Ismael Ramos: "Eu non escribo nin para agradar a xeración dos 90 nin para romper con ela"

© Manuel Gil

Feridas que nos marcan. Que nos tocan nalgures. Delas parte a creación de Ismael Ramos, o gañador do XVIII Premio Johán Carballeira con Os fillos da fame. Poesía do cotián. Apegada á experiencia da vida nunha vila mariñeira. Co abraio ante un determinado xeito de convivir coa morte, ou coa distancia dos seres queridos, percorrendo o corpo. Con esa sorte de reflexión que, si, parte da emoción. Das vísceras.

“A poesía é unha ferida sen coitelo. Teus pais son unha/ ferida sen coitelo”. A ferida está moi presente na túa escrita. Por que? Que é a ferida en Os fillos da fame?

A ferida estaba xa nos poemas que escribía no tránsito entre a adolescencia e a madurez, con 16-17 anos. Despois, claro, converteuse nunha ferida máis real, no sentido de que un vai descubrindo, sobre todo na familia, -que é nos determina nos primeiros 30 anos da nosa vida-, que hai distintas feridas que nos marcan, que nos tocan nalgures. Xa en A ferida, o libro que tiven a sorte de escribir con María do Cebreiro, se falaba disto. Todos partimos dunha ferida orixinal, a do embigo: a cicatriz que nos une á familia. Ferida e familia veñen da man.

Aínda que Os fillos da fame é unha excepción dentro do que escribo. Porque a familia, desta volta, non é a miña, ou non é só a miña. Fala da familia e das súas feridas, e das feridas de tentar formar unha familia, da parella… Nun sentido máis amplo, a ferida é o baleiro no centro do nó. É a maneira de expresar o que é para min a poesía. É o lugar desde onde tento que fale o que escribo.

"Todos partimos dunha ferida orixinal, a do embigo: a cicatriz que nos une á familia. Ferida e familia veñen da man"

O libro ten moito de memoria íntima, e tamén colectiva. Como un diálogo entre o eu actual e o eu da infancia. No contexto da familia: as nais que temen a soidade, os pais que van e veñen porque traballan no mar.

A verdade é que sobre todo a partir da escrita de Os fillos da fame, onde non se falaba da miña familia, empecei a indagar na historia da miña propia familia. Mais o xeito no que a memoria e a infancia están tratadas na miña escrita non é tanto como volver á memoria da infancia…

Quero dicir, que sempre me considerei un neno vello. E creo que hai que tentar falar desde o neno. Tamén cando un xa non é neno. Luísa Castro consegue facer iso moi ben. Falar desde a nena, ou a “pícara” como din en Lugo. Porque moitas veces infravalórase a intelixencia dos nenos. E a infancia é a orixe da linguaxe, o lugar onde se forxan as emocións… A memoria deste libro non é unha memoria fósil. É unha memoria viva. Vivíndoa, deixándose ir…

"A memoria deste libro non é unha memoria fósil. É unha memoria viva"

María do Cebreiro falaba diso, do encontro entre o neno e o vello, no limiar do teu libro Hábitat.

Cando María escribiu ese limiar case non nos coñeciamos, e eu atrevinme a pedirllo… Ela comenta aí, precisamente, que Nietzsche cre que os xogos máis serios son os dos nenos. Pois iso é. Tanto que lle tememos á linguaxe, e os nenos son os que mellor xogan coa linguaxe. Tamén son como observadores que ven e non xulgan…

Nas familias das que fala o teu libro, as nais temen a soidade e os pais van e veñen porque traballan no mar. E por iso as nais temen quedar soas.

Eu son de interior, da Costa da Morte pero do interior, aínda que vivín a maior parte da miña vida en Noia. E sempre me sorprendeu moito como a xente de mar asume a distancia do pai. Todo se organiza contando co pai, aínda que despois pode estar ou non.

