Todo comeza por Eduardo Blanco Amor. Este luns celebráronse no cemiterio de San Francisco, en Ourense, os actos do 35 cabodano do autor, soterrado nese camposanto. O Pen Clube organizou un acto literario, ao que asistiron representantes da Consellaría de Cultura, da Real Academia Galega, da Deputación e mais da Editorial Galaxia, e no que interviu, entre outros, Siro López, que falou do humor en Blanco Amor. A de hoxe era, ademais, a décima ocasión consecutiva na que se repetía esta homenaxe, iniciada por Marcos Valcárcel en 2004.
Alí localizamos a Ignacio Vilar, que descansaba por unhas horas do traballo de promoción de A Esmorga, que segue acadando unhas cifras de taquilla que todos cualifican de espectacular. En só dez días, con 18 copias exhibidas unicamente en Galicia, a película supera xa os 20 mil espectadores, sendo unha das dez máis vistas en todo o Estado e acadando a segunda mellor recadación por copia. Por cidades, Vigo encabeza a lista de espectadores totais dende o pasado venres con 4.155 espectadores, seguida pola Coruña con 3.265, Santiago de Compostela con 3.171 e Ourense con 3.036.
E semella que o camiño de A Esmorga non fixo máis que comezar: o filme non só non cae do cartel en ningún cine, senón que mesmo nalgúns, coma en Santiago, pasa a ser proxectado na sala máis grande das Cancelas, con 500 butacas. "Todo se resolve na primeira fin de semana" -explica Ignacio Vilar- "tes que facer unha promoción moi grande, e así podes encher as salas a primeira fin de semana. Pero como a película non guste, caes en picado na segunda fin de semana. Aquí está pasando o contrario. Seguimos enchendo todas as salas despois de dez días". "Que unha película galega e rodada en galego sexa a segunda con máis recadación por copia é algo espectacular. En Madrid e Barcelona están alucinando co que está pasando", destaca Vilar.
"De súpeto descubrimos e descubrímonos que podemos estar contando as nosas propias historias e competindo coas mellores cinematografías do mundo"
Cal é o segredo do éxito de A Esmorga? Para Ignacio Vilar, a clave é que "a película toca, chega, emociona. E o máis importante: a xente sae orgullosa de ver a película, os galegos e galegas saen orgullosas desta película". "De súpeto descubrimos e descubrímonos que podemos estar contando as nosas propias historias e competindo coas mellores cinematografías do mundo, sendo o filme máis visto", di. "Esta película é de todos os galegos e galegas. É un filme de nós", engade.
Unha das dificultades do filme: o feito de ser unha adaptación dunha obre moi coñecida, moi popular, converteuse para Ignacio Vilar nun dos seus maiores valores. "A maior parte dos galegos e galegas leron a novela e ti cando les un libro, imaxinas unha película na túa cabeza. Eu pensaba: A miña película vai estar á altura do que imaxinou cada galego ou galega? E eu creo que si, que estamos en sintonía total coa película imaxinada. Cada espectador, cando ve a película faina súa" explica.
"Eu pensaba: A miña película vai estar á altura do que imaxinou cada galego ou galega? E eu creo que si, que estamos en sintonía total coa película imaxinada"
Precisamente neste mes de novembro no que se estreou A Esmorga conmemorouse o 25 aniversario de Sempre Xonxa, Urxa e Finisterre, momentos iniciáticos do cinema galego. As ligazóns estéticas a Chano Piñeiro e a Sempre Xonxa nalgúns momento de A Esmorga son claras, algo que non debe estrañar tendo en conta a admiración nunca ocultada que Vilar sentiu e sente por Piñeiro (comezando polo documental Sempre Xonxa en Petín, que dirixiu en 2005). "Hai moito de cinema galego no filme, moito Chano Piñeiro, unha imaxe remite a outra", recoñece Ignacio Vilar, que destaca que "Chano Piñeiro é o referente máis grande, é o que nos abriu o camiño. Estes vinte anos sen el terían sido moi diferentes e non tería xurdido A Esmorga".
"Neste camiño logramos formar profesionais, técnicos, actores..., grazas ás escolas de imaxe e son, ao traballo de Manolo González, ás curtas dos 90. Todo o equipo técnico saíu desas curtas que faciamos nos 90", di. "O cine é o traballo colectivo dun país e A Esmorga ten que ver con iso", conclúe.
"O cine é o traballo colectivo dun país e A Esmorga ten que ver con iso"
E que camiño lle queda por diante ao filme? Pois un longo camiño, parece ser. De momento, continuará nas salas comerciais galegas con estas 18 copias. Xa nos primeiros meses de 2015 será o momento de ser estreada no resto de España, e semella que o fará con certa forza. "Sempre dixemos isto: se os galegos e galegas enchían as salas iamos proxectar A Esmorga polos cines de toda España e por todo o mundo. O éxito en Galicia estanos abrindo portas. Xa nos están chamando para proxectar fóra de Galicia, xa estamos negociando", afirma Ignacio Vilar. Para máis adiante quedarán outros soños: os Premios Goya, por exemplo. Ou o obxectivo de que o filme se proxecte e se vexa por toda Galicia, fóra das cidades e das principais vilas.