"Gústame pensar que as cancións serven para algo e non son mero entretenemento"

Dominio Público Praza Pública

Hai un tempiño, Xoán Curiel comezou a procurar, a través dun proxecto que chamaba Novas, uns camiños musicais diferentes na súa traxectoria, indo cara un formato máis lírico con piano e cordas. O resultado dese proceso é Ecuacións, o seu cuarto disco, que presentou hai unas poucas semanas na Casa das Crechas, en Compostela. Un traballo que rezuma o mesmo optimismo que Magnético Zen, o seu disco anterior, mais recalando máis no íntimo.

Magnético Zen, o teu segundo disco, era unha crítica do capitalismo ou da homoxeneización cultural, mais tamén unha celebración da vida e do amor. Parece que Ecuacións vai máis nesa segunda liña. Por que?

Érame necesario un cambio dende o Magnético Zen do 2012. Por diferentes motivos este cuarto disco derivou nun traballo que procura a sinxeleza musical e tamén nas temáticas.

"Este cuarto disco derivou nun traballo que procura a sinxeleza musical e tamén nas temáticas"

En realidade, Ecuacións naceu sendo Novas, (presentáralo na Zona "C" hai anos). Polo medio cruzáronse outros proxectos como Estamos no verán. E ao final foi un EP de seis temas. Por algunha razón especial?

A premisa foi facelo fácil e non querer incluír ningúnha canción ou arranxo dun xeito forzado; quedarnos co esencial.. Tamén darlle a liberdade ao disco de non partir dun formato determinado. Por iso só hai 6 cancións.

Unha particularidade que ten é que foi gravado en analóxico. Por que?

Xurdiu a posibilidade de gravar en dous días nun estudio analóxico como é o da Radio Galega. Toño Vázquez estivo aos mandos da gravación e mestura e foi un gran aliado para que o disco soe tan ben. Dispoñiamos de pouco tempo e había que gravar directamente nun magnetófono, de xeito analóxico, sen mediar un ordenador nin un proceso dixital, polo que tiñamos que estar moi finos musicalmente. Foi todo ben, unha experiencia nova para min, un pouco estresante pero enriquecedora; había tempo que quería gravar un directo. Por outra banda, o analóxico ten unha cor no son que o dixital non ten e que é un valor engadido.

"O analóxico ten unha cor no son que o dixital non ten e que é un valor engadido"

Se o disco é en parte resultado do que tes feito nos últimos anos, non podía faltar algo do encontro CoraSons, e está: o tema Vermello corazón, que ten algo de homenaxe á diversidade cultural, como Magnétizo Zen. É a idea desta canción? Cantábala con Najla Shami…

A canción é un achegamento a un país como a China, das contradicións na súa economía e tamén no seu supostamente "vermello corazón". A idea desta canción xurdiu nunca cea na que Najla e eu estabamos sentados xuntos e falando de facer unha canción para este proxecto dos CoraSons. Comecei a cantar e saíu un inicio de canción con esta temática e despois remateina nos días seguintes.

Novas é como un tema de acollida á nova xeración. De creadores e creadoras, pero non só. Fai pensar no certame de Teo. Ten relación?

Si, totalmente. É unha homenaxe ás que veñen agora: Alba María, Sofía Espiñeira (son ás dúas gañadoras do 1º e 2º Certame); ou Nastasia Zurcher e Pilar Martínez (gañadoras doutros galardóns) e outras moitas que están xurdindo.. Veñen con moito talento, renovando e achegando aire fresco, e estou falando en feminino porque son máis mulleres creadoras que homes as que están a xurdir e das que puidemos desfrutar nos dous Certames de Canción de autor/a do Concello de Teo que tiven o pracer de dirixir.

"Novas é unha homenaxe ás que veñen agora: Alba María, Sofía Espiñeira, Nastasia Zurcher e Pilar Martínez"

“Agora son a nai/ a pranta, o mineral/ son a semente en flor/ o froito tropical/ se antes fun avó,/ despois fun o teu pai/ despois eu fun o pó,/ vento que cheira a mar”, di O Bardo, un tema sobre o ciclo da vida, a sucesión das xeracións… Lembra algo niso a Nai, o teu primeiro disco, que presentaras como homenaxe ás mulleres, e Magnético Zen, en temas como Ela e Berro afogado (a forza das mulleres). Cal é a conexión deste disco cos anteriores, nese sentido?

Ecuacións non é un disco no que fale do xénero en concreto.. mais nas miñas letras supoño que esta temática vai aparecendo. O Bardo é unha canción que, como ben comentas, está feita fóra da medida do tempo. Fala da morte e do renacemento dun xeito real e tamén metafórico.

