A 33 edición do Festival Noroeste Estrella Galicia da Coruña avanzou este xoves unha boa parte do seu cartel para este ano, que se completará nas vindeiras semanas. Aos nomes que xa estaban anunciados (Patti Smith and Band, Nathy Peluso, Soleá Morente, Las Antonias...) únense agora novas confirmacións.
Jello Biafra, un dos piares históricos do movemento punk, actuará o venres 9 na praia de Riazor xunto a Patti Smith and Band e a Nathy Peluso. Así mesmo, o sábado 10 os tradicionais concertos da praia estarán protagonizados polo rock dos vascos Belako, o pop de Los Punsetes e a música de baile de Joe Crepúsculo.
Un ano máis o festival coruñés, que se celeebrará entre o 6 e o 11 de agosto, combinará os tradicionais concertos da praia con actuacións de formato máis pequeno, distribuídas polas rúas e prazas da cidade e tamén por espazos singulares, como o Castelo de San Antón. Case todos os concertos, que suman ao redor de 80, serán de balde, nun formato de festival urbano e estendido polo que o pasado ano pasaron máis de 90.000 persoas.
Ademais, o Noroeste vén caracterizándose nos últimos anos polo gran número de bandas e artistas femininas, que na pasada edición foron maioría, e pola ampla presenza de novos grupos galegos. Neste 2019 están xa confirmados Baiuca, Basanta, Electra, Holywater, Os Amigos dos Músicos, Pablo Lesuit, Pardo, Santi Aráujo e Silvia Penide. E as voces femininas volverán a ser igualmente protagonistas, coa presenza de Jenny and the Mexicats, Andhrea & The Black Cats, Vudú e Las Antonias, ademais das que participan nos concertos da praia.
Entre as restantes confirmacións reveladas este xoves, destaca a de Paco Ibáñez, que lles porá música ás composicións de poetas como Alberti, Neruda ou Goytisolo. E tamén a fusión de jazz e fado do compositor e músico portugués Júlio Resende.
Nesta 33 edición, así mesmo, o Festival Noroeste colaborará un ano máis co xa clásico Concurso de Bandas e Solistas de Cuac FM, que proximamente abrirá a súa convocatoria para este 2019. E o evento volverá a contar con sesións matinais, co Ciclo Selección Noroeste (con directos exclusivos en teatros e recintos a cuberto da cidade) e co Mercado da Colleita, que terá lugar na fin de semana.