Un dos personaxes de Vilamor di, nun momento do filme, que a diferenza entre un home e un tolo é que o home non sempre pode facer o que quere. Ignacio Vilar (Ilegal, 2002; Un bosque de música, 2003; Polisóns, 1999; Pradolongo, 2007) debe ser o tolo, pois, por acabar levando adiante os proxectos que se propón, por complicado que sexa o contexto. Vilamor é unha idea con máis dunha década de percorrido, a historia dun habitante das comunas hippies que a finais dos anos setenta se instalaron na montaña de Lugo, en Negueira de Muñiz, do outro lado dun encoro que en 1956 deixou illadas as aldeas de Foxo, Vilar, Vilauxín, Ernes, Cancio, Barcela, Escanlar ou A Curula, que quedaron baleiras de inmediato. E a semana que vén poderá verse, en galego, tal e como se rodou, nas salas de cinema de Galicia.
As estreas de Vilamor, que dispón de dez copias, terán lugar en Lugo e Ribadeo (30 de marzo), O Barco e A Rúa (31 de marzo), Monforte (4 de abril), Vigo (12 de abril), Pontevedra e Lalín (19 de abril), Vilagarcía (20 de abril), Santiago (26 de abril), A Estrada (27 de abril), A Coruña (3 de maio), Narón (10 de maio), Carballo e Cee (11 de maio) e Ourense (16 de maio). En función do éxito que acade en cada lugar, o filme permenecerá máis ou menos semanas en cada sala. Por exemplo, Pradolongo chegara a permanecer un mes e medio nalgún cine de Ourense. Máis adiante será a quenda da distribución internacional, coa presenza no Festival de Cannes, en maio, "onde pecharemos o traballo que levamos feito nos festivais de Berlín, de Moscú, de Toronto...", di Ignacio Vilar.
A presentación do filme en cada localidade vén acompañada dunha intensa campaña promocional, centrada fundamentalmente nos centros de ensino
A presentación do filme en cada localidade vén acompañada dunha intensa campaña promocional, centrada fundamentalmente nos centros de ensino. O equipo do filme, nomeadamente o propio Ignacio Vilar e os principais actores e actrices da película, percorrerán 192 institutos en dous meses, falando en cada centro cunha media de 300 ou 400 alumnos. "Facémoslles unha presentación moi didáctica, explicamos como se fai unha película, para que saiban o difícil que é facer cine, e sobre todo cine galego e en galego, explicámoslles que era unha comuna nos anos setenta e tamén as dificultades do traballo dos actores, moitos deles moi novos, que facían a súa primeira película, por exemplo nos varios espidos que hai no filme", explica Vilar.
Cando nace Vilamor? Vén daquel documental que fixeras sobre as aldeas, A aldea: o antigo e o novo (2000)?
Ese documental rodeino en 1999. Eran cinco aldeas, tres de xente maior -que cando morresen desaparecería a aldea con eles, como así sucedeu- e dúas aldeas poboadas por xente nova, que volvían para recuperala. E unha desas aldeas era Ernes, que xunto con Foxo, Vilar e algunha outra foron onde se instalaron as comunas nos anos setenta. E aí descubrín a historia da comuna de Foxo. Cando me contaron a historia, ese obxectivo de ir buscar un lugar afastado da represión franquista, e o xeito en que escolleron o lugar, e como tiñan que chegar a el, illado, cruzando o río en barca, tiña claro que esa historia se debía levar ao cine.
"Na necesaria nova relación que debemos establecer coa natureza, a aldea é fundamental"
O gran tema da película é esa dicotomía que se entablece entre o vello e o novo, entre os novos poboadores das aldeas, que as queren recuperar e recuperar a súa sabedoría e tradicións, e os vellos poboadores que as abandonan. É un tema moi de actualidade tamén agora, en toda Europa, cun forte movemento neorruralista de retorno á aldea...