En O Bardo hai efectos teclado de Serginho Sales. E aí outra conexión co teu traballo anterior: a relación coa música brasileira. De feito, o disco inclúe unha segunda versión de Ecuacións, gravada en Sao Paulo. Mais dáme a impresión de que Ecuacións é un disco máis persoal, quizais menos marcado por esa influencia lusófona.

Si, como dicías antes Ecuacións vén dun proxecto chamado Novas, no que precisamente procuraba novos camiños musicais índome a un formato mais lírico con piano e cordas. No disco a presencia lusófona penso que está neste último tema do que falas, gravado coa viola caipira do sempre inspirado violeiro de Sao Paulo, Julio Santín.

"Procuraba novos camiños musicais índome a un formato mais lírico con piano e cordas"

Tamén colaboran Alberte Rodríguez, Adrián Solla e Rosalía Vázquez. Como foi o teu encontro con eles? Non hai percusión por algún motivo particular?

O motivo de que non haxa percusión, como dicía antes, foi o de procurar novos camiños musicais. En Nai e no MZ a percusión estaba moi presente porque contaba sempre na banda cun batería e un percusionista; nesta ocasión quixen ir ás antípodas e a percusión está mais suxerida. Os músicos do disco fixeron un gran traballo e é por iso que está a gustar, porque aínda que musicalmente é sinxelo está todo no seu lugar.

En Magnético Zen estaban Policromía e Argumento lento, dúas cancións de amor. No novo disco ese lado íntimo está moi presente. Ecuacións é unha despedida, pero con esperanza de que todo vai ir mellor. Ania Lúa tamén parece ir tamén por aí, e Mencer. Cal é a idea principal deses tres temas?

O amor (ou a ausencia del) están aí..., moven o mundo. Son temas a priori simples pero que determinan toda a nosa vida e que teñen moita profundidade, é diso do que tento falar tamén.

"O amor (ou a ausencia del) están aí..., moven o mundo"

Hai algún detalle experimental nos temas, no musical. Un par deles bastante longos… (En Campos magnéticos algo había diso xa, quizais).

Dende logo non é un traballo comercial; hai cancións de 6 minutos e outras de apenas 2. No proxecto fun incluíndo cancións que tiñan un carácter musical diferente, como o tema vocal que abre o disco. Gostei moito de non poñer límites e deixar que o disco e as cancións medrases soas.

"Non é un traballo comercial; hai cancións de 6 minutos e outras de apenas 2"

Nos discos anteriores, Reggae Xote pregúntábase se o mundo acabará cunha danza. Nube falaba do neuróticos que pode volvernos a manipulación. En Tempos de crise Cristo baixa para repartir hostias na banca mundial e renovar a democracia… E en Mudanzas abríase a esperanza de que todo podía cambiar. Se cadra ese mesmo ton optimista é o de Ecuacións, pero desde o íntimo… Por que non aparece tanto neste disco toda a esa carga da actualidade política, económica… que tiña o anterior?

Si que hai a procura da positividade no que fago. Gústame pensar que as cancións serven para algo e non son mero entretenemento. En Ecuacións hai esta intimidade e é certo que non me apetecía ir por onde fun co Magnético Zen, sobre todo pola fartura que teño do ruído mediático actúal. Eu hai tempo que non teño televisión na casa, mais tento estar actualizado e documentado por vías canto máis independentes mellor. Síntome comprometido e teño as miñas ideas bastante claras a nivel político e social, pero como persoa e tamén como artista, farteime de insistir en falar desta realidade "narrada" que nos vai chegando fragmentada porque é demasiada, excesivamente manipulada e empachante. Ademais, falar é bo, pero cando ves inxustiza, pode ser frustrante e hai un perigo de que de tanto falar nos volvamos inactivos... o risco de desmotivarnos para a acción.

"Farteime de insistir en falar desta realidade "narrada" que nos vai chegando fragmentada porque é demasiada, excesivamente manipulada e empachante"

Tes un concerto con Javier Álvarez dentro duns días. Fálasnos dese proxecto?

Si, o venres 20 de Maio (21:30h), no Auditorio da Ramallosa de Teo (a entrada é de balde), tocarei por vez primeira con este artista, que foi premio ondas e que marcou a toda unha xeración na canción de autor xunto con figuras como Pedro Guerra ou Ismael Serrano. Hoxe en día segue facendo cancións e proxectos moi interesantes. Xurdiu a posibilidade deste concerto dentro dunha xira que fará pola nosa terra. E nel, eu presento este novo traballo e el cantará os seus temas. Estades convidados/as!

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.