Nas últimas semanas e meses foron moitas as publicacións dedicadas a Manuel María ou con obras do autor que distintas editoriais e institucións fixeron públicas. Algunhas están dispoñibles directamente na rede. Nos últimos días, Real Academia Galega e Associaçom Galega da Língua presentaron algúns documentos de grande interese, polo seu carácter inédito ou pola recuperación e difusión de materiais de procura máis complicada.
Por unha banda, o Portal das Palabras, proxecto común da Real Academia Galega e a Fundación Barrié, publica a gravación da primeira representación de As aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela, unha pequena peza teatral que Manuel María escribiu en 1975 como agasallo aos fillos de Lutgarda González e o avogado Alfonso Rodríguez, con quen mantiña unha estreita relación de amizade. No comezo do verán de 1976 a obra estreouse no teatro de monicreques que o pai dos cativos construíra para eles.
“Cando o maior de nós contaba cinco anos e a máis pequena inda había nacer, o pai fíxonos un agasallo marabilloso: un teatriño de monicreques construído por el mesmo para a galería que chamabamos do Sol e que era moitas veces o único refuxio posible naqueles invernos de Monforte. Dixéranos que se trataba 'dun televexo que ten a gran vantaxe de que alí podes dicir o que che peta, pero cun único límite: nel as mentiras feden'”, describen os rapaces o teatro construído por seu pai. A Manuel María chamáballe a atención un teatriño de monicreques, feito por Alfonso para entretemento e ilustración dos catro fillos, e prometeulles unha obra orixinal que puidesen representar naquel escenario artesanal.
O Portal das Palabras difunde tamén o mecanoscrito orixinal da obra e outras gravacións inéditas nos que Manuel María recita poemas propios, facilitadas igualmente pola Fundación Barrié.
Reedición de A luz ressuscitada
A AGAL vén de presentar agora a reedición en formato electrónico do poemario A luz ressuscitada, escrito por Manuel María en 1984, e publicado nese momento pola propia entidade, inaugurando con el a colección Criaçom. O libro inaugura agora a sección e-books da tenda online de Através Editora, selo editorial da asociación.
A versión electrónica é "fruto do interesse da AGAL em disponibilizar de maneira acessível este livro de poemas, projeto que em todo momento contou com a autorizaçom da Fundación Manuel Maria", destacaa a entidade.