Galeusca Historia remata apelando á "solidariedade" entre pobos

Participantes no Galeusca Historia, nun dos percorridos CC-BY-SA Galeusca Historia

Dous días de relatorios, comunicacións académicas e intercambio de coñecementos entre Galicia, Euskadi e Catalunya que finalizan cunha chamada á solidariedade entre pobos. O pasado día 19 finalizou na Coruña o terceiro encontro Galeusca Historia, un punto de encontro de historiadoras e historiadores que, enmarcado nun curso de verán da UDC sobre exilios e migracións, apostou por "manter o compromiso co fomento e aumento das relacións historiográficas entre os tres países" cun ollo posto no resto do mundo.

As persoas participantes no encontro agardan "acentuar nos vindeiros anos e encontros as aproximacións e estudos comparativos" entre "o pasado das tres nacións" e, paralelamente, ven necesario emitir dúas declaracións de "solidariedade". A primeira diríxese aos "pobos que padecen eo terror e se ven obrigados a exilios e expatriacións". Esta realidade, explican, "pasou a primeiro plano nas últimas semanas para o caso da Siria", país sobre o que cómpre tamén "denunciar as causas que motivan estas realidades".

O programa incluíu unha dupla homenaxe ás persoas represaliadas polo franquismo

As historiadoras e historiadores de Galeusca ollan tamén cara ao proceso soberanista catalán. "Solidarizámonos con todas as nacións sen Estado que procuran o seu recoñecemento e desenvolvemento do seu libre dereito de autodeterminación", din. Nesta liña, "solidarizámonos coa nación catalá", indican.

O programa académico do congreso completouse con "dúas sorpresas" da man de "dúas entidades centrais no ámbito cultural e memorialístico da Coruña". Coa colaboración da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e da man de Xurxo Souto os participantes realizaron un percorrido pola cidade centrándose en diversos aspectos da mesma. Asemade, coa Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica os historaidores homenaxearon por partida dupla as persoas represaliadas polo franquismo. Nesas homenaxes participaron, entre outras, Amalia Bóveda, filla de Alexandre Bóveda, e Elvira Varela, filla de Elvira Bao e Bernardino Varela.

Participantes no Galeusca Historia, nun dos percorridos CC-BY-SA Galeusca Historia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.