Os perfís do libro son, nese sentido, case un exercicio de antropoloxía, que parte do meu abraio ante aquilo que a min me resultaba alleo: esa naturalización da distancia, da separación. Tampouco é que estivese eu tentando dicir algo que ninguén dixo: hai moitos fillos de mariñeiros que son moi bos escritores. A miña é máis ben a mirada sorprendida de alguén que non está afeito a todo isto.

"Sempre me sorprendeu moito como a xente de mar asume a distancia do pai"

“O corpo no mar non é unha paisaxe”. Porque pode ser a morte: os afogados. Por iso a idea da ferida, a perda, a dor, a derrota? O libro está marcado, nese sentido, pola relación que pode ter coa morte a xente do mar, ao convivir coa morte tan perto.

O corpo é fundamental na miña escrita. A miña poesía non tende á abstracción: non se me dá ben iso. Penso que escribo desde o corpo, ou cos corpos. Son incapaz de separar a emoción dos corpos. Para min todo está vinculado ao corpo, e por iso digo que o corpo non é a paisaxe. Pero non só por iso. En O deserto, de María do Cebreiro, está a conciencia do corpo nese sentido. A mística do corpo, que eu non creo que sexa o que moitas veces se entende por tal, senón a conciencia do deterioro do corpo. Aprender a vivir co corpo, non querer fuxir del, do seu deterioro: da morte.

Esa é a maneira de entender a morte da xente de mar. Pero tamén pasa no interior. Os meus pais son novos e eu tiven a sorte de coñecer os meus bisavós. E sorprendeume sempre a conciencia da morte que tiñan: o xeito no que eran quen de prepararse para a morte, sabendo que viña aí. A reflexión sobre o propio corpo deteriorado achégaos, e mesmo reconcíliaos, coa morte.

"Penso que escribo desde o corpo, ou cos corpos. Son incapaz de separar a emoción dos corpos"

A idea da dor, a ferida, tamén se relacionan con iso, non si? Coa perda que provoca a morte, a soidade…

Ten que ver con iso pero a dor, a ferida… tamén se expresan no libro desde o positivo. No último poema vese máis claro: o amor. O que está detrás diso é a plenitude, aínda que sexa expresada en negativo. A ferida, ou máis ben unha físgoa desde a que acadar a plenitude. A físgoa como o lugar desde o que escribir.

En relación co que dis, o libro fala de morte e amor. O corpo é o goce: o desexo, as mulleres embarazadas… Pero tamén é a morte: o temor á enfermidade, como posible anuncio da morte. Nesa complementariedade parece moverse todo o poemario.

Todo se xoga nos pares amor/morte e desexo/enfermidade. O desexo e a enfermidade asócianse con situacións nas que o eu cambia de lugar, porque conseguen que durante un tempo vexamos as cousas desde un lugar novo, que tamén é nesgado. Son situacións límite, nas que cremos sabelo todo, pero que cando rematan nos amosan que non sabemos nada do que criamos saber. A enfermidade, nese sentido, é ao mesmo tempo o real e o engano. Cara ao final do libro, o desexo e a enfermidade evolucionan cara ao amor e a morte…

Hai símbolos moi presentes: os deuses, o templo, o cereal, o león, o sangue… “Teu pai era deus nun tempo de infieis”. Alguén a quen se agarda como a un Deus. Como alguén que non se sabe se vai volver. Como un heroe da época clásica, se cadra.

Hai unha serie de símbolos e metáforas que impregnan a primeira parte do libro, a dos fillos e do mar. A segunda parte tende máis cara ao interior: é na que fala máis de si mesmo o eu do poema, e nela os símbolos teñen menos importancia. O que se quere conseguir cos símbolos é desentrañar esa realidade case antropolóxica da que falabamos. Achegarse a algo que nos é alleo.

