Herdanza ou a posibilidade de encontro co Outro

Imaxe do espectáculo final de Herdanza Dominio Público Praza Pública

Existe a posibilidade de recoñecer o Outro? E de auto-recoñecerse, se cadra, nel? Son algunhas das preguntas que formula Alteridad, de Ruth Oblanca e Ángel Zotes, unha das pezas que puideron verse na segunda edición do Herdanza, en Santiago. E non só. Xa que, dalgunha maneira, en boa parte do resto da programación deste festival de danza na rúa, organizado por Can Cun Quinqué, Cisma Danza e La Incidente DT, podíanse albiscar cuestións semellantes. As mesmas procuras.

A exclusión do outro, do diferente, son algunhas das ideas que alicerzaron a creación de Alteridad

A exclusión do outro, do diferente, son algunhas das ideas que alicerzaron a creación de Alteridad, un proxecto de danza-teatro no que Ruth Oblanca e Ángel Zotes camiñan, corren, buscando, perdidos; encóntranse e desencóntranse, pelexan, compiten, nun espazo escénico que, por veces, ecoa un futuro -ou un presente- distópico dunha loita pola sobrevivencia no deserto da deshumanización. Do ruído. Da ausencia de fíos que poidan tecer o entendemento. Onde até as apertas parecen ter que darse a cara tapada. Onde só se atopa un “equilibrio precario”. Coma o do bebé obrigado a sentar, restándolle capacidade de exploración e atención.

Onde pode chegar a manipulación dunha persoa ou grupo?. A discriminación é sempre claramente visible?. A “exacerbación” da propia identidade pode conducir á invalidación e anulación doutras identidades coexistentes?. Son algunhas das reflexións ás que conduciu esta peza, no seu período de investigación, aos seus creadores. Ruth Oblanca e Ángel Zotes impartiron tamén, no seo deste festival, un obradoiro concibido para traballar con técnicas coreográficas de “improvisación” e “composición instantánea”, segundo anunciaba o programa.

E é que este ano o Herdanza, -nado para “dinamizar” e “promocionar” a danza contemporánea en Santiago, recollendo, dalgún xeito e aínda que sexa a outra escala, o testemuño de propostas anteriores como En Pé de Pedra-, medrou, e incluíu actividades de formación coma esta, conversas con artistas e proxeccións audiovisuais. Mais o seu eixe central foron os espectáculos de rúa, que presentaron a danza contemporánea desde distintas perspectivas, en consonancia coa danza urbana, o circo, o teatro… ou o aikido. “Quixemos traballar desde distintos puntos de vista”, -explica un dos organizadores, Leodan Rodríguez-, nunha liña de vangarda mais amosando “un abano amplo, non só o máis experimental”, senón combinando, por exemplo, pezas máis consolidadas, máis pechadas, con outras realizadas para o evento.

Os espectáculos de rúa, que presentaron a danza contemporánea desde distintas perspectivas, en consonancia coa danza urbana, o circo, o teatro… ou o aikido

Foi o caso de Surco, unha peza creada en residencia creativa durante a semana do festival, co propio Leodan Rodríguez como coreógrafo, con dous bailaríns de danza urbana. “A experiencia foi moi gratificante”, explicou Rodríguez. “Ían aos obradoiros pola mañá e traballabamos na peza pola tarde. Responderon moi ben. Nós fixeramos unha convocatoria aberta para que a xente interesada enviase a currículo. E xa escollemos xente que tiña cousas en común porque, claro, se tivesen estilos moi diferentes, tardariamos máis en axustar o traballo”, engadiu. A previsión é que esta residencia se repita nas seguintes edicións do festival, convidando outros profesionais da coreografía, ademais de aos bailaríns ou bailarinas que vaian ser bolseiros do Herdanza por uns días.

