Kepa Junkera: "Galicia é unha cultura moi admirada e respectada"

Kepa Junkera, rodeado de pandeiretas © Fol Música

Kepa Junkera é un dos músicos vascos máis internacionais. Acabado de chegar de Irlanda, atende a Praza dende Euskadi mentres ultima os detalles do concerto que, no marco do ciclo Sons, ofrecerá este sábado en Compostela. Junkera subirá ao escenario do Teatro Principal compostelán acompañado dun grupo metade galego, metade vasco, para despregar os sons do seu último traballo, Galiza (Fol Música), un libro-disco no que homenaxea a música e a cultura galega acompañado dunha constelación de artistas do país como Xabier Díaz, Davide Salvado, Leilía, a Banda das Crechas, Luar na Lubre, Radio Cos, Os Cempés ou Uxía Senlle. Toda unha declaración de amor a Galicia.

Este disco ponnos ás galegas e aos galegos diante dun espello. Que tal saímos?
Iso teredes que dicilo vós [ri]; para min é un retrato feito dende a admiración, dende o agarimo e dende a paixón. Eu tentei facelo como o sentía, para min dende hai moitos anos a música de Galicia e a súa cultua tradicional parécenme apaixonantes, sempre me emocionou moito. Eu, que compoño temas, valoro moito as melodías tan bonitas que ten a vosa cultura. Niso me baseei; é un proxecto que para min supón un soño que se xestou durante anos e ao final tiven a sorte de realizar e estou moi agradecido. Non sería posible sen tantos amigos, sen as súas ganas e entrega; sempre recibín ese agarimo durante os 20 anos nos que me levan chamando de Galicia.

"A música de Galicia e a súa cultura tradicional parécenme apaixonantes"

O seu coa música galega xa non é un frechazo, senón unha relación prolongada...
Foi un frechazo no primeiro momento. Cando descubrín a Milladoiro, as súas melodías tan preciosa. Despois tiven a sorte de colaborar con Carlos Núñez, Xośe Manueñ Budiño, coas pandereiteras, os grupos... percorrer as festas e festivais, os lugares tan especiais onde sempre vibrei moito, sempre hai moita enerxía. Sempre hai unha forza especial, mesmo tocando os meus temas, notaba unha forza e unha enerxía moi especiais. É unha experiencia musical de moitos anos.

En Galiza non atoparemos nada semellante a outros proxectos que pouco teñen que ver co país pero que se vernizan de galegos para determinadas ocasións, con algún instrumento ou algún ritmo...
Hai moitos xeitos e moitos camiños. Eu elixín a a materia prima tal cal a recibía e eu engadinlle instrmentos que eu controlo, como a trikitixa, a txalaparta, os irrintxis... Decidín non achegar unha guitarra, un baixo ou arranxos electrónicos, preferín a esencia e estou contento co resultado. É arriscado, porque con outros instumentos se pode facer un son máis comercial, máis xeralista. Eu preferín facelo como eu o sentía e tiven a sorte de que todos os artistas me deixaron modelar as cancións. Foi un traballo común. Hai temas arranxados moi bonitos, coa Central Folque, con Rodrigo Romaní... é xente de moito nivel. Tamén estou moito contento porque no proxecto está a canteira e os nomes máis consagrados e todos tratados igual. E iso tamén é unha opción miña. Non quería os grandes nomes ao principio.

"Veño de tocar en Irlanda e é unha marabilla, pero hai algo na música de Galicia que a min me enche"

Por que Galicia e non Irlanda ou Bretaña, por exemplo?
Esta semana toquei en Irlanda e é unha marabilla, cuns músicos incribles... Pero hai algo na música de Galicia que a min me enche. Eu non non me dediquei normalmente a facer monográficos sobre culturas, eu fago a miña música con moias achegas, pero nunca un desembarco nuha cultura coma este, a este nivel... Toquei con moitos músicos irlandeses e bretóns e tamén son unha marabillla... non me gustan tanto os os sons máis globais, cánsanme antes. 

