Najla Shami viaxou á terra do seu pai e deu cunha mestura de partes do seu ser -a galega, a palestina, a americana, a mediterránea- á que lle deu a súa forma máis persoal en ‘Ela sabe a sol’
Najla Shami sentiu a necesidade de reconectarse, máis ca nunca, coa súa raíz palestina. Viaxou primeiro a Xordania e despois á propia Palestina. Por primeira vez. Visitou aquela terra á que seu pai, seis décadas despois, voltara tamén. Entrando sen permiso, coa chave que gardara, na que fora a súa casa, convertida nunha escola. Najla buscou, coma seu pai aquela vez, e atopou. Deu cunha mestura de partes do seu ser -a galega, a palestina, a americana, a mediterránea- á que lle deu a súa forma máis persoal. O resultado é ‘Ela sabe a sol’. Fusión de pop, jazz, folk… Encontro de mundos.
O disco anterior, ‘Na lingua que eu falo’, era de 2013. Xa pasou un tempo… Aínda que si tes colaboracións en discos colectivos.
Si, teño moitas publicacións, moitas colaboracións, tamén a nivel compositivo. Ademais, este disco foi unha viaxe longa que precisou o seu tempo.
Unha viaxe é, precisamente, o que parece. Unha viaxe física e tamén interior.
“Si, o disco xorde dunha viaxe interior e exterior. Sempre entendín así os meus procesos creativos: o que me importa é comunicar o que levo no interior”
Si, o disco xorde dunha viaxe interior e exterior. Sempre entendín así os meus procesos creativos: o que me importa é comunicar o que levo no interior. Neste caso, foi unha chamada a equilibrar as influencias culturais que me viñeron da parte do meu pai, que é palestino. Hai anos que comecei a deseñar este proxecto no meu corazón. Despois pasei un ano en Xordania, visitei por primeira vez Palestina… Á volta gravei aquí, buscando tamén colaboradores orientais… Fun a Palestina porque necesitaba reencontrarme con esa parte de min, a nivel poético e musical. Despois demorou a gravación… A min non me gusta presionar, e ademais eu quería que quedase bonito.
Hai música árabe, galega, americana… É un disco moi aberto, nese sentido… Cantado en galego, castelán e árabe. Contén sons mediterráneos e africanos, pop, folk, jazz…
“A verdade é que a intención era non poñerme límites, nin a nivel lingüístico nin a nivel sonoro”
A verdade é que a intención era non poñerme límites, nin a nivel lingüístico nin a nivel sonoro. Precisaba indagar na miña formación musical, cultural e sanguínea. Deixarme levar por todas esas partes miñas e buscar un equilibrio desde a miña perspectiva. A miña nai é galega, o meu pai é palestino e teño ascendencia americana tamén, da familia por parte de nai. No meu espectáculo anterior, ‘Latitudes’, do que non gravei disco, tamén se xuntaban a miña parte mediterránea, a galega, a española e a americana. Este novo disco conecta con ‘Latitudes’.
É un disco variado, supoño que tamén polos colaboradores que tes. Moitos músicos…
“O concepto é feminino absolutamente. Como unha celebración das feminidade e das paisaxes femininas”
Para conseguir as sonoridades que tiña na cabeza tiven que apoiarme en moitos músicos, si, parte deles orientais. A nivel compositivo é todo meu: si precisei axuda cos arranxos. Cada canción tiña un concepto sonoro que eu quería expresar, e para iso contei tamén con Pedro Pascual, o produtor musical, que foi dándolle forma ao concepto que eu quería expresar. Cada canción ten un pouso social e feminino de grande peso..
É un disco que parece falar de encontro entre mulleres, da diálogo coa natureza… Cal é a idea, en xeral?
“A primeira canción, ‘Ela sabe a sol’, que é a que lle dá título ao disco, fala de renacemento, de como renacer despois dunha situación na que tocamos fondo. Temos unha grande capacidade de recuperación”
O concepto é feminino absolutamente. Como unha celebración das feminidade e das paisaxes femininas. Porque en calquera situación, por negativa que sexa, sacamos as forzas para saír. Hai diálogo coa natureza porque as mulleres somos natureza tamén, no sentido de que somos as que creamos vida, levamos con nós os ciclos da vida, somos cíclicas coma a natureza. A primeira canción, ‘Ela sabe a sol’, que é a que lle dá título ao disco, fala de renacemento, de como renacer despois dunha situación na que tocamos fondo. Temos unha grande capacidade de recuperación. Podo ir explicando de que vai cada canción…
Veña.
