Gelria e Chus Pato, con toda a liberdade

O grupo, en directo © Gelria

O pasado 23 de abril Gelria publicou Cantos de poeta, un álbum con 14 cancións realizadas a partir da adaptación de poemas de autores e autoras galegas, de Rosalía e Curros ata Méndez Ferrín ou Bernardino Graña, pasando por Manuel Antonio, Uxío Novoneyra ou Luz Pozo. E tamén por Chus Pato, de quen escolleron musicar o texto Unha luz que se afasta e se nos dirixe, publicado en 2013.

O álbum preséntase nunha coidada edición de libro-disco, no que se se inclúen fotografías e ilustracións, ademais das letras das cancións, traducidas ao portugués, ao castelán e ao inglés grazas ao traballo de Carlos Quiroga, Charo Soto Arias e Erin Moure, respectivamente.

Nos últimos meses a formación lanzou dous singles (O gato da tasca mariñeira, de Bernardino Graña, e Zocas, de Manuel María). E agora presenta un terceiro, a partir do poema de Chus Pato, cuxo vídeo ofrecémosvos en exclusiva en Praza. Gravado en directo na presentación do disco en Barcelona, no Centre Artesá Tradicionarius, foi realizado por Miguel Gago Caamaño, un dos novos valores do mundo audiovisual, director de cine novel, galego e afincado en Barcelona.

Para Chus Pato, este é "o mellor tema do disco", porque "é o máis libre, é aquel no que os músicos e a cantante se expresan con maior soltura e liberdade, sen compromisos con nada, máis que consigo mesmos e coa música". A autora destaca que a decisión de escoller un poema seu para musicalo "foi unha sorpresa" e explica que o proceso “foi semellante a calquera no que alguén se pon en contacto comigo para facer algo a partir do que eu escribo". "Eu non adoito nin me gusta intervir nos procesos, a non ser que me fagan preguntas moi directas, por exemplo nas traducións cando xorden dificultades", di.

Non é a primeira vez que algún dos seus textos é convertido en canción (de Antón Reixa a Ataque Escampe, pasando por Xardín Desordenado), pero Pato recoñece estar especialmente satisfeita co traballo realizado por Gelria. O trío está composto por Elena Tarrats, Federico Mosquera e Mario Cortizo nesta canción colaboran Pablo Sanmamed ao contrabaixo, Xosé Lois Romero ao acordeón e Rubén Fernández como colaborador de voz masculina. O grupo toma o nome do buque holandés no que navegou Manuel Antonio entre Europa e América en 1928 e 1929.

Chus Pato © Xerais
O grupo, en directo © Gelria
'Cantos de poeta' preséntase cunha coidada edición de libro-disco © Gelria

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.