En Surco, que puido verse na praza de San Agostiño, escenifícanse, tamén, -como en Alteridad, malia que con outro enfoque-, encontros e desencontros

En Surco, que puido verse na praza de San Agostiño, escenifícanse, tamén, -como en Alteridad, malia que con outro enfoque-, encontros e desencontros. Conflitos posibles que poden xurdir no camiñar xuntos. Mais, -di Rodríguez-, o importante é “seguir no camiño”, “avanzar” e “estar xuntos”. Pois na peza vaise evolucionando, precisamente, cara ao maior encontro, que podería simbolizar, por exemplo, o partillar o ritual da comida. “A danza urbana, o break, ten unha linguaxe moi técnica. A idea era xuntar esa linguaxe coa coreografía da danza contemporánea. Facer coma unha reciclaxe, na que uns aprendiamos dos códigos dos outros”, apuntou.

Esther Latorre e Hupo Pereira desenvolveron un espectáculo que os conduciu, no proceso de creación, á idea de fronteira, de división e de falta de empatía

Dunha perspectiva totalmente diferente, -aínda que chegando a lugares confluentes con Surco e Alteridad-, partiron Esther Latorre e Hugo Pereira na súa peza Mapa, que presentaron fronte á Igrexa das Ánimas. Amosando o dominio da técnica que corresponde a profesionais coa formación destes dous artistas -ela, que provén da danza clásica e graduouse en Contemporánea no Conservatorio de danza de Lugo, gañou, como integrante da compañía Maduixa Teatre, o premio Max polo espectáculo Mulïer-, desenvolveron un espectáculo baseado na exploración do corpo do outro e que os conduciu, no proceso de creación, á idea de fronteira, de división e de falta de empatía entre os seres humanos, -como en ‘Alteridad’-.

“Fixemos un obradoiro no Herdanza no que traballamos a partir da idea de mapa, dos mapas doutros corpos. Cadaquén debuxaba o seu mapa nun papel. E ese mapa que deseñaba cada un, plasmábase no corpo do outro. Toda esas liñas, puntos, segmentos…, ían cobrando sentido ao pasalas a movemento”, explicou Latorre. “Intercepta a liña. Non temas, a Natureza aborrece o baleiro. Como ondas do océano querendo ser océano. Así somos. Ségueme. Eu sígote”, di a sinopse de Mapa. Porque, -indica Latorre-, “acabamos sendo coma gotas de auga soas, no océano”. Perdidos nunha individualidade que impón “fronteiras entre os seres humanos”. Mapa fora premiada no Festival Sólodos de Ourense no 2016 e foi seleccionada para o Camp In de México.

O Museo do Pobo Galego acolleu outra peza, Apnea, da compañía Ligazón, -con Lucas Ares e Néstor Rubio-, que explora tamén os lindes da individualidade, non desde a faciana do individualismo, senón desde un conflito xurdido da dificultade de xestionar a tensión entre unidade e dualidade: a transformación do amor en adición, a través da dependencia emocional. Definida como “peza de teatro-físico baseada na improvisación”, Apnea “achéganos a un mundo no que un non pode separarse do seu outro eu”, ao “esgotamento dunha situación límite na que ata respirar é imposible se non se fai un a través do outro”.

Se ben todos os espectáculos do Herdanza desenvolvéronse en espazos especialmente representativos da arquitectura da zona vella compostelá, o escenario tornouse se cadra aínda máis protagonista en Toda a beleza do mundo, a peza que María Move levou aos arcos de Bonaval. “A experiencia e a aceptación das pegadas que deixaron todas aquelas cousas que tocaron o noso corpo” cimentan este espectáculo, nun camiño que, coma en Surco, as dificultades, os momentos de conflito, non impiden que as cousas, ao final, poidan saír ben.

