Gonzalo Hermo (Rianxo, 1987) é o gañador do XIII Premio de Narrativa Breve Repsol. A obra galardoada leva por título Diario dun enterro e será publicada pola Editorial Galaxia. Trátase da primeira novela do autor, que suma este recoñecemento ao Premio da Crítica en 2014, o Premio Nacional de Literatura na modalidade de Poesía Nova en 2015 e o Premio de Poesía Afundación 2018.
A obra galardoada leva por título Diario dun enterro e será publicada pola Editorial Galaxia
O acto do fallo tivo lugar no restaurante Árbore da Veira da Coruña e estivo presidido polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o director da refinería de Repsol, Javier Sancho, e a portavoz do xurado, a novelista e poeta, Berta Dávila. A entrega terá lugar antes de final de ano, nun acto público que se celebrará na cidade da Coruña.
O xurado destacou a “sinxeleza estrutural e o estilo depurado da novela, que afonda nun tema universal como son os rituais da morte e o seu impacto nos roles familiares para debuxar un personaxe protagonista que asume unha oposición ás identidades tradicionalmente atribuídas á súa orixe”. Subliñou, así mesmo, o "equilibrio entre o fondo e a forma, a regularidade da construción narrativa, a veracidade dos diálogos e a honestidade da mirada que se deita sobre os personaxes".
Trátase da primeira novela do autor, gañador do Premio Nacional de Literatura na modalidade de Poesía Nova en 2015 e do Premio de Poesía Afundación 2018.
Hermo é licenciado en Filoloxía galega e doutor en Lingüística. Actualmente vive en Barcelona, onde traballa como autónomo no sector editorial e é profesor de escrita creativa da Escola de Lletres. Publicou tres libros de poesía: Crac (Barbantesa, 2011); Celebración (Apiario, 2014) editado en catalán por Godall Edicions e en castelán por La Bella Varsovia; e A vida salvaxe (Pen Club Galicia, 2018).
Hai uns meses, trala publicación de A vida salvaxe, dicía nesta entrevista que con ese poemario quixera "reivindicar os encontros físicos, sexa coa contorna, co outro ou coa propia poesía”.
O Premio Narrativa Breve Repsol, dotado con 12.000 euros, foi creado no 2006 pola refinería de Repsol na Coruña e desde 2010, é impulsado pola Fundación Repsol, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, da Editorial Galaxia, a Real Academia Galega e a AELG. Esta é a relación completa de autores, autoras e obras gañadoras:
- 2006 - Miguel Sande, Se algún día esta muller morta (Accésit: Xavier Lama, O insomnio dos centauros).
- 2007 - Anxos Sumai, Así nacen as baleas.
- 2008 - Xosé Luís Martínez Pereiro, A verdade como mal menor.
- 2010 - Xurxo Sierra Veloso, Os fíos.
- 2011 - Fernando Díaz-Castroverde, Microbios e outros paquidermos.
- 2012 - María López Sández, A forma das nubes.
- 2013 - Berta Dávila, O derradeiro libro de Emma Olsen.
- 2014 - Santiago Lopo, A diagonal dos tolos.
- 2015 - Marcos S. Calveiro, Fontán.
- 2016 - Daniel Asorey, Nordeste.
- 2017 - Xosé Antonio Neira Cruz, O sono das sereas
- 2018 - Antón Lopo, Extraordinario