A Coordinadora de Profesionais do Audiovisual Galego, constituída pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Asociación de Guionistas de Galicia (AGAG), Asociación de Técnicos de Galicia (ATEGA) e Asociación de Directores e Realizadores (CREA) pon de manifesto mediante unha rolda de prensa o impacto negativo que o proxecto El Faro está a ter no sector audiovisual.
Dende fai aproximadamente un mes están a recibir denuncias de profesionais de todo o estado relacionadas co proxecto da serie El Faro, unha producción financiada nun 50% pola TVG e na que participan gan parte das televisións autonómicas. O financiamento é case nun 100% público, con excepción da colaboración dalgunhas canles privadas. O orzamento da producción está en 2.700.000 € para a produción de 120 capítulos de 50 minutos, o que significa 22.500 € por capítulo, a metade do habitual. "Non se pode experimentar con diñeiro público", di Jorge Coira de CREA.
"A falta de identidade cultural, e máis tendo a CRTVG un 50% no proxecto, non ten cabida. Tería que rodarse na nosa lingua e nos nosos ambientes"
As denuncias conteñen dous aspectos a destacar desta produción. Por unha banda, as empresas encargadas da produción da serie, Agallas Films, Cinemar, Zenit TV e Pórtico, ofrécenlles uns salarios aos profesionais do audiovisual que están moi por debaixo dos actuais prezos do mercado. Esta rebaixa é especialmente pronunciada no caso dos actores e actrices, xa que nin se aproxima aos mínimos establecidos polo convenio colectivo. "É unha auténtica bomba de reloxaría e aínda non sabemos cales serán os efectos que se van producir. Polo de agora as rebaixas salariais van entre un 30% e un 50% ". Estas condicións foron impostas polos responsables da producción da serie sen negociar coas asociacións do sector. "O gran perigo de abaratar os custes en tempos de crise é que despois non voltarán subir, e neste caso baixan á metade do prezo habitual" di o interprete Antonio Durán, Morris. "Polo futuro, temos que poñer unhas liñas vermellas, se hai un convenio hai que respetalo" di Jorge Coira representando a CREA.
Por outro lado, segundo a información coa que contan as asociacións de profesionais do sector, a serie estará ambientada nun contexto que non fai referencia á identidade cultural específica de cada unha das distintas comunidades nas que se vai emitir. "Isto non só non se axusta aos principios de defensa e promoción da lingua e da identidade cultural polos que se ten que rexer a programación da nosa canle autonómica, tal e como se recolle na Lei de creación da CRTVG, tamén choca cos valores de defensa da diversidade cultural e lingüística nos que se basea a propia existencia das televisións públicas autonómicas" afirma a Coordinadora de Profesionais do Audiovisual Galego no seu comunicado. "A falta de identidade cultural, e máis tendo a CRTVG un 50% no proxecto, non ten cabida. Tería que rodarse na nosa lingua e nos nosos ambientes", afirma Alberto Día, da Asociación de Técnicos de Galicia.
"O gran perigo de abaratar os custes en tempos de crise é que despois non voltarán subir,e neste caso baixan á metade do prezo habitual"
Debido ao escándalo, a Guionistes Associats de Catalunya (GAC) e o Sindicat de Guionistes de Catalunya (SiGC) pediulle a TV3 que se retire da coproducción da serie galega low cost que incumpre os convenios e "está a reventar os prezos". A televisión autonómica vasca, ETB, ao decatarse da situación anunciou a súa retirada da coproducción de El Faro "ata que se regulen as condicións laborais de guionistas e actores". Os guionistas de Catalunya puxeron como exemplo a producción da serie La Riera, pola que TV3 paga polo guión de cada capítulo de 26 minutos, 3.000 euros, mentras que para El Faro, cunha producción similar, paga 500 euros polo guión. Os guionistas cataláns denuncian que esta diferenza dentro da mesma empresa é debido a que La Riera se realiza en Catalunya, rexindose polos convenios pertinentes, mentras que El Faro se grava en Galicia "Non está tan lonxe como Taiwán, pero o planteamento está na mesma línea" denuncian los guionistas cataláns.
Segundo os responsables da serie, máis de douscentos profesionais, "contratados no marco do convenio colectivo do sector" participarán na rodaxe que se espera comezar nos próximos días en Galicia. "Con esta iniciativa ábrense novos camiños aos acordos que permitan viabilizar novas producións audiovisuais xeradoras de oportunidades de traballo e competitivas coas doutros países" afirman.
"A CRTVG afirmou que non aceptaría unha serie dobrada e que paralizará o proxecto se había algo ilegal usando a súa condición de socio maioritario", afirma Morris, "eu confío en que todo se recapacite e solucione xa que somos catro asociacións e as catro estamos en contra".
"A CRTVG afirmou que paralizará o proxecto se hai algo ilegal"
A Coordinadora pide a unidade do sector para solucionar o problema e reclámalle "tanto ás productoras como á TVG e ao resto das televisións que financian a produción, que consideren as repercusións negativas que este proxecto, tal e como está concibido, pode causa na nosa industria e tomen medidas pertinentes para reorientar, de xeito que cumpra os mínimos requisitos laborais".