.A.C. da Coruña, na que a máis das imaxes de Yoshemite, New York, Reino Unido, Paris…, poden verse imaxes de Galicia: os bosques de castiñeiros de Castroverde, unha cascada na Fonsagrada, o Dolme de Axeitos… todas elas realizadas no outono de 2013. Emprazamos a Takeshi Shikama a que nos mostre en próximas exposicións esoutras imaxes da primavera galega que fixo na súa última visita.

Takeshi Shikama © Xacobe Meléndrez
Takeshi Shikama © Xacobe Meléndrez
A mostra de Takeshi Shikama no Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa © Xacobe Meléndrez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.