Galicia perdeu 350 mil espectadores de cine dende 2007

En Galicia hai 190 salas, a metade na provincia da Coruña Dominio Público Praza Pública

A crise económica, entre outros factores, está impactando con forza na asistencia dos galegos e galegas ao cine. Entre 2007 e 2012 Galicia perdeu 349.891 espectadores, segundo un informe elaborado pola Federación de Cineclubes de Galicia, que tamén salienta que neste mesmo período o prezo medio das entradas se incrementou nun 17%, e culpa da situación á "aparición de novas salas multiplex e a súa programación acordada polas majors ou distribuídoras con capital eminentemente estranxeiro, que deben repartirse un público que diminúe".

A única provincia que se mantén a asistencia, e que mesmo rexistra un saldo positivo (de 123 espectadores) é sorprendentemente Ourense, que é a que menos salas de cine ten, e que mesmo pode perder o único cinema da capital provincial. Un bo dato no que inflúe o público que asiste ao festival de cinema da cidade (máis de sete mil espectadores na última edición) e ao Cineclube Padre Feijoo (máis de oito mil espectadores no último ano). Pola contra, Pontevedra perde 189.453 espectadores, A Coruña 141.842 e Lugo 18.596. Porén, o sinalado incremento do prezo das entradas por riba da media do IPC fai que a pesar da diminución do número de asistentes ás salas, a súa recadación creza notablemente en todas as provincias.

Neste período, Galicia pasou de 186 a 190 salas, pero a única provincia no que se incrementou o número de salas é A Coruña (72 no 2007, 93 no 2013), e pola contra a que máis perdeu é Pontevedra (73 no 2007, 62 no 2013). Lugo pasou de 25 a 23 e Ourense de 16 a 12. No ratio de asistencia ou competitividade das salas (número de espectadores por sala), correspóndelle o liderado á provincia de Ourense, con 22.819 espectadores por cada sala, seguida de Pontevedra con 21.268 espectadores, 19.522 en A Coruña, e 15.298 en Lugo.

"Teñen máis relación no descenso de espectadores os continuos incrementos no prezo das entradas nun periodo de forte recesión económica e laboral, xunto coa aparición de novas salas multiplex"

A Federación de Cineclubes de Galicia sinala que "como se demostrou na festa do cine o problema fundamental do cine non é, soamente, a piratería, nin a suba espectacular do IVE (aínda que contribúen)", senón que "teñen máis relación no descenso de espectadores os continuos incrementos no prezo das entradas nun periodo de forte recesión económica e laboral, xunto coa aparición de novas salas multiplex e a súa programación acordada polas majors ou distribuídoras con capital eminentemente estranxeiro, que deben repartirse un público que diminúe".

En Galicia "lamentablemente, a diferenza doutras partes do Estado español, as administracións públicas competentes, non teñen definida a súa política audiovisual en materia de exhibición do cine, como elemento cultural, ou de distribución de filmografías"

Tamén engaden algúns outros motivos "subxectivos", coma a "pouca variedade ou calidade na grella cinematográfica, unicamente enfocada a públicos non formados, de consumo rápido, irreflexivo; con pouco respecto á producción propia e alonxada das pequenas produccións, filmes europeos, asiáticos, africanos...". Tamén denuncian "a falta de atención dos medios á crítica cinematográfica, ou mesmo á indicación da programación cinéfila, fora do ámbito das grandes producións de Hollywood".

Finalmente, sinalan que en Galicia "lamentablemente, a diferenza doutras partes do Estado español, as administracións públicas competentes, non teñen definida a súa política audiovisual en materia de exhibición do cine, como elemento cultural, ou de distribución de filmografías.

 

Ourense, sen cines?

A un mes de que se consume a desaparición de Cinebox, as salas situadas no centro comercial Ponte Vella aínda non teñen comprador

O informe tamén destaca o caso de Ourense, a piques de perder a sala da cidade, polo concurso de liquidación do grupo Ábaco (grupo, que tamén pechou previamente as súas salas de Vigo e Pontevedra). En 2006, a empresa valenciá Ábaco-Cinebox, que xestionaba un pequeño número de cines, mercou Cinebox ao través do fondo de capital de risco Mercapital (Clece, Ossa, Arsys, Bodegas Lan, Garcia Baquero, Pans, Azucarera, García Carrion,Marie Claire,etc) co obxectivo de obter máis salas e acceso en mellores condicións aos filmes das distribuidoras. Un ano despois da adquisión, presenta suspensión de pagos por máis de 60 millóns de euros, para así facer fronte á débeda privada desa compra. A un mes de que se consume a desaparición de Cinebox, as salas situadas no centro comercial Ponte Vella aínda non teñen comprador.

"Os donos capitalistas da que era considerada segunda canle de distribución cinematográfica española, estaba formada por xente que non tiña absolutamente ningunha relación co cine"

A Federación de Cineclubes de Galicia destaca que "os donos capitalistas da que era considerada segunda canle de distribución cinematográfica española, estaba formada por xente que non tiña absolutamente ningunha relación co cine". Tratábase dun grupo empresarial "dedicado a construir centros comerciais, que pensan na importancia de posuír instalacións de cine que garantan afluencia de público" e que "na ambición de expandir os centros, comezaron a construír un imperio de salas con rápida absorción de custes e pouca visión da situación do cine, da distribución e de empatía cos espectadores".

En Galicia hai 190 salas, a metade na provincia da Coruña Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.