"Isto non só atinxe ao humor gráfico. Isto é unha volta a tempos que pensabamos que desapareceran"

Praza, tamén con 'Charlie Hebdo' CC-BY-SA Praza Pública

"Isto xa non é unha cuestión que atinxa só ao humor gráfico, aos humoristas gráficos ou á liberdade de expresión. Isto é unha volta atrás, a tempos que pensabamos que xa desapareceran, a tempos nos que por dicir algo ou escribir algo podía entrar alguén pola porta a matarte". Kiko da Silva, responsable do Garaxe Hermético, colaborador de El Jueves e ex director da desparecida Revista Retranca, confésase "noqueado" polo masacre de Charlie Hedbo, o atentado contra esta revista esquerdista de humor satírico que este mércores provocou 12 mortos en París.

“Estou aínda noqueado, por moitos motivos, primeiro porque a xente que morreu -Charb, Cabu, Wolinski ou Tignous-, son referentes para nós, a algúns coñecémolos e mesmo tiñamos amizade. Ademais, El Jueves nace en boa medida pola influencia de revistas como Hara Kiri ou Charlie Hebdo, cabeceiras referenciais do humor satírico en Europa”. Da Silva, colaborador de El Jueves, leva todo o día intercambiando mensaxes co resto do equipo da revista, decidindo que resposta dar ante o terrible ataque. "Estamos traballando na escolla dunha portada de homenaxe, e hai xa máis de 60 propostas enriba da mesa, e queremos facer unha portada o máis valente posible e o máis sentida posible", explica.

A revista xa adiantou un breve editorial, pouco despois do atentado, no que salienta que "este crime non hai que circunscribilo a un asunto de viñetas. Equivócanse quen queiran limitar o sanguento atentado a un ataque á liberdade de expresión e á sátira (...) Os mortos e os feridos foron os que nestes momentos nos transmiten os medios de comunicación, pero as vítimas somos todos. Que ninguén o esqueza". Posicionamentos repetidos dende distintos medios de comunicación, por exemplo a Revista Mongolia, que publica a través das redes sociais que "hoxe todos somos ‪#‎CharlieHebdo‬ e estamos coa liberdade de expresión". E tamén por debuxantes de todo o planeta, que ao longo do día foron publicando ilustracións e mensaxes de apoio, como recolle El Diario. A resposta tamén foi inmediata por parte dos profesionais galegos, como José Domingo, que pouco despois de coñecerse a nova escribía en twitter "Horrible. Viva #CharlieHedbo". Ou David Pintor, que mesmo publicou unha ilustración alusiva.

"Nunca unha persoa por opinar de forma distinta merece a morte, e moito menos por facer humor. Se xa nos van privar do humor, xa non nos queda nada", sinalaba Kiko da Silva, afondando na análise que xa fixera hai dous anos, cando a revista fora obxecto dos primeiros ataques por ter publicado unha serie de caricaturas de Mahoma. Da Silva, ademais, sufriu directamente o peso da censura relixiosa nun número especial de Retranca publicado coincidindo coa visita do Papa Ratzinger a Compostela.

Porén, o debuxante salienta que o sucedido este mércores en París vai moito máis aló do humor gráfico ou da mesma liberdade de expresión: "Se non fose Charlie, sería outra revista, e se non fose o humor gráfico, sería calquera xornal", e manifesta o seu temor a que "isto poida ser utilizado polos extremistas dun lado ou do outro. Este tipo de accións o que fan é dividir unha sociedade". "É terrible tamén pensando no momento que se está vivindo en Francia, coa presenza da Fronte Nacional ou coa emerxencia de polémicas coa a provocada polo libro de Houellebecq e as alertas pola suposta islamización de Francia", di. "Isto é unha volta atrás, a tempos que pensabamos que xa desapareceran, a tempos nos que por dicir algo ou escribir algo podía entrar alguén pola porta a matarte", conclúe.

Viñeta publicada este mércores por 'Orgullo y Satisfacción' © Orgullo y Satisfacción
'Malos tempos para o humor', en El Jueves © El Jueves
Praza, tamén con 'Charlie Hebdo' Dominio Público Praza Pública
Ilustración de David Pintor © David Pintor

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.