"Galicia ten referentes simbólicos super potentes e aínda pouco reivindicados"

Pablo Rodríguez (Reizentolo) © El Espejo Mágico Producciones

Reizentolo celebrou neste 2023 o seu vixésimo aniversario coa edición do libro Antes molabamos máis (Galaxia, 2023). Dúas décadas nas que con máis de mil deseños, botando man do imaxinario popular e a retranca, foron quen de ser converter en algo máis que unha marca. E en galego

No ano 2002 dous rapaces que estaban a rematar a carreira de Belas Artes na facultade de Pontevedra, Pablo Rodríguez e José Manuel Prieto (aos que despois se uniu Salvador Vázquez), comezaron a deseñar e vender unhas camisetas con deseños enxeñosos e que tiraban do imaxinario galego e da retranca. E, ademais, en galego, algo que agora non chama a atención pero que nese momento non era tan habitual. O obxectivo era conseguir financiamento para poñer en marcha o que agora sería un espazo de coworking, un lugar no que o estudantado de Belas Artes puidese traballar nos seus proxectos fóra das aulas.

Nos seus primeiros anos facíano, fundamentalmente, en feiras e festivais de música e por non ter non tiñan nin coche ou furgoneta para desprazarse e, por suposto, carecían aínda dunha marca, dun nome. Entre os primeiros deseños que distribuían había un polbo con forma de paraugas, unha silueta da Catedral de Santiago, unha referencia ás meigas e o habelas hainas e un crossover dos Red Hot Chili Peppers e os pementos de Padrón (Little Green Hot Peppers from Padrón) que se converteu nun dos seus primeiros éxitos. 

Os 'Little Green Hot Peppers from Padrón' foron o primeiro grande éxito dos tres socios impulsores de Reizentolo © Universidade de Vigo

Entre os primeiros deseños que distribuían había un polbo con forma de paraugas, unha silueta da Catedral de Santiago, unha referencia ás meigas e o habelas hainas e un crossover dos Red Hot Chili Peppers e os pementos de Padrón (Little Green Hot Peppers from Padrón) que se converteu nun dos seus primeiros éxitos

O éxito obrigounos a pensar nun nome e aí naceu en 2003 Reizentolo, que vinte anos despois é moito máis que unha marca e unha empresa de éxito. Ao longo deste 2023 o vixésimo aniversario de Reizentolo celebrouse cunha exposición, coa reedición dalgunha das súas primeiras producións e coa edición de Antes molabamos máis (Galaxia, 2023), unha obra na que colaboran o antropólogo Rafa Quintía (que asina a introdución), Xurxo Souto, Diana López Varela, Francisco Castro, Ana Cabaleiro, David Amor, Inma López Silva, Anzo Angueira, Marilar Aleixandre, Carolina Iglesias, Antía Yáñez ou Kiko da Silva. Ademais, o libro inclúe unha selección dos mellores deseños realizados nestes 20 anos. En total, contando unicamente os feitos para Reizentolo (sen contar colaboracións, encargos de outra xente e demais), a marca supera o milleiro de deseños.

Reizentolo é hoxe unha marca de éxito que, ademais, abriu camiño para outros proxectos semellantes. Conta, ademais da súa tenda online, con tendas físicas na Coruña, Vigo, Pontevedra, Santiago, Ourense e Allariz (outlet). Porén, os seus inicios non foron doados. Os seus primeiros intentos de vender as súas camisetas non tiveron éxito e, por exemplo, cando en 2004 quixeron colocar os seus produtos en tendas de Santiago de Compostela, de 40 lugares onde preguntaron, en 39 dixéronlles que iso non interesaba.

"Iniciamos a nosa andaina como feirantes, montando o noso posto de camisetas en festivais, feiras e concertos", conta Pablo Rodríguez, lembrando uns anos "divertidos, estimulantes.. e complicados"

Dos tres socios iniciais, hoxe só queda na empresa Pablo Rodríguez, que cando lle preguntamos polos inicios de Reizentolo, di que todo naceu "do traballo e a ilusión de tres mozos recén saídos da universidade", no que hoxe se chamaría unha "epifanía de emprendedores", pero que daquela de dicía que fora "unha arroutada tras dunha noite de copas". "Iniciamos a nosa andaina como feirantes, montando o noso posto de camisetas en festivais, feiras e concertos", conta Pablo Rodríguez, lembrando uns anos "divertidos, estimulantes.. e complicados".

As oficinas de Reizentolo, onde nacen as creacións © Reizentolo

Foron tempos de percorrer Galicia en autobús de festival en festival, de Pardiñas ao Cultura Quente, do Revenidas a Ortigueira ("non tiñamos nin furgoneta"). Era o espazo ideal para a distribución dos seus produtos, que se fixeron populares moi rapidamente grazas ao boca a boca. A partir de aí foron as tendas as que lle empezaron a reclamar as súas creacións. E xurdiu a necesidade de poñerlle un nome á marca. "Foi por petición popular", lembra Pablo Rodríguez. "O primeiro ano tiñamos a romántica idea de que cada deseño se valese de seu, independentemente da marca. Se che gusta mercas e se non, marchas. Mais a xente nos festivais pedía insistentemente -moi insistentemente, a partir de certa hora- que lle puxéramos nome ao invento", di.

