Pouco a pouco a mostra Galicia 100, que se inaugurará o vindeiro martes 10 de maio en Compostela, vai debullando algúns dos elementos que a compoñen: a análise e posta en valor dun cento de obxectos a través dos cales se percorre a historia, cultura e identidade do país, empregando distintas ferramentas e soportes. Entre eles están os modelos 3D, como xa amosamos en Praza hai uns días, ou os vídeos que o Consello da Cultura vai publicando dende a semana pasada.
Dende este venres pódense ver sete deses modelos 3D: os correspondentes ao Báculo do Bispo Gonzalo de Mondoñedo, o Sarcófago de San Martiño de Dumio, o Vaso campaniforme de Vilavella, o Home clástico do Dr. Auzoux e o Anel do Bispo Gonzalo de Mondoñedo, ademais do Reloxo da Catedral de Santiago e A Virxe Abrideira de Allariz.
Ademais, a través de pequenos fragmentos de vídeo, xa dispoñibles en youtube, con opinións de expertos ou animacións dos obxectos, podemos coñecer algo máis sobre o Colar de Chousa Nova (Silleda), a Tabula Hospitalis de Castromao, a Lápida de San Pedro de Rocas, o Foro do Burgo de Caldelas, a cadea A Mariscala, o cadro Mares de Urbano Lugrís, o Sepulcro de Fernán Pérez de Andrade, os Canóns do exército francés ou as campás, destacando o forte sentido simbólico deste elemento no rural galego.
Báculo e Anel. O chamado "tesouro de san Gonzalo" componse dun anel e un báculo que se supoñen noutrora pertencentes ao bispo mindoniense Gonzalo Fróilaz. Están conservados no Museo Parroquial de San Martiño de Mondoñedo. O anel é a peza máis destacada, de ouro, cun cuarzo translúcido suxeito por catro cabeciñas de paxaro moi ben traballadas. O máis destacable del é a inscrición que leva: "NOLO ESSE DATUS NEQUE VENUM DATUS", que adoita traducirse por "Non quero ser doado nin vendido".
Tamén se pode interactuar co modelo 3D do chamado sarcófago de san Martiño, conservado no Museo de Arqueologia D. Diogo de Sousa (Braga, Portugal). É unha peza do século XI construído hipoteticamente para gardar as reliquias do santo. Naquel momento, a Igrexa galega estaba a reconstruír un organigrama e unha identidade e atopou na recuperación de Martiño de Braga o entroncamento co pasado glorioso do período suevo, no que acadara, baixo a súa dirección, un tempo de especial esplendor.
É igualmente interesante o Vaso campaniforme de Vilavella, datado cara ao 2700 ou 2600 a. C. E resulta sumamente curioso o home clástico, fabricado polo Dr. Louis Thomas Jérôme Auzoux en París, e que pode verse no Museo Fernando Blanco de Lema (Cee). Mide 120 cm de altura e representa un corpo humano, que pode descompoñerse en 2000 pezas. Foi construído a finais do século XIX, un momento no que os modelos anatómicos realizados polo doutor francés acadaron unha gran fama en todo o planeta.
Son só algúns dos elementos que forman parte da exposición. Como tamén o colar atopado en 2012 no xacemento da Chousa Nova (Silleda), con seis mil anos de antigüidade. Ten 35 contas, algunhas de ámbar e outras de varisicita, e foi o segundo colar dese tempo atopado in situ en Europa, acompañando neste caso outros obxectos de enxoval, unha eixada e un cincel novos, sen usar, interpretados como símbolos de luxo e posición social.