O segundo tema, ‘Lúa’, que está dedicado a Narf, fala da idea da perda, da dor e da soidade provocada pola perda. E da confesión á lúa, porque temos esa capacidade de comunicarnos, de contar a nosa dor para buscar a nosa curación. Que é unha paisaxe que temos moi presente. A terceira é ‘Mapa’, na que imaxino que tivese unha filla e penso o que me gustaría transmitirlle. Por iso a canción fala do legado, a transmisión, a aprendizaxe, a educación.
O disco é en realidade un libro-disco no que hai, ademais das letras, poemas. Como se relacionan coas cancións?
Cada poema está asociado a unha canción. Cada letra xira arredor da paisaxe feminina de cada canción.
‘Auga’ parece unha conversa coa auga…
“Filla’ é unha canción que fala do legado, das aprendizaxes transmitidas de xeración en xeración, do legado material e inmaterial transmitido polas mulleres”
‘Maio’ fala de amor. ‘Auga’ fíxena pensando nas mulleres que non teñen acceso á auga, e na conexión entre a falta de auga e o xénero. Mulleres que poden ser atacadas, violadas… ao ter que camiñar durante quilómetros para conseguir auga. Arriscan a súa vida, o seu futuro -porque deixan de ir á escola….- por coidar as persoas que queren, o cal é unha obriga imposta socialmente e tamén un xeito de entrega persoal. Inspireime na película ‘A fonte das mulleres’. ‘Filla’ é unha canción que fala do legado, das aprendizaxes transmitidas de xeración en xeración, do legado material e inmaterial transmitido polas mulleres.
E ‘Malaktu Sawti’? Un tema empoderador, segundo diriamos hoxe.
Son dona da miña voz, significa. É sobre unha muller que di basta! ante unha situación que lle fai sentirse pechada nunha gaiola. E decide dicir non! ‘Deusa’ fíxena pensando na rapaza que fi violada pola Manada. O sufrimento de mulleres coma ela, que foi terrible, serviu polo menos para que a sociedade se mobilizase para que todo mellorase para todas. Ao escribir esta canción apoieime tamén no #metoo, no #niunamenos, no #yositecreo…
‘Mené’ está dedicado ao neno Aylan Kurdi, ás persoas que morren tentando cruzar o Mediterráneo. ‘Taboada’ está dedicado ao lugar onde me criei, pero fala non só de Taboada, senón das raíces, das raíces coa terra. Inspirada polo río Miño, esta composición está feita arredor da Kalimba. ‘Si muero’, con versos de Lorca, está dedicado a Mari Coni e Marina Menegazzo, dúas mulleres arxentinas que foron violadas en Perú. Os seus corpos foron atopados en bolsas de lixo… Como no caso de ‘Deusa’, pensaba con esta canción que a morte de mulleres coma estas levou á mobilización social, a que se abrise camiño para un futuro mellor para todas. O ‘Epílogo’ é sobre a alegría de ser mulleres; ese disfrute....
Pensaba ao escoitarte que podería encaixar no que un día se chamou “feminismo da diferenza”...
Si que me identifico con esa perspectiva. Hai unha idea inicial que é moi importante, que é que unha muller que ten luminosidade, disfrute e forza, non precisa explicarse porque brilla por si mesma. Por iso o título de ‘Ela sabe a sol’. En referencia a esa forza, esa grandeza…
Yolanda Castaño escribiu un limiar que é como un resumo poético de todo o contido das letras -e poemas- do libro.
“Cambiei respecto ao disco anterior e cambiarei no próximo, no que xa estou traballando”
Penso que captou moi ben esa parte da estrela que inflúe nas demais, o sol, que nos acompaña ao amencer e ao atardecer, e que quedamos ollando aparvadas. Esa luminosidade que eu busquei neste disco.
Hai unha evolución respecto do disco anterior, no sentido que son letras túas… É moito máis persoal, supoño.
Cambiei respecto ao disco anterior e cambiarei no próximo, no que xa estou traballando. Eu son unha persoa tímida, introvertida, e preciso os meus tempos. Tamén preciso etapas de formación grandes, porque iso é o que me dá seguridade. No primeiro disco asomei o nariz, no segundo parte do corpo, e no que será o terceiro xa sairá o corpo enteiro. É cada vez máis arriscado…
Estades organizando concertos?
Tivemos concertos de preestrea no verán. O disco saíu en setembro. E agora estamos organizando unha xira para a primavera-verán. Para cando veña o sol…
A imaxe do disco está moi coidada…
A imaxe é da fotógrafa Mara Saiz. O estilismo é meu.