O pai é, si, dalgunha maneira, como un Deus. A nai ten que ter fe en que vai volver e incúlcalle esa fe aos fillos. Por iso hai un poema que di “Queres a teu pai? Se dis que si, eu créote. Se dis que non, eu créote”. O amor ao pai é como un amor ensinado, transmitido pola nai, que implica confianza case cega. Da mesma maneira, o pai, cando está fóra, proxecta unha imaxe sobre o fillo que non ten que corresponderse co que o fillo é. E ese desfase, esa distancia, é o que se tenta apreixar con símbolos. A referencia que fas á literatura clásica faime pensar, tamén, na aparente sinxeleza que tiña, e que a poesía contemporánea perdeu. Ou renunciou a ela. O canon da poesía contemporánea dinos que a reflexión está noutra parte, que non está na sinxeleza.

"O canon da poesía contemporánea ensínanos que a reflexión está noutra parte, non na sinxeleza"

A idea da vergoña está tamén relacionada se cadra co que dicías. Non poden verte chorar como se non tiveses fe en que o pai vai volver. Tes que afacerte a estar só.

Ten que ver con iso, si. Tamén coa vergoña do pai cando o fillo non se corresponde co que o pai imaxinaba que ía ser. Vergoña para protexernos de todo aquilo que non se corresponde co que se agarda de nós.

Cando o libro fala de fame, non parece metáfora. É fame de verdade.

Hai unha parte máis abstracta, máis mística. E unha parte de pura rabia, que si significa carencia, fame, no sentido de falta absoluta de recursos, de precariedade a todos os niveis. Hai persoas da miña idade noutros países que poden marchar da casa dos pais e ter un salario digno. Iso é algo que aquí se nos nega. A miña familia pertencía a esa falacia chamada “clase media”. Pero non eramos clase media, eramos proletarios.

Os meus pais tardaron moito en asentarse nun lugar: fixérono xa cando eu estaba no instituto. E ensináronme o orgullo de ter para comer todos os días, de ter o necesario para vivir… Pero iso non quería dicir que eu fose parte dos privilexiados. O sistema facíanos crer que si, porque eu tiña en aparencia os mesmos recursos que o fillo do médico ou o do farmacéutico. Pero é despois cando te decatas de que, en realidade, somos pobres. Non es fillo de latifundista, de rico, e por iso non tes oportunidades de traballar e menos de ser independente. Esta é a parte máis do meu eu que se expresa no libro. Por iso o de “Teño a tristura dos pobres”.

"Hai persoas da miña idade noutros países que poden marchar da casa dos pais e ter un salario digno"

Falabamos antes de sinxeleza. Tes comentado que che din que a túa poesía “enténdese”.

Falo do que me queda perto. É verdade que é un libro bastante narrativo. Narrativo e sinxelo, nese sentido: si que se “entende”. Pero despois hai outras capas de significado que están aí e que se ven mellor se se fan sucesivas lecturas, despois da primeira. A sinxeleza e a narratividade están, pero non significa que non haxa traballo.

"A sinxeleza e a narratividade están, pero non significa que non haxa traballo"

Publicaches no teu blog uns artigos críticos coa crítica. Molesto porque vos consideren “residuos dos 90” ou unha xeración cuxa creación se reduciría pouco máis que aos seus referentes de xeracións anteriores…

É que non ten sentido que nos clasifiquen a través de taxonomías absurdas, case por afinidades persoais máis que por categorías literarias… Por iso eu estaba molesto. Esa necesidade de catalogarnos, sen moito criterio. Eu non escribo nin para agradar a xeración dos 90 nin para romper con ela. Ao final do libro digo que empreguei fragmentos de textos de distintas persoas ás que cito. Fago iso pola cuestión da intertextualidade, pero tamén porque é un xeito de dicir: eu amósome así, nu. Isto é o que hai detrás do libro: xulguen vostedes se é novidoso ou non. E non se trata de matar o pai, nin a nai, nin a ninguén. Isto é o que fago, o que escribo, e que xulgue quen lea. O outro día estiven nun acto no que se dixo que non era tempo para a crítica. A min paréceme que a crítica sempre é boa, pero se se fai ben.

"Eu non escribo nin para agradar a xeración dos 90 nin para romper con ela"

Falaches de Xohana Torres e da “potencia do coñecemento a través do sentimento”. Por que? Ten que ver co que comentabas antes do canon.

