Galicia, desde Bos Aires

Cartel do congreso © AIEG

O Teatro Castelao de Bos Aires acollerá este luns a inauguración do XI congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG) no que ducias de investigadores e investigadoras chegadas de Galicia e de universidades de todo o mundo (Brasil, Reino Unido, Polonia, Estados Unidos...) analizarán como a globalización muda as identidades nas fronteiras, na emigración e no exilio. O congreso completará ata o mércores 8 tres intensas xornadas de conferencias, debates e presentacións, así coma outras actividades en espazos distribuídos por toda a cidade. A AIEG elixiu Bos Aires para esta cita porque "a cidade representa en si mesma diversos fenómenos de intercambio cultural e foi a cerna dunha das comunidades máis vizosas da diáspora galega".

O congreso será inaugurado pola presidenta do Parlamento galego Pilar Rojo, o secretario xeral de Política Lingüística Valentín García, a vicepresidenta do Consello da Cultura Galega Rosario Álvarez e Débora Campos, presidenta a AIEG. A investigadora da Universidade do Salvador Maria Rosa Lojo abrirá o congreso coa conferencia "A ex-centricidade galega no imaxinario arxentino e a nosa Galicia mestiza". A continuación, o propio Teatro Castelao acollerá un debate coordinado por Víctor Freixanes e titulado “Buenos Aires, capital da cultura galega”, no que participarán Silvia Dolinko, do Conicet-UBA-IDAES/UNSAM; Norberto Pablo Cirio, do Instituto Nacional de Musicología "Carlos Vega”, e Luis Cortese, do Instituto Histórico de Buenos Aires, que ofrecerán diferentes puntos de vista sobre o papel que a cidade porteña desenvolveu na cultura galega no pasado e no presente.

O principal obxectivo do XI Congreso da AIEG, titulado “Os estudos galegos ante o cambio social e cultural: identidades na fronteira, emigración e exilio” é contribuír ao proceso de apertura dos estudos galegos á análise dos fenómenos de transculturalidade e dos procesos de cambio social e cultural, tanto por medio da atención a obxectos culturais emerxentes como por medio da adopción de ferramentas de análise que favorezan as perspectivas comparadas. Os e as investigadoras afondarán nas relacións interculturais e as dinámicas de cambio social asociadas a elas, "unha constante na historia de todas as culturas" mais cun ritmo e incidencia incrementados nos últimos anos "polo proceso globalizador".

Xa pola tarde deste luns e nos días seguintes, outros espazos da capital arxentina, coma o Instituto de Altos Estudios Sociales da Universidad Nacional San Martín (UNSAM), o Instituto Galego-Arxentino Santiago Apóstol ou o Museo da Emigración Galega acollerán as distintas mesas temáticas do congreso, así coma outras actividades. A Federación de Sociedades Galegas da República Arxentina será o escenario da Asemblea Xeral de Socios e Socias da AIEG, precedida da conferencia de Silvia Dolinko (UNSAM) "Entre unidade e imaxes de Galicia. As múltiples obras de Luís Seoane en Buenos Aires (1937-1979)"

Imaxe do X Congreso da AIEG, celebrado en Gales © AIEG
Cartel do congreso © AIEG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.