Vostede distingue a Galicia física e a Galicia emocional... Que atopou nelas?
A miña experiencia sempre foi moi positiva en todas as Galicias que me atopei, dende as máis coñecidas e estereotipadas ás que hai que ir buscar, as que a través da música tiven a sorte de atopar, con tantos anfiritrións que sigo coñecendo, porqeu é inabarcable. Igual que me podo perder na cultura vasca, sempre vai haber unha vila, unha persoa especial que te vai marcar con algo novo. No meu caso, a experiencia que tiven a nivel persoal cos galegos a nivel xeográfico, físico, gastronómico... sempre foi moi positiva porque fun con esa actitude. Non fun buscar defectos, fun gozar do momento e do día a día. É totalmente recomendable.

Como se está a recibir o proxecto en Euskadi?
Recibiuse moi ben, tanto en Euskadi como entre toda a xente que me segue noutros territorios. De feito, o venres preséntoo en Ponferrada, o sábado en Santiago pero despois estou en Daimiel, en Ciudad Real, en Málaga... e vou mesturar estes temas con temas meus. A xente recíbeo moi ben, é moi agradable e moi positiva. E valórao moito porque tamén se senten parte do que lles estou contando. Canta xente non vén a Euskadi e se sente vasco? Galicia é unha cultura moi admirada e moi respectada.

"A gravación do disco foi unha festa e facelo todo en directo deulle un plus de credibilidade"

A gravación do disco tivo moito de festa ou case de romaría, pola multitude de músicos que participaron...
Non foi un traballo de tensión, foi unha festa, unha xuntanza, máis aínda porque se fixo en directo; outras gravacións por pistas son un chisco máis frías. Neste caso, optar por facelo todo en directo deulle un plus de credibilidade.

A xenerosidade é un ingrediente fundamental para un proxecto así?
Senón é imposible. Toda esta xente śentese parte do proxecto e sabe o que ten que achegar. É como se Uxía me di que quere facer unha canción de aquí [de Euskadi] e conta comigo, eu voullo dar todo, non lle vou poñer trabas. Para min é o normal, é o que eu faría, a xente sábeo. O estraño sería facelo doutro xeito.

E o amor polo propio? Hai quen di que iso non está de moda...
As modas moitas veces fainas un mesmo ou a xente que non está na mesma liña ca ti. Pódese seguir unha moda ou outra e non pasa nada. Non creo que haxa maior problema, eu non me fixen a pregunta de se está de moda facer este proxecto. Ti tes que crer no que ti sentes.

Hai quen o contrapón co ese amor polo propio co cosmopolitismo e a aposta por eses ritmos máis globais...
Eu, como calquera persoa que está conectada, tamén coñezo o que me chega, senón teríamos que ir vivir á punta dun monte e nin así. Todos coñecemos o que recibimos e o que ten o poder de chegar a unha xeralidade máis ampla xa sabemos o que é. Pero tamén se poden facer outras cousas, ti vas evolucionando e o público tamén evoluciona. Onte, lendo a revista Rolling Stone, na portada está o papa e pareceume que ten o seu punto, outro dirá que isto é un sacrilexio... De súpeto pódente levar ou non á portada dun gran medio, pero non se pode estar pensando niso.

"No espectáculo vaise atopar unha música viva, en constante evolución"

Que atoparemos no espectáculo de Galiza? Non se van xuntar todos os músicos do proxecto...
Iso tampouco se concibiu nunca. O que se vai atopar é unha música viva, en constante movemento e evolución. Fixemos un grupo vasco-galego, con Xabier Díaz coas percusións, a gaita e a voz; Pedro lamas co saxo e a gaita, e tres rapazas que colaboran: Carolina Vázquez, Cristina Pico e Cristina González. De aquí levo a txalaparta e o teclado. Con ese dúo de músicos facemos a avaliación do proxecto pero non o tocamos exactamente igual, sempre improviso, facemos variacións, experimentamos... E cando hai un festival grande, facémolo con convidados; este sábado, por exemplo, estará Uxía Senlle.

Estarán tamén presentes temas que xa son himnos, como Bok Spok?
Eses temas tamén os toco.  Imos gozar moito dos concertos, porque a miña filosofía tamén é non tocar exactamente igual sempre. A Xente de Galicia vai atopar todos os temas co meu pulso, co son das nosas percusións... Ides recoñecer os vosos temas  pero con sons diferentes.

O músico, durante a gravación de 'Galiza' © Fol Música

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.