O que quería subliñar é que é posible pensar desde a experiencia e desde a emoción. A poesía do pensamento non ten que ser fría e obxectiva. Pódese pensar desde a subxectividade. Non ten sentido establecer dicotomías ríxidas entre poesía da experiencia e do pensamento, desde ese punto de vista.

"A poesía do pensamento non ten que ser fría e obxectiva. Pódese pensar desde a subxectividade"

Iso é algo que teñen comentado María do Cebreiro ou María Reimóndez, por exemplo. Desde a emoción, desde a subxectividade, pódese facer literatura de pensamento. E política. Mesmo houbo certa tendencia a negalo moitas veces porque era literatura feita por mulleres.

Que a poesía da emoción pode ser poesía política é algo que a miña xeración aprendeu coa chamada poesía dos 90. Un bo exemplo é Lupe Gómez. Poemas que non só o din todo. É que baten en ti. Porque hai distintas maneiras de facer unha reflexión sólida. Desde distintas estéticas. E unha non quita a outra. E o canon quere facernos ver que si, que ou unha cousa ou outra.

"Que a poesía da emoción pode ser poesía política é algo que a miña xeración aprendeu coa chamada poesía dos 90"

Dixo Armando Requeixo que o teu estilo se fora depurando. Que pensas ti?

Claro, é normal que o estilo se fose depurando desde os premios Minerva ou o Ánxel Casal, que gañei cando era adolescente. Estou moi agradecido a estes premios. Abríronme portas, permitíronme coñecer xente... Meus pais son xente humilde e tampouco lles interesa moito o mundo cultural -a cultura si-. Con aqueles premios, eu puiden mercar libros que quería ler… Déronme moita independencia. E si que é verdade, como dixo Armando, que a miña escrita se foi liberando de artificios. Os referentes foron notándose menos.

"Si que é verdade que a miña escrita se foi liberando de artificios"

Gañaras o Ánxel Casal con Capricho (poesía existencial demasiado azucrada) e o Xuventude Crea con O grande pecador. Era Capricho existencialista, como se dixo?

Era un libro moi rococó que imitaba moito a estética dos 90. Entre María Lado e Yolanda Castaño, se cadra. Agora considero que eses textos foron exercicios de estilo. Cando escribes os primeiros poemas paréceche que están xenial, claro. Despois decátaste de que eran calcos. Supoño que iso lle pasará a todo o mundo…

"Cando escribes os primeiros poemas paréceche que están xenial, claro"

E seguirá pasándoche que non che guste o que escribiches anos atrás. Como era o de gañar premios e que che chamasen poeta, ou dicir que eras poeta, sendo adolescente?

O que eu atopaba era xente da miña idade que tiña medo de dicir que era poeta porque consideraba que era algo que lle quedaba grande. A min non me pasaba iso. Se cadra tamén porque non se me daba ben outra cousa. Non era mal estudante, era bo, pero non atopaba o que me gustaba. Sempre me gustara ler e aos 14-15 anos comecei a escribir. E descubrín así algo que si me gustaba, que se me daba ben. Antes, eu non era bo en nada. Ademais, a esa idade, se che poñen algunha etiqueta, mellor que sexa a de escritor. Cando gañei o premio Johán Carballeira alguén fixo o meu artigo na Galipedia, e puxo “poeta e escritor”. Gustoume.

"Síntome afortunado de saber que escribo nun momento en que xente da miña idade e cinco anos máis nova ou máis vella escribe tan ben"

Dis por aí nas entrevistas que a poesía galega actual é moi boa. Mesmo a mellor da Península.

Si, e que dixese iso mesmo houbo a quen lle molestou… Eu lin bastante poesía portuguesa contemporánea e tampouco quería crear ningunha polémica ao falar de Península. Pero si, creo que aquí se está a facer unha poesía de calidade pasmosa. E síntome afortunado de saber que escribo nun momento en que xente da miña idade e cinco anos máis nova ou máis vella escribe tan ben. Iso é o que quería dicir.

© Manuel Gil

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.