Francisco Pillado será o presidente de honra da Fundación Praza Pública

Dominio Público Praza Pública

Francisco Pillado Mayor será nomeado Presidente de Honra da Fundación Praza Pública na primeira reunión do Padroado da entidade editora deste xornal. A figura de Francisco Pillado, pola súa traxectoria intelectual, polo seu compromiso político e cultural, e pola súa grandeza humana, representa fielmente os ideais de Praza Pública e o país que desexamos axudar a construír, polo que é para todos nós unha honra a súa xenerosa disposición a asumir a tarefa proposta e a contribuír, coa súa incansable enerxía, a consolidar este proxecto colectivo.

A figura de Francisco Pillado, pola súa traxectoria intelectual, polo seu compromiso político e cultural, e pola súa grandeza humana, representa fielmente os ideais de Praza Pública e o país que desexamos axudar a construír

Pouco podemos dicir de Pancho Pillado que non sexa xa ben coñecido. Profesor, músico, crítico literario, xornalista, columnista, promotor teatral, escritor, tradutor, editor... A súa actividade abrangue practicamente todos os campos da acción cultural, e entre centos de referencias, cabe destacar que exerceu como xornalista e colaborador en medios como La Voz de Galicia, A Nosa Terra e El Correo Gallego; fundou os grupos teatrais O Facho, Escola Dramática Galega, Luís Seoane, Elsinor Teatro e Grupo de Teatro de Alunos da Escola de Estudos Sociais da Coruña; foi director da Escola Dramática Galega e dos cadernos teatrais desa entidade, labor polo que recibiu o Premio da Crítica e o Premio Compostela de Honra; é coautor de obras de referencia nos estudos teatrais, como o Diccionário do teatro galego (1671-1985) ou a Antoloxía do teatro galego, ben como de libros de conversas con Ricardo Carvalho Calero e Xosé Manuel Beiras; posúe, entre outros premios, o da Aula de Teatro da USC, ademais de ser membro da Xunta Directiva da AELG, dos consellos de redacción de diversas publicacións e de xurados internacionais de teatro; é director de Laiovento, Libros Elsinor Teatro, Cadernos de Teatro Casahamlet e Revista de Teatro Casahamlet, e foino de diversas outras publicacións e coleccións; como tradutor, verqueu ao galego obras de Nicolás Guillén, Lorca, Chekhov, Molière, Genet, Beckett, Strindberg ou Ghelderode, ademais dun libro de conversas con Fidel Castro. E moito máis que queda no tinteiro.

Un país que pretende ser normalizado non pode depender duns medios de comunicación que nin sequera recollen en galego as declaracións que facemos na nosa lingua

En declaracións a Praza, tras sinalar o "orgullo e a satisfacción" que lle produce a súa participación neste medio, afirmou: "Hai que apoiar os medios en galego que nacen, hai que apoialos porque definitivamente o galego está marxinado nos medios escritos. Creo que temos a obriga de manter esta vía de comunicación porque é necesario para o país. Un país que pretende ser normalizado non pode depender duns medios de comunicación que nin sequera recollen en galego as declaracións que facemos na nosa lingua." Desde estas páxinas, só podemos expresar a nosa felicidade por telo connosco e facerlle chegar a Pancho Pillado a nosa homenaxe, o noso cariño e o noso inmenso agradecemento.

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.