'La Merda': os cascallos do xenocidio cultural consumista

'La Merda' © MIT

Unha forza brutal. Volcánica. Torrencial. Cunha interpretación núa. Descarnada. Fervenza que supura miseria. Dor. Verdade. Política. Poética. Son os piares de La Merda, a obra de Frida Kahlo Productions, Richard Jordan Productions Ltd & Produzioni Fuorivia in association with Summerhall que o público da MIT de Ribadavia non podía onte deixar de aplaudir. O texto, de Cristian Ceresoli, abanea os discursos baleiros dunha sociedade que, explicaba o propio autor, é o último produto do xenocidio cultural denunciado por Pier Paolo Pasolini: o totalitarismo do mercado. Do consumo. A represión dos corpos. Das vidas. Máis sutil. Mais non menos eficaz.

Porque, onde fica a liberdade nas democracias de reality show? Que alicerces sustentan a identidade tras a demolición da cultura? A actriz Silvia Gallerano sacode o público con preguntas coma estas nun monólogo desacougante, vibrante, por veces violento e sempre revelador da ferida de vivir esmagado polos desexos impostos por outros. Polos soños que non construímos. Que nos conducen a aturalo todo.

Mesmo a comer merda, como fai, para obedecer as esixencias dun casting televisivo, a moza á que Gallerano dá vida nesta obra sen adobíos, sen máis sobre o escenario que a actriz espida, sentada baixo un foco de luz e impecable na mudanza de rexistros, na representación de conversas con interlocutores ausentes, na creación de imaxes coa voz e o corpo e na autenticidade dunha interpretación dunha hora que en ningún momento perde o ritmo. Devastadora.

"Non falamos, en concreto, de Berlusconi. Pero si da nosa adolescencia. De cando a televisión comezaba a dirixir a vida das persoas: como ten que ser o teu corpo, cales teñen que ser as túas ideas...", salientou Silvia Gallerano no coloquio aberto que seguiu ao espectáculo. Porque a Merda é a mesma en todos os lados. "A destrución da identidade humana é semellante en todos os pobos", dicía Cristian Ceresoli, que asegurou que a obra fora "censurada" polo sistema teatral institucional italiano.

"O xenocidio cultural", salientou Ceresoli, "comezou tras a II Guerra Mundial"

"A cuestión", -indicou Ceresoli-, "é o uso que o poder fai da televisión. Non podemos ser o que eles queren que sexamos e iso xera frustración". Nin Sylvester Stallone, -paradigma do "macho"-, nin a muller de éxito autoinmolada pola ideoloxía do sacrificio. Axeonllada. Alienada. Mais tamén lúcida e rebelde no seu desespero. "O xenocidio cultural", salientou Ceresoli, "comezou tras a II Guerra Mundial".

Cunha ligazón, ademais, entre idioma e estratificación social que reprimiu as variantes dialectais. "Había vergoña de ser pobres", -matizou Gallerano-, "e iso leva a que se rexeiten os dialectos. Pérdese o idioma, a identidade, as raíces. Falta a cultura. Todo o mundo se sente igual, parte dun país, pero ninguén sabe de onde vén. As celebracións da unidade italiana son pura retórica. Porque nunca se construíu unha identidade desde nós, desde algo que fose noso. Foi algo externo, imposto. No norte houbo resistencia despois da II Guerra Mundial, mais no sur estaban os americanos. E a identidade imposta serviu para evitar a revolta das clases sociais empobrecidas".

Mais La Merda afronta todo isto desde unha historia persoal. Unha moza aguilloada pola procura dun xeito de ser algo. Alguén. Tamén pola perda do pai. E pola presión da nai. "A idea", -comentou Gallerano-, "é que se non es famosa non viviches. É moi estresante. Obrígate a vivir con esa dor. Porque non é posible para todo o mundo". É, -engadiu Ceresoli-, "unha loita pola identidade que non o é realmente. Como a nosa fémina, que está disposta a morrer por un ideal imposto. E é algo moi serio, porque hai adolescentes de 12 ou 13 anos que se suicidan. E moita outra xente que vive morta. Sen saber quen é. Nun mundo no que todos os aeroportos son o mesmo. Un só".

"En Italia", indicou Gallerano, "o macho é como o spaguetti. Xa nin o ves, porque está en todo"

O texto apunta tamén a cuestións relacionadas co discurso de reality show arredor do éxito, como o machismo. "En Italia", indicou Gallerano, "o macho é como o spaguetti. Xa nin o ves, porque está en todo". Mais non só pasa na televisión de Berlusconi. "Hai una esquerda", -salientou Ceresoli-, "que non quere ver a realidade. Critica a obra por non ser politicamente correcta por imitar un discapacitado. Pero non teñen problema por tocar o cu dunha muller nun bar. E o machismo tamén é unha forma de fascismo".

La Merda foi estreada en Italia no 2012. Pero obtivo máis recoñecemento fóra que dentro do seu país de orixe. "Ninguén quería producirnos", lembrou Ceresoli

La Merda foi estreada en Italia no 2012. Pero obtivo máis recoñecemento fóra que dentro do seu país de orixe. "Ninguén quería producirnos", lembrou Ceresoli. A versión en inglés puido verse no Summerhall, no Fringe Festival de Edimburgo, onde gañou o premio ao mellor texto. Con este viñeron outros galardóns. "Ao final acabaron téndonos envexa", dicía Gallerano. Desde o público, preguntáronlles se o texto deixaba lugar para a esperanza. No medio da corrente de manipulación. "Nós non temos as solucións. A cultura non é moral, ensino, visión única. É mellor mostrar, do xeito máis sincero posible. Provocar algo nas persoas", aseguraba. E abofé que o conseguen.

 

Rudo

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia acolleu tamén o martes 21 o espectáculo circense Rudo, da catalá Cia. Manolo Alcántara. A procura de equilibrios que semellaban imposibles cimenta esta obra, metáfora das moitas vidas que se construíron desde o esforzo extremo, os retos persoais máis incribles e tamén a rudeza crúa de quen non ten máis que as súas mans para tirar para adiante e facerse co seu lugar no mundo.

A música, interpretada en directo por Laia Rius e Maria Bou, acompaña as peripecias dun home que súa, gruñe, que ás veces asusta e que sempre sorprende. Que non cesa na súa teima de construír

Manolo Alcántara vai erguendo torres e figuras con planos inclinados, con diagonais que tracexan equilibrios de aparencia precaria, mais sustentados nun xogo de contraposición de forzas que remite á historia antiga da arquitectura. Pura física. Como cando constrúe un arco de caixas de madeira que se aguanta no aire. Sen apoios.

A música, interpretada en directo por Laia Rius e Maria Bou, acompaña as peripecias dun home que súa, gruñe, que ás veces asusta e que sempre sorprende. Que non cesa na súa teima de construír. De camiñar por estruturas que el mesmo ergue, sen máis senda que unha barra metálica apoiada nas caixas. Equilibrismo. Beleza. Traballo físico e mental que crea un espazo íntimo de loita pola supervivencia. Ou polos soños.

'Rudo' CC-BY-SA Montse Dopico
Coloquio sobre 'La Merda' CC-BY-SA Montse Dopico
'La Merda' © MIT
'Rudo' © MIT

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.