O 5 de novembro de 1876, hai exactamente 150 anos, O Tio Marcos d'A Portela incluíu nas súas páxinas o primeiro anuncio publicado en prensa: unha promoción das "Máquinas pra coser d'a compañía fabril Singer"
O 5 de novembro de 1876, hai exactamente 150 anos, O Tio Marcos d'A Portela incluíu nas súas páxinas o primeiro anuncio publicado en prensa. Era unha promoción das "Máquinas pra coser d'a compañía fabril Singer" que se vendían non comercio do número 9 da Rúa da Raíña, en Lugo. O anuncio subliñaba a existencia de "notabres rebaixas n'os preceos e grandes descontos o contado" e pedía "fixarse ben pra non ser enganados", relcamando "coidado co-as falsificaciós e imitaciós alemás".
A empresa de máquinas de coser Singer tiña a súa casa central para Galicia e Asturias na Rúa Real da Coruña, número 18. As máquinas vendíanse, a prazos, por 14 reais á semana, cun desconto do dez por cento para pagamentos ao contado.
O Tio Marcos d'A Portela comezara a publicarse apenas uns meses antes, o 7 de febreiro, e está a celebrar neste 2026 o seu 150 aniversario. O xornal impulsado por Valentín Lamas Carvajal, que chegou a vender 4.000 exemplares, foi a primeira cabeceira de masas publicada en lingua galega
O Tio Marcos d'A Portela comezara a publicarse apenas uns meses antes, o 7 de febreiro, e está a celebrar neste 2026 o seu 150 aniversario. O xornal impulsado por Valentín Lamas Carvajal, que chegou a vender 4.000 exemplares, foi a primeira cabeceira de masas publicada en lingua galega. O xornal, que naceu con carácter quincenal (publicándose os días 7 e 22 de cada mes), pasou a ser semanal dous meses despois, saíndo á rúa os domingos. Subtitulado Parrafeos c'o pobo gallego, tivo dúas etapas, a primeira dende 1876 ata 1880 e a segunda dende 1883 ata 1889.
O compromiso do xornal coa lingua galega e co seu impulso ía máis aló do seu uso con normalidade (o que en si mesmo xa era un fito). Na súa cabeceira tamén se podía ler: “Teñen os pobos gala, no seu linguaxe falar. Fálase chino na China, portugués en Portugal, catalán en Cataluña, e na Alemaña, alemán, só os galegos de agora, ata vergoña lles dá falar a melosa e doce fala que falan os seus pais”.
Hai uns anos o Consello da Cultura Galega acolleu a xornada A publicidade en galego, co obxectivo de revisar un ámbito da comunicación fundamental para a normalización da nosa lingua, atendendo o aspecto diacrónico e de evolución, e fotografando o estado actual, desde os puntos de vista das empresas, da teoría da comunicación, da publicidade e da lingua.
Máis recentemente, a Real Academia Galega publicou un volume de Estudos de Onomástica centrado nos "nomes comerciais" e que afondaba en distintas cuestións relacionadas co uso do galego nas marcas comerciais e na publicidade, tanto de forma xeral como en sectores determinados, como o vitivinícola