Coa compostelá Libraría Pedreira ateigada de xente, presentou Belén Gopegui este xoves a súa última novela, Acceso no autorizado. Acompañada e presentada pola escritora Teresa Moure, falou sobre accesos, poder e discursos.
En Acceso no autorizado hai unha “fábula contra o conformismo, contra a apatía”, “unha fábula sobre os últimos tempos do PSOE”, como afirmou Teresa Moure, un partido que “abandonou o marxismo e agora é outra cousa”, di Gopegui. “Non é unha cuestión emocional, que teña que ver con sentírmonos traizoados”. Lembrou a canción de Javier Krahe “Cuervo ingenuo”, que no ano 86 dicía “Tú decir que si te votan tú sacarnos de la OTAN”, polo que foi censurada en TVE. Nesa ambigüidade ideolóxica e na violencia que se aplica dende ela sitúase Acceso no autorizado, pero tamén na posibilidade de fendas, de vías de acción.
Acode Gopegui a Raymond Williams, crítico e teórico literario marxista, e a unha mensaxe esperanzada: “incluso no medio do capitalismo créanse estruturas diferentes”. Hai posibilidade de atacar o sistema dende dentro? A este respecto, Gopegui amósase máis que optimista, malia manter a perspectiva crítica, con respecto ao 15M. “Hai xente que ve o vaso medio cheo, xente que o ve medio baleiro, e xente que celebra “un vaso!” Algo así me pasou con este movemento: “xente na rúa!”. Non é suficiente, pero colocáronse nun lugar onde pode pasar algo. Xerouse unha conciencia política que dalgunha maneira debe ser encarreirada”.
O hacker é calquera de nós. Unha relación, en forma de cursor que parece moverse con vontade propia, que evidencia tensións, soidade, violencia.
No libro, editado por Mondadori, o relato vaise tecendo na relación entre a vicepresidenta do goberno do Estado español e un hacker. “No hay fortaleza inexpugnable ni prisión que no contenga un defecto”, comeza. A vicepresidenta Julia Montes, identificable con María Teresa Fernández de la Vega, “dubida e arrisca”, en palabras de Moure. O hacker é calquera de nós. Unha relación, en forma de cursor que parece moverse con vontade propia, que evidencia tensións, soidade, violencia.
Están as posibilidades nos límites do legal? Había xa en El padre de Blancanieves (Anagrama, 2007) un comando clandestino de acción ecoloxista (que Moure lembrou semellante ao seu propio d'A Intervención, Xerais, 2010), e desta volta atopámonos perante un hacker. Lembra Gopegui a súa sorpresa ao estudar Dereito: “cando descobres que as fontes do dereito responden aos intereses da clase dominante, pensas “vou eu defender a lei?” Hai que cuestionar as propias fontes do dereito”.
En modo “non acepto”, posicionou Teresa Moure a Belén Gopegui: “modo non acepto o mundo tal cal é e decido transformalo”. Entre Moure e Gopegui hai unha relación epistolar, por vía electrónica, dende hai un tempo. Despídense sempre “dende o outro lado do cordón”. A respecto de cuestións que lle preocupan á escritora galega, coma ecoloxía e feminismo, Gopegui sinalou “ocupaban pouco lugar na miña cabeza, xa que viña dunha tradición marxista que se fundamentaba na loita contra unha única contradición”. A seguir foise decatando desoutras contradicións que operan de forma semellante á opresión capitalista. Pero con todo, cómpre non perder de vista a perspectiva de clase malia manter a de xénero, e a este respecto lembrou o discurso de Amelia Valcárcel e a Federación de Mujeres Progresistas: a vindicación de “cotas” de poder, a equiparación cos homes nun pseudoemancipacionismo formal que non cuestione o sistema. “Pero é que eu non quero a metade da explotación, a metade do dominio. E diranme “vénlles moi ben aos homes que non a queiras”, de acordo, pero tamén lle virá moi ben a un empresario que eu non queira compartir a tarefa de fusilar obreiros”.
Cal é a súa percepción das novas tecnoloxías? “Ao ser un elemento novo, o capital non o ten totalmente controlado"
Cara a onde imos, así a todo? “Camiñamos cara a un sitio peor. A dirección cara á que imos é esnaquizar unha chea de conquistas que se lograron”. Nesta situación, cal é a súa percepción das novas tecnoloxías? Son unha canle de acción, ou un espellismo? “Ao ser un elemento novo, o capital non o ten totalmente controlado”. Concíbeas como ferramenta, como espazo de posibilidades, pero tamén é consciente do ilusorio da pretensión de “democracia”: “Mentres non teñamos nós os satélites e os cables, non será posible”.