'Iphixenia na porta do súper': o teatro que defende a sanidade pública a través dunha moza de barrio

A obra está protagonizada por Alba Caneda © Compañía Humana

Trátase dun dos monólogos máis premiados da última década e constitúe unha denuncia dos recortes sociais e unha férrea defensa da sanidade pública

A Compañía Humana está a preparar a obra Iphixenia na porta do súper, a partir do texto orixinal do galés Gary Owen, Iphigenia in Splott, que fai un paralelismo entre o sacrificio de Iphigenia do mito clásico de Eurípides e unha moza de barrio actual, sen recursos, que sofre en primeira persoa as consecuencias da falta de médicos. Trátase dun dos monólogos máis premiados da última década e constitúe unha denuncia dos recortes sociais e unha férrea defensa da sanidade pública.

A compañía formada por Antela Cid e Fran Peleteiro produce o espectáculo que está dirixido por Sara Rey Seoane, unha das directoras seleccionadas polo Centro Dramático Galego para a súa última montaxe. A actriz escollida para o papel é grovense Alba Caneda, unha nova promesa da interpretación saída das últimas promocións da ESAD de Galicia e que presentou este texto como o seu traballo final de carreira.

'Iphixenia na porta do súper' está protagonizada por Alba Caneda © Compañía Humana

O espectáculo estrearase o 17 de marzo no Festival Internacional de Monólogo Teatral SINGULAR

O espectáculo, que vén de iniciar os seus ensaios en Vigo, estrearase o 17 de marzo no Festival Internacional de Monólogo Teatral SINGULAR. O proxecto foi seleccionado pola AGADIC para as axudas á creación escénica e conta coa colaboración do Concello de Gondomar. O espectáculo iniciará a súa xira en marzo de 2023 con funcións confirmadas en Narón, A Coruña, Vigo e Gondomar.

Galardoado como o mellor texto teatral de 2015 no Reino Unido, en castelán acadou tres premios Max e agora poderá verse en galego

Premiado como o mellor texto teatral de 2015 no Reino Unido, foi adaptado ao castelán  pola actriz María Hervás co título de Iphigenia en Vallecas, co que conseguiu tres premios Max. Agora o monólogo poderase ver por primeira vez en Galicia e en galego. O espectáculo está dirixido a público adulto e adolescente, a partir dos 12 anos de idade. Está dispoñible unha unidade didáctica para institutos con contidos relacionados co currículo académico.

Cartel de 'Iphixenia na porta do súper' © Compañía Humana

O espectáculo está dirixido por Sara Rey Seoane e a actriz escollida para o papel é grovense Alba Caneda

Na obra, Iphixenia, unha moza de barrio, pasa os días nun bucle de alcohol e apatía rondando as rúas da súa vila. Unha noite coñece "un tío distinto dos demais" e comeza a sentir unha sensación estraña, como de non estar soa. A partir de aquí, unha serie de circunstancias alleas levará a protagonista a sufrir unha grande perda. Mentres que no mito clásico Iphixenia era sacrificada polo seu pai Agamenón para contentar os deuses e proseguir coa guerra de Troia, nesta traxedia dos nosos días é a propia protagonista quen decide sacrificarse e converter o seu sufrimento en xenerosidade cara a sociedade que a marxina.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.