As dificultades, os momentos de conflito, non impiden que as cousas, ao final, poidan saír ben

Se en Surco a danza urbana dialogaba coas técnicas da danza contemporánea, en Toda a beleza do mundo, -que apela á “verdade” das cousas ás que chamamos e non chamamos belas-, recóllense diversas achegas, como a da técnica vocal ou distintos estilos de danza. “É normal”, asegura María -que creou esta peza, estreada no festival Vai de Baile, de Ferrol, con Nuria Sotelo-, posto que “veño da música e levo cantando e bailando toda a vida”. A peza é coma unha “viaxe” que expresa a través do movemento “emocións” xurdidas de experiencias diversas, do que “nos toca” e deixa algo dentro de nós, e que non sempre é un vieiro de rosas.

Un movemento cara ao maior equilibrio, despois da dificultade, percíbese tamén en Analepsis

Un movemento cara ao maior equilibrio, despois da dificultade, percíbese tamén en Analepsis, o espectáculo de danza-circo que Paula Quintas levou ao cemiterio de Bonaval. Estreada este ano en Sólodos en Danza Costa Rica, baséase na relación cun obxecto, -un pai pai que parece resistirse ao equilibrio e que se converte, así, en símbolo da loita ata a consecución do obxectivo final-, e na idea da transposición atemporal, a través de “micromovementos desordenados no espazo-tempo”, -segundo explica a artista-, con repeticións que non seguen unha liña temporal clásica. Analepsis, que estará tamén no festival quincegotas, na Coruña, dentro duns días, xunta a danza co alambrismo circense.

Mais para debullar os nexos entre os espectáculos do Herdanza non se podería esquecer un dos que conectaron mellor co público pola súa grande beleza, o Non hai que ser unha casa para ter pantasmas de Belén Bouzas, Fran Martínez e Diego M. Buceta, que acolleu a praza da Inmaculada. Aikido e danza contemporánea danse da man nesta peza na que non só, -como en Mapa- se explora o corpo do outro, senón que se xoga coa posibilidade de transformar tres corpos nun, ou en dous, e volta á individualidade, e regreso á unión… ata levar a unha sorte de aperta de encontro co outro, sen deixar de ser tres.

Xurdiu de novo neste festival, a importancia da idea da capacidade de lidar cos problemas saíndo fortalecido, de retornar á vida despois da treboada

“Coñecémonos estudando Arte Dramática en Vigo. Despois Fran e eu dedicámonos máis á danza e Belén seguiu facendo aikido. Na nosa xeración é moi habitual marchar para seguir formándose fóra. Ao volver, sumamos o que fixeramos os tres. Cada un fixo a súa achega, compartimos o que aprenderamos neste tempo”, afirmou Buceta. No proceso de darlle forma á peza xurdiu, -explicou- o concepto de “resiliencia”, -e aquí, de novo neste festival, a importancia da idea da capacidade de lidar cos problemas saíndo fortalecido, de retornar á vida despois da treboada-, que abrolla nunha atmosfera relacionada coa memoria, a pantasma do pasado que volve, mais sen que iso teña que crear un imaxinario de escuridade e dramatismo, senón de humanidade, empatía e comunidade posible.

Diego M. Buceta estivo, ademais, na saLA Montiel para falar, xunto con Damián Varela, do proxecto de creación colectiva ‘Nido-Rizoma 2016’, de Sharon Fridman, no que ambos participaron. Este mesmo espazo serviu tamén de escenario doutra conversa, con Andrea Calsamiglia e Ruth Oblanca, sobre as artes escénicas como ferramenta de transformación social. Na Casa do Matadoiro presentouse o documental Danza Sur-Escena Contemporánea. Pechou o festival un encontro de danza improvisada, na praza Salvador Parga, no que participaron Paula Quintas, Diego M. Buceta, Angel Zotes, Ruth Oblanca e Isabel Sánchez e Xiana Vilas, -as dúas últimas, responsables, xunto con Leodan Rodríguez, da organización do festival, que contou co apoio do Concello de Santiago, o Auditorio de Galicia, a Universidade de Santiago, o Museo do Pobo Galego, Numax ou a saLa Montiel-.

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.