"Tivemos referentes que abriron camiños aos que nos asomamos nós. O noso traballo bebe do humor de Castelao, das tendas de Sargadelos, do desenfado do Xabarin, da fachenda do Bravú e de moitas outras cousas máis"

"En canto ao nome, unha das propostas que tiñamos era a do ZenTolo, por facer un xogo de palabras cun dos elementos máis recoñecidos de Galicia, e a unión de dúas posturas contrarias, pero Miranda -un dos socios fundadores- dixo que era máis potente referenciar ás covas do Rei Cintolo de Mondoñedo. E como daquela eramos tres, pois bautizámonos co nome de reizentolo, sendo a unión do rei, o zen e o tolo", explica. Pablo Rodríguez engade que "hai que dicir que de primeiras non foi ben acollido:  as normas do marketing esixen nomes cortos e fáciles de reter, e dende logo reizentolo non o é: costa escribilo ben e aínda hoxe chaman ás nosas oficinas preguntando se vendemos marisco por encargo".

A 'Rosalía pop' é un dos seus deseños máis icónicos © Rei Zentolo

"Tivemos referentes que abriron camiños aos que nos asomamos nós. O noso traballo bebe do humor de Castelao, das tendas de Sargadelos, do desenfado do Xabarin, da fachenda do Bravú e de moitas outras cousas máis", destaca Pablo Rodríguez, á pregunta sobre a orixinalidade da proposta de Reizentolo, que dende logo abriu un camiño e un mercado para outras iniciativas, que hoxe empregan o galego e o humor nas súas creacións. 

"Ao principio ves rivais en xente que se anima a facer o que ti cando ve o teu traballo: mais non é certo. Co tempo dáste de conta que se algo é imitado e inspira a xente a facer cousas parecidas é porque funciona"

"Ao principio tendes a ver rivais en xente que se anima a facer o que ti cando ve o teu traballo: mais non é certo. Co tempo dáste de conta que se algo é imitado, e inspira a xente a facer cousas parecidas, é porque funciona", destaca. E engade: "pensar en que agora podemos ser referente para outra xente que fai cousas marabillosas é todo un orgullo". Ademais, subliña que a nivel estritamente comercial "que exista competencia é inevitable, fai crecer ao teu proxecto e, ademais, fai crecer ao mercado no que traballas".

Tenda de Reizentolo © Rei Zentolo

"Quedaríame con varios deseños, pero penso que de todos o único que pasou ao imaxinario popular é a nosa Rosalía Pop. Esa Rosalia de cores que se ve nas escolas cando hai festas literarias, que empregan os concellos, da que se fixeron mil versións, e que veu substituir esa imaxe de Rosalía en branco e negro"

Nestes vinte anos o proxecto empresarial de Reizentolo pasou por fases de crecemento e de contracción (a crise de 2008 obrigou a pechar as tendas físicas que abriran nos anos anteriores, reabertas posteriormente). Puxeron en marcha marcas paralelas, como Gigoló ou Yobordo. De igual xeito, dos tres socios iniciais, só permanece Pablo Rodríguez, que di que "a nosa andaina tivo moita reviravolta nestes anos, pero como a de calquera proxecto. Pasamos por moitas crises (propias e alleas) e vímonos na obriga de reinventarnos varias veces". "Para min a marca é un 'ente' ao que lle vas dando forma constantemente, e todos os acertos e os fallos quedan refletidos nesa construción que fas", resume.

Da celebración dos vinte anos, destaca o libro prublicado por Galaxia hai uns meses: "Costou moito traballo ordenar todas as imaxes que tiñamos e filtrar todo o que queriamos amosar, pero o resultado é moi satisfactorio. E en canto ás colaboracións, para nós foi marabilloso que esa calidade de autoras se brindaran a colabora, e mais co agarimo que amosaron". E salienta: "en xeral todo o proceso e acollida do libro está a ser un chute de autoestima para nós. Sentirse recoñecido e querido senta moooi ben".

Catro dos deseños máis clásicos de Reizentolo © Reizentolo

Entre eses máis de mil deseños ideados por Reizentolo, con cal quedaría Pablo Rodríguez? "Quedaríame con varios, pero penso que de todos o único que pasou ao imaxinario popular é a nosa Rosalía Pop. Esa Rosalia de cores que se ve nas escolas cando hai festas literarias, que empregan os concellos, da que se fixeron mil versións, e que veu substituír esa imaxe de Rosalía en branco e negro ou do billete de 500 pesetas que coñeciamos os da nosa época", destaca. "É toda unha icona popular: coñecida por moitísma xente, malia que non coñezan de quen ven sendo a autoría. E acadar iso é unha sorte, e un mérito", engade.

"Nunca sabes onde vai saír a idea xenial que conxenie gráfica, mensaxe e humor. E cando aparece, é importante apuntala"

Galicia necesitaba explotar os seus símbolos, facer bandeira deles? Para Pablo Rodríguez, Galicia "ten referentes simbólicos super potentes e ainda super mal reivindicados, explotados, coñecidos e recoñecidos". "Nós fixámonos nesa carencia no mundo das camisetas para poñer a andar Reizentolo, e podemos dicir que si, que fixemos bandeiras con algúns deles, para levar no peito", di.

E como nacen as creacións de Reizentolo? En brainstorming colectivos e tamén en privado, enchendo post-its con conceptos, frases, imaxes.. "Tamén pescudamos en libros (sa costume a de ir ás bibliotecas) e saímos á rúa co radar atento a atopar inspiración", destaca Pablo Rodríguez, que engade que "nunca sabes onde vai saír a idea xenial que conxenie gráfica, mensaxe e humor. E cando aparece, é importante apuntala". Finalmente, para os seguintes vinte anos de Reizentolo, avisa: "algunhas ideas xa están apuntadas en post-its na parede".

Pablo Rodríguez, nas oficinas de Reizentolo con outro dos membros do equipo © Reizentolo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.