Si, na película o ferreiro quere restaurar a fragua porque o seu avó tiña unha. Nas comunas había un obxectivo de poñer en valor as aldeas, porque un país non pode vivir sen aldeas, a nosa cultura, o noso idioma veñen da aldea, e a aldea é fundamental para que o noso país siga vivo. Uns holandeses que viñeran restaurar e vivir nunha aldea, contábanme que alí xa desapareceran hai 150 anos. Pero aquí seguimos tendo aldeas, e na necesaria nova relación que debemos establecer coa natureza, a aldea é fundamental. É unha riqueza inmensa a que temos.
Cres que aínda está sen contar esa parte da historia recente de Galicia, o paso dunha sociedade rural a agraria a unha urbana e empregada no sector secundario e terciario en apenas unha xeración?
Hai que contalo, si, hai que contar ese paso que o noso país deu da Idade Media á modernidade, hai que facelo consciente para que poidamos vivir mellor e asumir o que somos. E dalgunha forma Vilamor fala diso, dese choque entre o pasado e a modernidade que esta xente nova leva ás aldeas.
Este filme, como Pradolongo, coida moito algúns detalles, coma a forma en que se presenta o espazo físico, a paisaxe, a través da escolla de localizacións e a fotografía, e tamén a música, coa presenza destacada dunha canción composta a partir dun poema de Manuel Antonio, O sol da liberdade. Como xorde esta canción?
Manuel Antonio é un dos poetas que máis me gustan. Cando estaba construíndo esta película tiña presente ese poema d'O Sol da Liberdade, que vai perfecto para o que conta historia. A partir de aí púxenme en contacto con Zeltia Montes, para convertelo en canción. Xusto nese momento no que que Zeltia estaba traballando na composición, xurdiu o 15M. Ela estaba en Madrid, foi a unha asemblea á Porta do Sol, e aí tivo clara como debía ser a canción.
"A historia é a base do cine e todo, dende a música até a fotografía, pasando pola dirección de actores e a lingua, ten que estar en función da historia"
E tamén cóidade moito a lingua, con varios personaxes falando con distintas variantes dialectiais do galego...
Traballamos cunha lingüísta que é dunha aldea de Negueira de Muñiz, na Fonsagrada. Para min a historia é a base do cine e todo, dende a música até a fotografía, pasando pola dirección de actores e a lingua, ten que estar en función da historia. O cine ten que ver moito coa vida e a vida e o cine non poden estar encaixados. Eu son partidario de que a lingua ten que estar normativizada, toda lingua ten que tela, pero o cine ten que ir ao que fala a xente na rúa. Unha historia que sucede nun lugar, aínda que sexa ficción, pisa na terra, tiñamos que utilizar esa lingua que fala a xente. E por exemplo hai unha actriz, Marta Lado, que é da Costa da Morte e polo tanto fala con gheada, e así fala no filme, porque ás comunas ía xente de toda Galicia.
"Aos cataláns mércanlles películas en catalán, aos vascos en vasco, a nós non nos compran"
Tan complicado é rodar un filme en galego para que se poidan contar cos dedos das mans as longametraxes que o fixeron ao longo da historia?
É tan complicado que TVE non quere saber nada do cinema rodado en galego. Nós non temos financiamento de Televisión Española, fáltanos unha das patas de financiamento, o noso orzamento sen TVE sempre está desequilibrado. A nosa produtora, Vía Láctea Films, tivo que arriscar 500 mil euros, que conseguiu a través de créditos bancarios grazas á credibilidade que xera a nosa traxectoria. Aos cataláns mércanlles películas en catalán, aos vascos en vasco, a nós non nos compran. A dificultade de rodar en galego é que temos que arriscar moito e despois está a dificultade engadida dos prexuízos que pode haber no resto do Estado cara a un filme rodado en galego. Como non imos rodar en galego se é o noso idioma? É unha riqueza do Estado. Pradolongo demostrou que podes facer unha película en galego e ter beneficios distribuíndose só en Galicia. Esta vai ser difícil que se financie só así, porque o orzamento é de 1,7 millóns de euros.