Krahe: Da Mandrágora ao crucifixo cociñado, unha vida irreverente

Javier Krahe CC-BY-SA Asier Solana Bermejo

A pasada madrugada morreu, aos 71 anos de idade, Javier Krahe. O cantautor madrileño sufriu un infarto na súa casa de Zahara de los Atunes (Cádiz), deixando atrás corenta anos de carreira musical, quince discos, un pequeno pero moi fiel círculo de seguidores e seguramente máis de un inimigo, aos que non sempre gustou a sátira das súas cancións e o seu espírito irreverente.

Foron moitas as ocasións nas que Krahe actuou en Galicia, nomeadamente en locais de jazz e canción de autor, coma o Dado Dadá de Compostela, onde era un habitual. De feito, foi en Galicia onde ofreceu o seu derradeiro concerto, en Boiro concretamente, o pasado 28 de xuño, en A Pousada Das Ánimas, outro dos locais nos que actuaba con frecuencia. O responsable do local salienta este domingo na súa conta de Facebook que "sempre estará presente na Pousada, aquí seguirá vivindo" e subliña que Krahe era "un home que respiraba e contaxiaba vitalidade"

Os seus amigos, moitos deles do mundo da cultura, recórdano este domingo. Pablo Carbonell foi o primeiro en anunciar en twitter o seu falecemento; “No digáis se nos fue el mejor de todos, malogrose el cumplido cantautor, era bueno, tenía suaves modos...’. D.E.P Javier Krahe. Gracias”, escribiu. De igual xeito El Gran Wyoming declarou que “Javier Krahe era o home serio máis gracioso de todos os tempos”

Aínda que sufriu a censura (por exemplo en 1986 en TVE polo seu Cuervo Ingenuo dedicado a Felipe González) foi xa no final da súa vida, en 2012, e cunha democracia máis que asentada, cando tivo que enfrontar o proceso máis duro ligado á liberdade de expresión. En maio de 2012 Krahe foi xulgado por un presunto de delito de "escarnio á relixión" por mor da curtametraxe Sobre la Cristofagia, na que se ofrecían instrucións para cociñar un crucifixo. O clip formaba parte do documental Esta no es la vida privada de Javier Krahe, realizado por Ana Murugarren e Joaquín Trincado e do que Canal+ emitira varios fragmentos, entre eles a curta do Cristo cociñado. No xuízo Krahe estivo apoiado por Anton Reixa, Miguel Ríos, Alex de la Iglesia ou Leo Bassi, entre outros. Finalmente foi absolto, sinalando a xuíza que o filme foi o resultado do lexítimo exercicio dunha expresión artística que "cun compoñente burlesco, fixo unha crítica do fenómeno relixioso na nosa sociedade", cun "inequívoco sentido satírico, provocador e crítico, pero non o de ofender". Ese mesmo ano Reixa levou o documental ao Festival de Donosti.

Pero alén disto, e moito antes, Krahe era un cantautor, iniciando en 1980 unha carreira musical con temas moi inspiradas no francés Georges Brassens. Con Joaquín Sabina e Alberto Pérez grava en 1981 o disco La Mandrágora, tomando o nome dun dos locais no que adoitaban actuar. En 1986 tivo lugar un dos episodios máis coñecidos da carreira de Krahe, cando Televisión Española censurou o seu tema Cuervo Ingenuo, que se ía emitir como parte dun concerto de Joaquín Sabina. Foi moi comentado, igualmente, o momento no que Pablo Iglesias cantou a dúo con Krahe (o pasado mes de novembro) a canción nun local de Madrid

 

En total, Krahe publicou 15 discos, con temas tan coñecidos como Marieta ou Un burdo rumor. Ata chegar ao seu derradeiro disco de estudio, publicado en 2013, Las diez de últimas. E tamén á edición o pasado ano de En el Café Central de Madrid, un CD e DVD no que repasa os seus temas máis coñecidos.

Javier Krahe en concerto CC-BY José Mesa
Krahe en Boiro, o pasado 28 de xuño, onde ofreceu o seu derradeiro concerto © A Pousada das Ánimas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.