Josman: A historia do cine gardada nun videoclube

Entrada do Josman © Enimaxes

Hai unhas semanas pechaba na Coruña o videoclube Josman, despois de 30 anos de actividade. Todos os meses pechan nesta e en calquera cidade pequenos comercios, pero o Josman non era un comercio máis e tampouco era un videoclube máis. Era, posiblemente, o segundo máis grande de España, tras o Vídeo Instan de Barcelona, e chegou a ter máis de 17 mil clientes. A súa historia é a historia do consumo de cinema nas últimas tres décadas (a guerra VHS-Beta, milleiros de estras, a procura de filmes singulares, a chegada do DVD, a chegada de Internet...) e é a historia mesma do cinema.

Todo iso fíxoo merecedor dun filme que documentase o seu peche, Josman (#dMudanza), dirixido por Iago González e que este sábado se estreará no CGAI a partir das seis da tarde. "Todos os que nos anos noventa fagocitabamos cine na Coruña acabábamos aí, porque era o templo do cinema na cidade. Era o lugar onde podía atopar filmes raros, que a outros sitios non chegaban", destaca o director, que engade que "aínda que para moita xente pasaba desapercibido, isto pertencía á cidade e ten moita historia detrás. Aos que temos o noso corazonciño cinéfilo dóenos ver como pecha".

O filme amosa as últimas horas deste negocio polo que todos os e as amantes do cinema na cidade (e mesmo de fóra) pasaron algunha vez, e faino sobre todo a través das voces de Julia Sánchez e Manolo Rioboo, os seus responsables. "Dende fóra tal vez sexa outro peches comercial nunhaemblemática rúa coruñesa, pero na historia de Julia e Manolo hai 30 anos de mimo e coidado á clientela; de adaptación á tecnoloxía e á lexislación; da falta de evolución dun sector, o cinema, que carece dela dende moito antes de que os novos medios nos foran invadindo. Na súa historia persoal collen moitas historias", destaca.

Josman pecha pola dificultade de facer viable un negocio deste tipo nestes momentos en España. Xa nos anos anteriores tivera que ir superando moitos obstáculos, ás veces motivados polos cambios de formato, pero sempre fóra saíndo adiante. Para Iago González, os videoclubes "son un negocio condenado a desaparecer, sobre todo tendo en conta que o actual marco lexislativo non lles permite adaptarse aos tempos". Pero destaca que isto non tería por que ser inevitable: "Mesmo tendo en conta a piratería e internet, os videoclubes seguramente poderían subsistir se se regulasen doutro xeito as fiestras de exhibición das películas e os tempos a partir dos cales se pode sacar un filme á venda".

Entrada do Josman © Enimaxes
© Enimaxes
Interior do Josman © Praza Pública
Julia Sánchez y Manolo Rioboo © Enimaxes

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.