Un Culturgal para todos os sectores da cultura galega e máis de 200 actividades

Camilo Franco, director do Culturgal, este martes na rolda de prensa de presentación da edición 2026 ©

A XIX edición de Culturgal celébrase un ano máis en Pontevedra do 26 ao 29 de novembro. En total, a Feira das Culturas Galegas reunirá a máis de 800 artistas e creadores de todas as disciplinas en preto de 200 espectáculos e actividades

A XIX edición de Culturgal celébrase un ano máis en Pontevedra do 26 ao 29 de novembro. En total, a Feira das Culturas Galegas reunirá a máis de 800 artistas e creadores de todas as disciplinas en preto de 200 espectáculos e actividades. Haberá, ademais, 100 postos para empresas e entidades, sete escenarios cunha programación continua, 12 espectáculos para público familiar, seis concertos, 25 actividades literarias, actividades de videoxogos e de audiovisuais.

A programación presentouse este martes en Pontevedra nunha rolda de prensa na que Camilo Franco, director do evento, salientou que “o programa demostra como a feira foi medrando nestes últimos anos e como os distintos sectores da cultura galega foron ampliando a súa maneira de participar en Culturgal”. 

Entre as novidades deste ano, Camilo Franco destacou a modificación nos accesos a Culturgal no Pazo da Cultura de Pontevedra polas eleccións xerais do 29N, a nova ubicación do Espazo Arte, “e o cambio dos postos institucionais por unha maior participación das institucións na programación da feira”.

Cartel da edición 2026 do Culturgal, obra de Fausto Isorna ©

O musical As Cigarreiras, unha tarde de homenaxe a Narf ou  un concerto das bandas gañadoras dos premios Martín Códax, entre os avances da programación

As actividades no auditorio do Pazo da Cultura serán de xoves a domingo, comezando o xoves co musical ‘As Cigarreiras’, un espectáculo total de música, baile e teatro, coa Banda Municipal da Coruña, Cantigas da Terra, e o grupo Santaia (21:00 horas, entrada libre con invitación). 

O venres 27, ‘Á espera do baleiro’, unha peza de danza contemporánea, coprodución da compañía galega iXa, a Companhia de Dança de Almada e o Centro Coreográfico Galego. Esta función vai ser, ademais dunha estrea en Galicia, unha homenaxe ao coreógrafo desta peza, Xián Martínez, falecido moi recentemente aos 30 anos de idade (21:00 horas, entrada libre con invitación). Ademais, Culturgal terá o venres unha tarde de lembranza para Narf polo seu décimo cabodano, reunindo a un dos seus grupos, Os Quinindiolas, e a Satélite Salitre.

O sábado 28, tamén no Auditorio do pazo, haberá un concerto das bandas gañadoras dos premios Martín Códax de música, que a partir de Culturgal inicirán unha xira por Galicia. As bandas participantes serán Abril, Allo Negro, Lidia India e Michu da Rocha, coa presentación de Serxio Zearreta. 

“O programa demostra como a feira foi medrando nestes últimos anos e como os distintos sectores da cultura galega foron ampliando a súa maneira de participar en Culturgal”, destacou Camilo Franco

No ámbito das letras destaca a Festa dos Clubes de Lectura, que volverá reunir en Culturgal a integrantes de máis de 30 clubes de toda Galicia con autores como María Peinado, Carlos Lixó e Pedro Feijóo. Cómpre salientar tamén a estrea do novo poemario de Antón Reixa, que estará na feira con Nuno Pico, de Grande Amore. Outra das novidades será a presentación do libro conxunto de Rosa Aneiros con Miguelanxo Prado. 

Ademais, como nos últimos anos, a feira acolle a primeira actividade do Día das Letras Galegas, que vai estar dedicado a Xosé Neira Vilas, cunha combinación de letras e música con Cándido Pazó e o Ensamble Liberdade.

Rolda de prensa de presentación da edición 2026 do Culturgal, este martes en Pontevedra ©

No ámbito das letras destaca a Festa dos Clubes de Lectura, que volverá reunir en Culturgal a integrantes de máis de 30 clubes de toda Galicia con autores como María Peinado, Carlos Lixó e Pedro Feijóo

No audiovisual, Culturgal vai facer en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual un maratón de curtas producidas en Galicia durante este ano, e proxectaranse tamén unha boa parte dos traballos documentais producidos en Galicia no 2026. Haberá igualmente un pase restrinxido de Kiro, o documental sobre Ana Kiro e a presentación de Planeta Pampín, con Pili Pampín.

No sector dos videoxogos, Culturgal terá este ano O barrio dos videoxogos, no que se agruparán os colectivos do sector e, ademais das actividades para xogar, celebrarase un encontro sobre as Game Jam que se celebran en Galicia.

As entradas e os bonos, coa mesma fórmula de descontos que en anos anteriores, estarán á venta en Ataquilla desde este mércores, tanto para os espectáculos gratuítos como para o de pago (concerto do sábado pola noite).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.