"Hai quen pensa que se pode prescindir do traballo dos creadores"

© O Creatorio

O Creatorio defínse como O directorio dos galegos creativos. Botou a andar hai uns meses a iniciativa da novísima licenciada en Belas Artes Lúa Louro (Ézaro, 1990) co obxectivo de servir de punto de encontro na rede entre os creadores galegos e o seu público e clientes, e entre os creadores entre si. Un espazo de balde para dar visibilidade a un colectivo decote disperso, "unha caste de Google da creatividade galega onde atopar profesionais variados", e para servir igualmente de taboleiro das actividades vencelladas á creación (obradoiros, cursos, charlas...) organizadas en Galicia. Hai uns días a iniciativa participou no Off Culturgal, que organizou Disquecool.

Louro explica que O Creatorio "foi tomando forma na miña mente co paso do tempo, collendo máis forza sobre todo nos meus últimos anos de carreira. Rodeada de mentes creativas e persoas moi apaixonadas polo que fan, en Belas Artes non facía máis que preguntarme onde ían parar todos os titulados. Porque se ben é certo que uns poucos conseguen vivir no mundo da arte, resistíame a pensar que os demais se conformaran a traballar en eidos afastados da creatividade. Aí foi cando comecei a navegar pola rede, na procura de esas persoas, e me decatei de que era realmente complicado saber de todas elas e que a grande maioría non renunciaran a intentar vivir do que viñan facendo na carreira".

Neste senso O Creatorio quere ser "un punto de reunión entre creadores e poboación. Un lugar ao que acudir tanto cando precisas dun ilustrador/a ou dun ceramista, fotógrafo, deseñador de produto, artesán... Un espazo dende o que aumentar a visibilidade de todo canto se está a facer nesta terra vencellado coa creatividade, que non é pouco".

Uns poucos meses despois do seu comezo, xa se poden atopar neste directorio profesionais de quince disciplinas diferentes, "dende as máis habituais, como fotografía, deseño gráfico, ilustración, arte, banda deseñada, deseño de produto... Até outras que, para min, son máis especiais: como música, danza, interactividade, cociña...". Louro engade que "tamén é importante dicir que podedes atopar tanto a unha rapaza que cursa o segundo ano da súa carreira, coma a profesionais máis consagrados como Fran Bueno, Almudena Aparicio, Nuria Díaz, Imaisde Design Studio...".

"Na situación que estamos a vivir, os creadores teñen que manter a mente aberta e moi esperta para colaborar con outros profesionais de disciplinas moi diferentes á súa, xa que isto pode traerlles unha nova vía de traballo para explotar"

Louro explica que, na súa opinión, a maioría dos creadores e creadoras galegas "están moi illados e incomunicados", pero salienta que "cada día aumentan os espazos de coworking en Galicia, un importante paso para rematar con isto". Sinala que "na situación que estamos a vivir, os creadores teñen que manter a mente aberta e moi esperta para colaborar con outros profesionais de disciplinas moi diferentes á súa, xa que isto pode traerlles unha nova vía de traballo para explotar. É unha forma de non quedar parado, de renovarse, de coñecer xente e de conseguir novos clientes".

"Hai quen pensa que se pode prescindir do traballo dos creadores, sen decatarse que é o valor engadido polo que teñen que apostar para destacar nestas épocas"

A crise afecta de xeito notable a estes profesionais; moita xente cando ten que aforrar, comeza polo elementos ligados ao deseño ou á creación, no canto de apostar por esa diferenciación, por ese valor engadido. "Hai quen pensa que se pode prescindir do traballo dos creadores, sen decatarse que é o valor engadido polo que teñen que apostar para destacar nestas épocas" -subliña- "Porque hai que sorprender ó cliente... E que mellor que facelo coa creatividade? Toca ser valente, deixarse aconsellar polo profesional ó que contratemos (que sabe máis do seu traballo que nós, hai que admitilo!) e esperar os resultados. Seguro que non decepcionan".

O directorio de creadores xa acolle profesionais de 15 disciplinas distintas © O Creatorio
O Creatorio comezou a funcionar en xuño de 2013 Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.